
Martín Salvado, economista e investigador en economía política, analiza na serie 'Mocidade e democracia' como a precariedade laboral e a crise da vivenda erosionan a confianza da xente moza nas institucións e os riscos da lexitimación de discursos que converten en opinables dereitos e consensos básicos
A crecente desafección política e o avance de discursos reaccionarios nas xeracións máis mozas puxeron no centro do debate a saúde do noso sistema político. Ante este escenario, xorden preguntas clave: que hai detrás desta frustración e ata que punto as condicións materiais e a falta de expectativas están a condicionar a visión que a mocidade ten da democracia?
Para profundar nestas cuestións sen caer en clixés, a Fundación Praza Pública desenvolve o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria. A iniciativa combina contidos xornalísticos de análise con citas presenciais como o foro O papel da mocidade na crise democrática, organizado canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia de Santiago.
Neste marco inscríbese a serie de entrevistas Mocidade e democracia, que conta coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. O protagonista desta entrega é Martín Salvado, economista e investigador en economía política e autor do estudo Perception on the youth on the actual state of liberal democracy in Galicia, Euskadi and Catalunya, que foi, precisamente, unha das faíscas que deu orixe ao propio Foro Praza na Ágora.
Martín Salvado é un dos coordinadores do foro 'O papel da mocidade na crise democrática', o 25 de setembro en Santiago organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Praza Pública
Na conversa, Salvado analiza como a precariedade laboral e a crise da vivenda erosionan a confianza nas institucións, sinalando que o desencanto responde máis a un fracaso do sistema para ofrecer solucións materiais que a un rexeitamento dos valores democráticos. Así mesmo, aborda o impacto da polarización dixital e a fenda de xénero, advertindo de que o maior risco do auxe da extrema dereita é a cancelación do matiz e a lexitimación de discursos que converten en opinables dereitos e consensos básicos.
Martín Salvado é, asemade, un dos coordinadores do I Foro Praza na Ágora que, baixo o título O papel da mocidade na crise democrática, se celebra o 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia, en Santiago, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración da Fundación Praza Pública. Será, tamén, un dos relatores na mesa titulada Eu que pinto aquí?, na que canda a empresaria Aida Estévez e mais con Ana Baneira, voluntaria en diversas organizacións non gobernamentais, abordarán o tema do foro dende a perspectiva da mocidade interpelada dende cadansúas experiencias vitais e profesionais.