
Prado Rúa, primeira convidada na serie 'Mocidade e democracia' cunha reflexión sobre o peso das redes na opinión pública, a desinformación ou as vantaxes e inconvenientes de tomar posición política en contidos para xente moza
Crise democrática. Percepción de que unha parte relevante da mocidade vive con desencanto o momento histórico actual e que sectores da xente nova, segundo diversos estudos, se aproximan á extrema dereita como nunca antes fixeran.
Neste panorama xeral a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, ten en marcha o proxecto multimedia Mocidade, democracia e memoria, unha iniciativa que procura fuxir de tópicos e ideas preconcibidas para rastrexar o papel da xuventude neste contexto. Quer con citas presenciais, caso do foro O papel da mocidade na crise democrática, que organiza canda a Deputación da Coruña o vindeiro 25 de setembro en Santiago, quer con contidos xornalísticos pausados para profundar na cuestión.
Nesta vontade encádrase a serie de entrevistas Mocidade e democracia que, coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, bota a andar neste setembro cunha primeira conversa coa comunicadora e creadora de contido ourensá Prado Rúa. Nesta entrevista reflexiona canda nós sobre o papel do idioma e a cultura galega no ámbito dixital, o peso das redes sociais na opinión pública, a desinformación e a alarmante percepción que algúns sectores teñen hoxe en día da democracia.
A comunicadora e creadora de contido é tamén unha das partipantes no foro 'O papel da mocidade na crise democrática', o vindeiro 25 de setembro en Santiago
Nesta conversa aborda, entre outros temas, as vantaxes e inconvenientes de tomar posición ideolóxica con claridade na esfera pública dirixida á mocidade. Tamén sobre a presenza da extrema dereita en Galicia ou a fenda de xénero que existe entre a xente nova nesta tendencia cara á dereita.
Prado Rúa é tamén unha das participantes ao I Foro Praza na Ágora que se celebra o 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela, baixo o título O papel da mocidade na crise democrática