'O encontro' leva á Alameda compostelá o traballo impulsado polo Consello da Xuventude de España e '50 en Liberdade' para "reforzar a implicación xuvenil na vida política e social" e "fortalecer" a súa "cultura democrática"
"Reforzar a implicación xuvenil na vida política e social e posicionar a mocidade como actor político lexítimo e esencial para o presente e o futuro da democracia". É a premisa da que partiu o proxecto DemocraZia con Z, unha iniciativa do Consello da Xuventude de España (CJE) e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade (EEL) que pon no albo a participación na vida pública da xente moza nada entre finais dos anos 90 e o comezo da segunda década deste século.
DemocraZia con Z espallouse por todo o Estado adquirindo características de seu en función do territorio. Procurando "fortalecer a participación xuvenil e a cultura democrática", impulsando a creación de "espazos de encontro entre mocidade organizada e non organizada" e pensando "novas formas de representación e incidencia". Un traballo que, no caso de Galicia, sae á rúa o vindeiro 12 de setembro na Alameda de Santiago coa celebración d'O encontro, un evento que combina a explicación do camiño andado polas mozas e mozos implicados na iniciativa co diálogo distendido e tamén coa festa.
Diversas asociacións xuvenís estiveron no centro desta reflexión, con xuntanzas previas como a celebrada o pasado maio no Centro Xove da capital galega. De alí tiraron conclusións como a necesidade de máis "espazos estables de participación" ou eivas como a "desconexión entre entidades" ou a inexistencia do Consello da Xuventude de Galicia con personalidade xurídica propia, órgano que a Xunta extinguiu en 2012 derrogando a lei que o sustentaba dende 1987 para despois remudalo en 2014 por un Consello Asesor e Consultivo que nunca acabou de poñer en marcha.
As asociacións xuvenís son protagonistas nunha iniciativa que combina a presentación do traballo xa feito coa reflexión en espazos como un podcast ao vivo sobre a crise da vivenda e mais coa música e o lecer
Todo isto plasmarase o día 12 no paseo central da Alameda compostelá a partir das 17h e ata as 22h30. Unha feira de asociacións xuvenís, con cadansúas dinámicas e unha particular Compostela para ir obtendo selos mediante a participación nas actividades, combínase cun programa de lecer e reflexión que comeza coa actuación musical de Lubela ás cinco da tarde.
As músicas de Dj Casanova acompañarán a concorrencia ata que, ás 18h30, comece un podcast ao vivo moi especial co equipo d'O Faiado e mais con María Bouabdellah centrados nunha das cuestións que, tal e como reflectiron os encontros previos, máis preocupan a xente moza tamén no noso país: o acceso á vivenda. A continuación chegará o teatro con Alomais e máis música con Chiskeiro, Fuego Lolita e Dj Beta.
O día 25, máis olladas sobre a mocidade e a democracia
O Encontro da iniciativa DemocraZia con Z celébrase nun contexto no que chegan máis citas e contidos para a reflexión sobre a mocidade galega e a súa percepción da democracia. É o caso do primeiro foro de Praza na ágora, un encontro organizado tamén en Santiago pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal, baixo o título O papel da mocidade na crise democrática. Celébrase o 25 de setembro no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, (Praza de Salvador Parga, 4).
O 25 de setembro o CSC Maruxa e Coralia, en Santiago, acolle o foro 'O papel da mocidade na crise democrática', organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública
Este foro parte dunha realidade cada vez máis presente no debate público: a percepción de que unha parte da xente nova vive con desencanto o momento histórico actual; unha situación que diferentes estudos relacionan cun aumento da polarización e do apoio a opcións políticas extremas.
A través de tres coloquios analiza as causas deste fenómeno e explora as oportunidades que ofrece a participación da mocidade na construción dunha democracia máis sólida e inclusiva con participantes como a antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez, o investigador Martín Salvado, a integrante da asociación empresarial CIJE Vigo Aida Estévez, Ana Baneira, voluntaria en ONG, a socióloga, politóloga e influencer Miriam J. Lastra, a xornalista e experta en comunicación dixital Marta Veiga Izaguirre e a creadora de contido Prado Rúa
O foro contará cun peche en clave musical coa actuación do grupo muradán de punk rock Lisdexia. Toda a información e máis novidades, nas vindeiras semanas en Praza e nas súas contas nas redes sociais.