Redes sociais, polarización, participación: 'Praza na ágora' debate o papel da mocidade na crise democrática

O foro 'O papel da mocidade na crise democrática' celébrase o 25 de setembro en Santiago © Fundación Praza Pública

O foro 'O papel da mocidade na crise democrática', organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, celébrase o 25 de setembro no CSC Maruxa e Coralia, en Santiago

Como se espallan os discursos de odio nas redes sociais? Está a medrar o pensamento de extrema dereita entre parte da mocidade? Que rol ten a xente nova no fortalecemento do sistema democrático? Estas son algunhas das cuestións que se tratarán no primeiro foro de Praza na ágora, un encontro organizado pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal. Terá lugar o 25 de setembro no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, (Praza de Salvador Parga, 4) en Santiago de Compostela.

Este primeiro foro leva por título O papel da mocidade na crise democrática e partirá dunha realidade cada vez máis presente no debate público: a percepción de que unha parte da xente nova vive con desencanto o momento histórico actual; unha situación que diferentes estudos relacionan cun aumento da polarización e do apoio a opcións políticas extremas. A partir desta reflexión, o foro pretende analizar as causas deste fenómeno e explorar tamén as oportunidades que ofrece a participación da mocidade na construción dunha democracia máis sólida e inclusiva.

Prado Rúa, Miriam J. Lastra, Serxio María Rodríguez, Luzia Oca, Ana Baneira, Aida Estévez, Marta Veiga e Martín Salvado participan no foro 'O papel da mocidade na crise democrática', que organiza a Deputación da Coruña en colaboración coa Fundación Praza Pública CC-BY-SA Praza.gal / Remitidas-cedidas

Co debate público cada vez máis desprazado das prazas ás pantallas, Praza na ágora reivindica o valor da conversa presencial como espazo de reflexión colectiva. O formato aposta por conversas abertas, intercambio de ideas e participación do público, combinando voces de diferentes idades e procedentes da universidade, o asociacionismo, o emprendemento ou a comunicación dixital.

Luzia Oca, Serxio María Rodríguez, Miriam J. Lastra, Prado Rúa, Marta Veiga ou Ana Baneira, entre as persoas participantes nun encontro ao que Lisdexia porá o peche musical

O programa estrutúrase arredor de tres coloquios, denominados beefs, nunha chiscadela á linguaxe popular para referirse aos tirapuxas dialécticos. O primeiro beef, 'A visión desde a academia', estará moderado por Llerena Perozo e contará coa participación da antropóloga e activista Luzía Oca, o profesor de Ciencias Políticas Serxio María Rodríguez e a estudante de Xestión Cultural e representante estudantil Xela Rodríguez Domínguez. O debate abordará como perciben a situación democrática docentes universitarias vinculadas á antropoloxía, á economía ou á socioloxía, incorporando tamén a visión do estudantado.

Tras unha pausa para o café, celebrarase 'Eu que pinto aquí?', moderado por David Lombao, director de Praza.gal, que ofrecerá unha panorámica sobre distintas formas de compromiso xuvenil, desde a economía social e o emprendemento ata o activismo cidadán. Nesta conversa participarán o investigador Martín Salvado, a integrante da asociación empresarial CIJE Vigo, Aida Estévez, e Ana Baneira, voluntaria en ONG.

Lisdexia -na imaxe, a banda ao completo- porán o peche musical ao foro © Lisdexia

Xa pola tarde, a xornada continuará con 'Todo pasa nas redes', que incluirá a proxección do documental The Social Dilemma e un coloquio moderado por Luz Castro no que intervirá a socióloga, politóloga e influencer Miriam J. Lastra, a xornalista e experta en comunicación dixital Marta Veiga Izaguirre, e a creadora de contido Prado Rúa. As participantes analizarán a influencia das plataformas dixitais na formación da opinión pública, a desinformación e os novos modelos de comunicación política e social.

O foro contará cun peche en clave musical coa actuación do grupo muradán de punk rock Lisdexia. Toda a información e máis novidades, nas vindeiras semanas en Praza e nas súas contas nas redes sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.