"A lingua da CRTVG é o galego", lembra a xustiza, que avala esixir o CELGA 2 para unha praza de montador

Instalacións da CSAG -antiga CTVG- en San Marcos (Santiago) CC-BY-SA CRTVG

O Tribunal Superior de Galicia lembra que "a prestación do servizo audiovisual como as comunicacións co persoal deben realizarse neste idioma"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de divulgar unha sentenza que avala a esixencia de coñecementos de galego de nivel CELGA 2 para un posto de especialista de montaxe na CRTVG, actual CSAG. A sentenza rexeita o recurso interposto por un aspirante ao proceso de estabilización de emprego da antiga corporación que fora declarado non apto na proba de lingua galega. 

Sede da CSAG en San Marcos CC-BY-SA CRTVG

O recorrente, segundo se recolle na sentenza, alegaba que o nivel de galego esixido era excesivo para as funcións dunha praza de especialista de montaxe. Porén, a Sala do Social do TSXG considera que "o coñecemento da lingua galega é esencial para o desenvolvemento do posto de traballo" e que a súa esixencia se establece "desde un nivel básico, de forma proporcional ao posto desempeñado".

A Sala fundamenta tamén a súa decisión no papel do galego dentro do ente público, que ten por obxecto social promover e difundir a cultura e a identidade de Galicia. A este respecto, a sentenza de primeira instancia, cuxos feitos probados recolle o TSXG, establecía que "a lingua da CRTVG é o galego" e que tanto "a prestación do servizo audiovisual como as comunicacións co persoal deben realizarse neste idioma".

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

Partindo desta consideración, os maxistrados conclúen que "impoñer como requisito o nivel de galego CELGA 2 non é desproporcionado para o posto que se pretende estabilizar".

A resolución non é firme, xa que é recorrible ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.