A nova lei dos medios públicos de Galicia, vixente desde abril de 2025, aclara que unha das misión destes —e xa que logo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG, antiga CRTVG)— é a de "promover, difundir e impulsar a lingua galega e dar a coñecer a identidade cultural e lingüística de Galicia". Como piares fundamentais que foron e deberan ser para o fomento do idioma propio, a proposta de novo Plan Xeral de Normalización (PXNLG) presentado este pasado mércores pon deberes á TVG e á Radio Galega. Considera que o seu papel como "espazos de liderado lingüístico e referentes de exemplaridade social da lingua" debe ser "reforzado" e advirte das "moitas posibilidades" que ofrecen para mellorar a actitude cara ao galego e que non son aproveitadas plenamente.
O plan pide "reforzar" o papel dos medios públicos como "espazos de liderado lingüístico e referentes de exemplaridade social da lingua"
O PXNLG deixa clara en varias das súas páxinas a importancia que os medios públicos teñen e tiveron no fomento e promoción do galego, pero tamén a enorme diferenza no contexto no que foi aprobado o anterior e primeiro Plan Xeral en 2004. Desde aquela, lembra o documento, a oferta de medios "incrementouse de xeito moi notable", provocando que medrase "en maior medida a oferta mediática en lingua castelá ca en lingua galega. Como exemplo, destaca que na TDT só se ofrecen dúas canles de ámbito autonómico en galego fronte a unha trintena de opcións en castelán, unha proporción que aínda é peor na radio, nas plataformas de streaming e, xaora, no mundo dixital.
Ademais, o plan sinala tamén o descenso en televidentes e ouvintes provocado por un "contexto global de cambio do mercado audiovisual, fundamentalmente pola aparición das plataformas", que "mudou a cota de pantalla e audiencia da CSAG nos últimos anos".
"Mellorar actitudes cara á lingua galega"
Con todo, o documento advirte que a CSAG "constitúe un medio con moitas posibilidades para —a partir das súas múltiples canles e plataformas— poder divulgar contidos e mellorar actitudes cara á lingua galega", sobre todo entre a xente nova. Pero alerta de que "o cambio nos hábitos de consumo dos produtos audiovisuais" nos últimos anos "dificultan que conecte suficientemente a través da programación lineal coa mocidade, de xeito que poida contribuír en maior medida a funcionar como axente galeguizador natural en liña co traballo que realiza noutros formatos de consumo audiovisual".
Así, o novo PXNLG sinala a CSAG como un dos órganos "executores" para levar a cabo medidas que aumenten a presenza da lingua en idades temperás e incremente a oferta para a xente máis nova, pero tamén —incide— para derrubar prexuízos e aumentar a o amor propio dos galegofalantes en canto á súa lingua. Por iso pide "continuar desenvolvendo máis formatos axeitados, contidos específicos e estratexias de difusión efectivas na oferta televisiva dirixidos ao público infantil e xuvenil".
Débese, di o texto, "incrementar" o papel da Corporación e dos medios "como actores de difusión da lingua galega e do seu uso desprexuizado na contorna familiar"; e a súa programación "ha de incluír programas, series e concursos que valoren e fomenten a autoestima dos galegofalantes e atraian o interese dos non galegofalantes con contidos de aprendizaxe lingüística pasiva e modelos positivos".
O PXNLG pide que a CSAG inclúa "programas, series e concursos que valoren e fomenten a autoestima dos galegofalantes"
En definitiva, o PXNLG pon deberes, pide "reforzar o papel dos medios públicos como espazos de liderado lingüístico e como referentes de exemplaridade social da lingua" e reclama medidas específicas. Entre elas, a creación na TVG de "series de ficción xuvenil atractivas para adolescentes", levar a cabo colaboracións con creadores de contido, educadores e divulgadores galegos en Youtube e redes sociais "para crear contido familiar atractivo", "aumentar a oferta en galego de programas destinados á infancia, atendendo a criterios de atracción e popularidade" ou "dobrar e localizar produtos audiovisuais de entretemento infantil".
Entre as demandas, o documento reclama tamén que se "incremente a visibilización da programación específica destinada a infancia e mocidade por parte da CSAG", desenvolver programas culturais "capaces de competir en audiencia e en todos os soportes" ou "impulsar unha maior presenza de música en galego en emisións musicais, programas e canles musicais nos medios públicos". Tamén que TVG e Radio Galega "reforcen a presenza de colaboradores, convidados e testemuñas que se expresen en lingua galega" ou que se prioricen os anuncios na lingua propia, tras sinalar como "debilidade" o "aumento da publicidade en castelán nos medios dependentes da Corporación".
O documento pide aos medios públicos aumentar o número de colaboradores e convidados que falen galego ou priorizar a publicidade na lingua propia
O documento mesmo chama a "impulsar coa CSAG" a transmisión da misa en galego os domingos "desde parroquias distintas, para que se vexan diferentes comunidades vivindo a fe en galego e se produza a emulación", unha forma de poder "obter un maior rendemento dos espazos que ofrece a Corporación", neste caso no ámbito relixioso.
En canto ás posibilidades cara a difusión fóra de Galicia ou en territorios galegofalantes alén das fronteiras galegas, o PXNLG pide "promocionar" a oferta audiovisual da CSAG no estranxeiro e un acordo cos medios públicos de Portugal "para poñer en marcha programas mixtos", tras advertir que a Lei Paz Andrade xa lexisla co fin de impulsar e permitir "a reciprocidade das emisións televisivas e radiofónicas" entre a comunidade autónoma e o país veciño.
"Motores de normalización"
Tamén reclama o texto que se faga algo para "favorecer a visualización da TVG en aberto sen ter que recorrer ás edicións internacionais" nos territorios estremeiros. A televisión pública, "que pode facer un labor de expansión do galego", lembra, "non chega a toda a comunidade galegofalante fóra das fronteiras" do país.
Todas elas unha serie de medidas dun PXNLG que é claro ao expresar o mandato de "consolidar os medios públicos galegos como motores de normalización lingüística e cultural, garantindo unha oferta diversa e atractiva en galego que reflicta a pluralidade social e territorial".
Por outra banda, e en canto ao uso da lingua, o plan pide "un plan de formación continua en galego para persoal de redacción, técnico e directivo dos medios de comunicación" e ofrecerlles servizos de asesoramento lingüístico para garantir a correcta utilización dos diferentes rexistros, estilos e variedades", así como "implementar ferramentas tecnolóxicas gratuítas aos medios públicos e privados que faciliten o bo uso do galego".
O plan advirte da "relaxación da supervisión no control da calidade lingüística das programacións" nos medios públicos
O PXNLG cre que "falta unha avaliación sistemática sobre a formación lingüística dos profesionais que garanta
e dote un dominio sólido do galego e que facilite ferramentas efectivas para producir contidos de calidade adaptados ao retos actuais". Ademais, denuncia a "ausencia dunha definición clara de modelos lingüísticos que garantan a corrección e, ao mesmo tempo, transmitan credibilidade, recoñecemento e identidade na comunicación co público". E tamén advirte da "relaxación da supervisión no control da calidade lingüística das programacións, mesmo das que presentan un alto nivel técnico e profesional".