A proposta de novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega vén de chegar ao Parlamento. Tras unha primeira análise do documento que levaban reclamando e mesmo meses, os grupos da actual oposición, BNG e PSdeG, aseguran ver o Goberno galego do PP lonxe dunha vontade real de lograr un pacto a prol da lingua se a base é un documento no que observan grandes doses de "paso atrás", "tapadeira" ou "paripé".
Xa pouco despois da presentación do plan a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu da que considera unha das principais eivas do plan: "Mantén o decreto da vergoña", en referencia á. norma que rexe no ensino dende 2010. Ao seu xuízo, é o primeiro e principal sinal de que o PP "non quere un pacto polo galego", senón só "un acto de propaganda de Rueda para tapar 17 anos de goberno en contra do galego".
Tras unha lectura máis demorada, o Bloque ofrecía este xoves unha interpretación máis ampla do documento a través da súa voceira de Lingua, a deputada Mercedes Queixas. A proposta de actualización do PXNLG, advirte, pode acabar sendo "un paso atrás para o galego" porque, considera, mesmo "reduce a protección para a lingua que existe no plan vixente", o aprobado por unanimidade en 2004 e que, por exemplo, "fixa un 50% como mínimo de ensino en galego", "protección" que o novo documento "elimina".
Queixas (BNG): "Mesmo reduce a protección para a lingua que existe no plan vixente"
Afirma Queixas que o BNG ten constancia de que, en ámbitos coma o escolar, "gran parte das medidas propostas polas persoas expertas nas comisións de traballo non lograron pasar o filtro de San Caetano". E iso levou a que a proposta acabe conducindo ao que o "único que ofrece Rueda" sexa "un pacto do PP co PP.
Alén das aulas, Queixas ve "confirmada" unha "estratexia de acoso de derruba ao galego" por aspectos como que o plan non ten "medidas concretas, planificación nin orzamentos" nun contexto no que, advirte, cómpre lembrar que foi o PP o que "rompeu unilateralmente todos os consensos" que xa existían sobre o idioma, dende o Plan de 2004 ao decreto do enisno. "Quenten que volver ao consenso é o PP" e por iso "pedimos a Rueda que, dunha vez por todas, saia de detrás da pancarta en contra do galego".
Tamén o PSdeG recea das intencións do Goberno co plan. A voceira de Lingua e Cultura dos socialistas no Parlamento, Silvia Longueira, observa de entrada un "intento" de usar como "tapadeira das súas políticas contra o galego" a proposta de novo Plan Xeral, que "non vai combater a lenta morte da lingua" e cuxo contido a Xunta "nin sequera tivo a decencia de envialo aos grupos parlamentarios antes de presentalo".
Longueira (PSdeG): "Como podemos seguir tratando unha lingua minorizada en igualdade de condicións con outra que non o é?"
A proposta, cre Longueira, non conten moito máis ca "medidas desnutridas que nin se parecen a liñas estratéxicas para frear a caída de falantes"e resulta, ao seu xuízo, especialmente "demoledor" no ensino. "Hai enunciados tan demoledores como ‘promover unha presenza equilibrada das dúas linguas oficiais na educación infantil", advirte antes de preguntarse "como podemos seguir tratando unha lingua minorizada en igualdade de condicións con outra que non o é?".
A Xunta di estar "en condicións" de "moverse" da súa posición para chegar a un acordo político sobre o galego
O mesmo sucede, advirte, mesmo con outras accións que poden ser "importantes", como "a incorporación do galego ás actividades de socialización no ámbito educativo", ao formulalas dende unha chamada ao "equilibrio" que "non se corresponde coa realidade". Ao tempo, lamenta, "cuestións aínda máis relevantes para a transmisión do galego "déixanse ao azar" nun contexto no que o PP "demostra que atallar a situación de crise que padece o galego non está entre as súas prioridades, máis ben ao contrario".
Desde a Xunta, pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, cre que o documento "acredita" que o Goberno galego está "en condicións de moverse da súa posición para intentar chegar a unha negociación e ao acordo que nos demanda a sociedade galega". Así o asegurou tras a entrega do novo PXNLG ao presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.