O novo plan para o galego, ás portas e co ensino atado á ruptura de Feijóo

O presidente Rueda, nun Consello da Xunta recente, sobre unha imaxe de Feijóo e o daquela conselleiro de Educación presentando as "bases" do decreto de 2010 CC-BY-SA Fotos: Xunta | Montaxe: Praza.gal

A finais de 2024 o Goberno galego lanzou o proceso para renovar e "actualizar" o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Vinte anos despois da aprobación por unanimidade daquel documento na recta final do fraguismo, a actual Xunta defendeu que a "realidade social, demográfica e lingüística" do país, notable e obviamente diferente á daquel 2004, facía preciso chegar a un novo "pacto pola lingua".

Aínda que ao límite, o prazo para presentar a "actualización" do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega antes da fin deste primeiro semestre de 2026 vaise cumprir

Co académico Manuel González no rol de coordinador, que xa exercera no primeiro Plan Xeral, os labores principiaron entre chamadas á "ilusión" e a procurar "unha nova era para o galego" canda un cronograma de en torno a un ano, axustado despois ata o primeiro semestre deste 2026, que está a piques de rematar. Diversas fontes implicadas no proceso dan por feito que, aínda que ao límite, ese prazo se vai cumprir e nos días finais de xuño verá a luz o novo plan para o galego. 

Inicio dos traballos para renovar o Plan Xeral de Normalización, en decembro de 2004 © Xoán Crespo / Xunta

O novo documento, auguran as fontes consultadas por Praza.gal, será mesmo máis amplo e detallado que o de hai dúas décadas con focos sectoriais como a sanidade, as administracións ou a tecnoloxía. Pero nun dos eidos máis sensibles, o do ensino, os límites do politicamente posible seguen ancorados no punto en que, precisamente, quebrou aquel consenso xeral de 2004, a ruptura impulsada polo equipo de Alberto Núñez Feijóo primeiro dende a dirección do PPdeG e despois, dende a Xunta. Ata o punto de estar a condicionar a redacción final do novo plan neste ámbito.

Fontes coñecedoras do proceso aseguran que no grupo encargado de propoñer medidas para o ensino a vontade pasa por explicitar no texto final a necesidade de remudar o decreto de 2010 por unha nova norma menos restritiva para o galego, pero a Xunta está a frear esa pretensión

Aquela ruptura tivo esencialmente dous actos. No primeiro, en 2007, os populares deron en abandonar a última hora o acordo para aplicar literalmente nas aulas o PXNLG a través dun decreto que fixaba criterios como a impartición dun "mínimo" do 50% da docencia escolar en galego. No segundo, en 2010, xa de volta na Xunta os de Feijóo derrogaron o decreto de 2007 e remudárono polo presentado como decreto do plurilingüismo, con redución das parcelas para a lingua galega nas aulas e un espírito político de fondo: as medidas a prol da estatutariamente lingua propia de Galicia chegaran demasiado lonxe.

Dende o comezo dos traballos para elaborar o novo plan a cuestión do decreto de 2010 pairou sobre o ambiente. As forzas da actual oposición e organizacións como Queremos Galego, pero tamén institucións como a Real Academia, apostaron ás claras por que un posible novo pacto lingüístico pasase, entre outras moitas cuestións, por derrogar aquela norma e elaborar unha nova. Con diferentes formulacións, dirixentes como o conselleiro de Cultura, José López Campos, ou o propio presidente Rueda dixeron non "pecharse" a falar de todo sempre e cando non estivese "en cuestión a política lingüística da Xunta, baseada nun bilingüismo cordial".

Indicacións do PXNLG en 2004 para o ensino e aplicación no decreto de 2007, derrogado en 2010 CC-BY-NC-SA Praza.gal

A reclamación de pasar páxina chegou, manteñen varias fontes coñecedoras do proceso, mesmo aos labores para elaborar a versión final do novo Plan Xeral no grupo de traballo -foron un total de 11- que tivo entre as súas competencias o ámbito educativo. En esencia, a aposta das persoas expertas pasaba por explicitar a necesidade de remudar o decreto de 2010 por unha nova normativa menos restritiva para o galego, así como por explorar outras medidas como proxectos de inmersión lingüística en idades temperás e contextos demográficos onde, á luz dos datos, o galego ten situacións especialmente desfavorables.

A versión gobernamental pon o foco en impulsar máis o galego fóra das aulas e reforzar os seus usos sociais entre a mocidade

Pero, sempre segundo estas fontes, a Xunta está a frear que esa pretensión fique plasmada no documento final, que previsiblemente será tamén sometido, como en 2004, a unha votación no Parlamento. Como pano de fondo, un PPdeG cuxa dirección vén marcando perfil máis duro en materia lingüística para, especialmente, confrontar cun BNG caricaturizado polos populares como "policía do galego".

De portas cara a fóra a versión gobernamental sobre o contencioso do galego no ensino vén poñendo o foco, non obstante, na necesidade de impulsar a lingua, sobre todo, fóra das aulas. Cargos coma o secretario xeral da Lingua, Valentín García, insisten en que cómpre incidir máis nos usos sociais ca nos académicos para prestixialo e "dinamizalo" na xente moza. Tamén en promover a súa transmisión interxeracional nas familias ou en achegar ao idioma á poboación nacida ou chegada dende fóra de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.