Galicia conta cun novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Substitúe o documento aprobado o 21 de setembro de 2004, cando o consenso político frutificou nunha votación unánime do Parlamento, composto —case como agora— por PP, BNG e PSdeG. 22 anos despois, este programa de medidas para "normalizar" e dar "o prestixio social que merece" ao idioma vén de ser aprobado na Cámara co voto a favor de populares, socialistas e do único deputado de Democracia Ourensana (DO), pero coa oposición do BNG.
O novo plan substitúe o aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004; conta co apoio de PP, PSdeG e DO pero co rexeitamento do BNG, un terzo da Cámara
Dun PXNLG consensuado e votado a favor por todos e todas as parlamentarias a un novo PXNLG sen o apoio dun terzo da representación. Un documento froito de meses de traballo en once comisións con máis dun cento de expertos e que foi presentado no verán pasado, modificado lixeiramente tras as negociacións e o acordo ao que chegaron PP e PSdeG hai tan só unhas semanas nun inédito pacto lingüístico.
A esas máis de 300 páxinas e unhas 700 medidas na procura de "reconducir unhas tendencias claramente daniñas para o galego", o acordo entre populares e socialistas —ao que logo se sumou DO— engade cambios como o aumento da dotación orzamentaria para o idioma e medidas para a súa promoción en diferentes eidos. No ensino é onde están as principais novidades; o acordo evita a derrogación do polémico Decreto 79 / 2010, pero inclúe algunhas modificacións que, fundamentalmente, erguen o veto que durante 16 anos esta norma impuxo á docencia de materias de ciencias na lingua propia de Galicia.
Con todo, malia que nada se especificaba no acordo asinado por ambos partidos, o PP advertiu que para dar as materias científicas en galego habería que dar todo o bloque social en castelán, mantendo así ese "equilibrio" que rexe o modelo lingüístico plasmado no decreto. Aínda este mércores, desde o PSdeG insistíase en que esa condición non é tal.
O decreto do plurilingüismo en 2010 rachou de vez co consenso do PXNLG de 2004 ao reducir o peso do galego no ensino e impedir que superase o 50%, un principio que se mantén agora
A aprobación dese denominado decreto do plurilingüismo en 2010, que reducía a presenza do galego, rachou, precisamente, co consenso que establecera o PXNLG de 2004. As reticencias do Goberno galego a aplicar aquel plan viraron en renuncia absoluta a facelo nos primeiros compases do retorno do PP á Xunta en 2009 cando, da man do daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo reduciu o Plan Xeral a un "remuíño de ideas" ou, como moito, a unha "referencia".
16 anos despois da aprobación do decreto vixente no ensino e 22 despois da do PXNLG, o Parlamento vén de aprobar un novo plan que afianza o equilibrio ao 50% entre a lingua propia de Galicia e o castelán instaurado no sistema educativo desde a chegada de Feijóo á Xunta. Non aumenta o peso do galego nin dá opción a unha ensinanza maioritaria ou inmersiva en galego como si facilitaba o aprobado durante o último goberno de Manuel Fraga.
O PXNLG de 2004 —e o decreto para o ensino aprobado tres anos despois durante o goberno de coalición PSdeG-BNG— establecían un 50% "como mínimo" para o galego nas aulas; o decreto vixente e o plan agora actualizado establecen ese 50% como máximo. Velaí a clave das diferenzas e da falta de consenso.
O plan de normalización de 2004 establecía un 50% "como mínimo" para o galego nas aulas; o plan actualizado establece ese 50% como máximo
O PP e a Xunta advirten de que iso é o máximo que se pode aceptar para manter os principios de "equilibrio" e "liberdade" que marcaron (e marcan) a política lingüística da Xunta desde 2009. O PSdeG asegura que o pacto asinado foi o "acordo do posible" tendo en conta o contexto e a súa forza parlamentaria. Todos recoñecen que o novo plan non supón "ningún cambio de modelo" na política lingüística.
O BNG, pola súa banda, denuncia que as medidas no ensino son un "retroceso" con respecto a hai máis de dúas décadas e nunha situación aínda peor para a lingua galega, sobre todo entre a mocidade, tal e como insistiu este mércores a deputada nacionalista Mercedes Queixas, que insistiu en que nin PP nin PSdeG "terían votado este plan hai 22 anos".
Este mércores, a Cámara rexeitou as propostas a última hora do Bloque para rexeitar o plan por "non contar co aval social" de 2004 e para incluír as 300 medidas incluídas na ILP Lingua Vital Xa impulsada pola plataforma Queremos Galego. E aprobou a do PP para aprobar o novo PXNLG, cos votos a favor de populares, socialistas e DO. Fóra, A Mesa pola Normalización Lingüística concentrábase "contra a liquidación dos acordos sobre a lingua galega".
O PSdeG insiste en que "non se puido chegar a máis": "Non é o noso plan"
Desde o PP, o seu deputado José Luis Ferro Iglesias apelou ao "acordo" e á "crítica para mellorar" e chamou a "repetir" o consenso de 2004 e non converter a lingua en "arma política", ademais de criticar as propostas do Bloque por estar baseadas nas de Queremos Galego. "Vostedes, coma sempre, sós", espetou aos nacionailstas.
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Silvia Longueira insistiu en que a súa formación chegou a onde podía. "Non é o noso plan e non se acadaron todas as nosas propostas, pero non se puido chegar a máis", dixo.
No documento, xa na proposta inicial, o novo PXNLG advirte da "necesidade dunha intervención urxente" para a lingua e propón lixeiras modificacións nalgúns dos piares legais da política lingüística da Xunta, pero non nos seus principios.
"Derrubar os prexuízos sobre o galego"
Alén das aulas, o plan para o galego insta en varias ocasións a "derrubar os prexuízos sobre o galego" e "superar os estereotipos negativos", afonda na poboación inmigrante e na necesidade de que vexa a lingua propia "como elemento de integración" e propón programas de "benvida e acollemento lingüístico" nos municipios para que as familias migrantes a incorporen "como lingua de comunicación". Tamén prevé un lote de medidas no ámbito audiovisual, de lecer ou empresarial e emenda os medios públicos para que sexan "motores de normalización".
Ademais, e logo do pacto entre PP e PSdeG, o novo PXNLG inclúe varios mecanismos de seguimento do propio plan e dos seus obxectivos, nos que se implican entidades como o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia Galega.
É un plan modernizado para unha sociedade na que a irrupción de novas tecnoloxías, a auxe de internet e as redes sociais e a multiplicación de recursos audiovisuais e pantallas mudou para sempre o enfoque sobre a lingua, sobre todo entre a xente nova, onde a escola xa non é o factor predominante á hora de determinar o seu idioma habitual.
Agora aprobado na Cámara, o plan desenvolverase mediante a lei de acompañamento dos vindeiros Orzamentos, onde se incorporarán as mudanzas respecto da política educativa, o aumento da dotación económica para a promoción da lingua ou novas medidas para o sector audiovisual e tecnolóxico. A Xunta anunciou tamén que niciará os trámites para "pór en marcha as primeiras 50 medidas máis urxentes" nos primeiros cen días desde a aprobación do PXNLG.