- 📃 DOCUMENTO | Descarga aquí o pacto lingüístico asinado por PP e PSdeG
PP e PSdeG acordaron varias mudanzas no documento que pretende ser o novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Alberto Pazos, portavoz dos populares no Parlamento, e Lara Méndez, viceportavoz dos socialistas, asinaron esta mañá un acordo sobre a actualización do plan que foi feito público este pasado verán logo dun proceso lanzado a finais de 2024.
O PP e o PSdeG acordan agora introducir varias "modificacións consensuadas" sobre aquela primeira proposta e asinan un documento "resultado das disintas sesións de traballo" entre ambas formacións.
O PP e o PSdeG acordan agora introducir varias "modificacións consensuadas" sobre o texto base do que pretende ser o novo Plan Xeral de Normalización
Hai unha novidade fundamental: o polémico decreto do ensino vai ser modificado e farase a través da lei de acompañamento de Orzamentos deste mesmo ano. As mudanzas suporán erguer o veto do galego ás materias de ciencias coa idea é que cada centro de ensino poida decidir se imparte asignaturas científico-técnicas en galego ou castelán, a cambio de que outras sociais sexan na outra lingua, respectando o equilibrio.
Segundo o PP, elimínase a predeterminación de materias por lingua, pero agora será por bloques: se un centro escolle dar Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego deberá dar en castelán Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía. Por que así? "Temos que garantir o equilibrio, ten que haber un equilibrio de horarios, de troncais", defendeu logo Pazos Couñago, voceiro do PP, que volveu negar a posibilidade dun modelo de inmersión e atacou o BNG por "autoexcluírse" dun "entendemento histórico".
Porén, fontes do PSdeG salientan que nada no texto do pacto di que a elección do idioma das asignaturas teña que se por bloques completos de materias científico-técnicas ou sociais. O que di o texto do acordo sobre esa cuestión é: "Atendendo a recomendacións da Carta Europea de Lingua Minoritarias, favorecerase na educación obrigatoria a impartición de materias do ámbito científico ou tecnolóxico en lingua galega, tendo en conta a súa condición de lingua minorizada, asegurando que nos centros educativos bilingües de Galicia o 50 % do horario lectivo das materias non lingüísticas será impartido en galego.
O pacto acorda modificar o decreto do ensino para erguer o veto ao galego nas ciencias, pero impartir estas materias nesta lingua implicará dar o bloque social en castelán
"As modificación normativas relativas ao ámbito da Educación deberán aprobarse antes de remate do ano 2026", segundo o pacto entre populares e socialistas, e serán efectivas no curso 28-29, segundo a Xunta, aínda que fontes do PSdeG consideran que poderían levarse a cabo xa en 2027.
O pacto engade que, no caso dos centros plurilingües, e mentres non se completa a implantación da lingua estranxeira ata alcanzar a distribución equitativa por terzos, os centros deben "garantir que a diferenza ata completar ese terzo se imparta equitativamente en galego e castelán".
Para garantir que se cumpran as reparticións, a Xunta deberá elaborar cada ano, con datos da Inspección Educativa, un "informe detallado e específico do cumprimento das materias impartidas en galego en todos os centros educativos". Ademais, no proxecto lingüístico dos centros haberá "un apartado" de seguimento dos obxectivos e de avaliación "das accións impulsadas para dar cumprimento ás medidas contempladas no PXNLG".
O profesorado de infantil deberá garantir que nos centros urbanos e periurbanos "o galego se use tanto como o castelán"
Ademais, o documento pactado por PSdeG e PP engade á proposta de PXNLG un parágrafo que aclara que o profesorado de educación infantil "empregará nas aulas a lingua materna predominante entre o alumnado, tendo en conta tamén a lingua da contorna". "Poñerase especial atención a que en todos os ámbitos e, especialmente nas contornas urbanas e periurbanas, o galego se use tanto como o castelán, coa finalidade de que o alumnado adquira competencias equivalentes en ambas as dúas linguas", di.
No que ten que ver coa FP, no PXNLG engadirase un obxectivo: o de concluír o ciclo formativo "con igualdade de competencias en ambas as dúas linguas" e "facilitar o desempeño profesional en lingua galega".
Outras das principais novidades que supón este acordo entre ambos partidos é a dobre avaliación á que será sometida a execución deste PXNLG. Unha por parte da Secretaría Xeral da Lingua, que elaborará un informe anual cun cronograma "preciso" sobre a aplicación das medidas para logo ser debatido no Parlamento e cuxo primeiro texto debe ser presentado no primeiro trimestre de 2027.
A execución do plan de normalización será avaliada dobremente: anualmente pola Secretaría Xeral da Lingua e tamén por un novo organismo: o Consello Asesor da Lingua Galega
A outra avaliación correrá a cargo do Consello Asesor da Lingua Galega, un organismo que será creado para "asesorar os poderes públicos con competencia en materia lingüística e estudar e analizar as cuestións relacionadas co fomento, protección e protección do galego na sociedade".
Este novo organismo integrará representantes da Xunta, membros do Parlamento, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura e de entidades vinculadas á promoción da lingua galega. Será quen albergue o Observatorio do galego na familia e o Observatorio do galego na mocidade previstos no plan, ou outros que se poidan poñer en marcha.
Noutros eidos, como no dos medios de comunicación, o texto asinado acorda "promover" entre estes "que as declaracións, entrevistas ou reportaxes efectuadas en lingua galega sexan transcritas respectando a lingua nas que foron realizadas".
O pacto aumenta en 1,5 millóns anuais a dotación orzamentaria para o fomento da lingua galega nesta lexislatura
Tamén se acorda impulsar un acordo parlamentario "solicitando a ampliación dos contidos en lingua galega en RTVE Play para que as producións galegas equiparen a súa presenza ao catalán e éuscaro", ou un plan de medidas de apoio ao sector editor "garantindo que aquelas especificamente destinadas á promoción do galego non compitan coas axudas á edición en castelán".
En canto ao financiamento, acórdase "incrementar en 1,5 millóns de euros ao ano a dotación orzamentaria para o fomento da lingua galega durante a presente lexislatura". Tamén garantir que nos vindeiros anos as partidas das distintas áreas de gobernos para o galego "experimenten unha suba nunca inferior ao incremento xeral do orzamento consolidando unha mobilización superior aos 65 millóns de euros nos próximos catro anos".
Ao tempo, prevese un plan co sector audiovisual para a "optimización da presenza da lingua galega en plataformas, sistemas dixitais e redes sociais", así como campañas para o uso do galego, ademais de incrementar as partidas para a produción audiovisual en galego. En canto aos medios públicos, os representantes de PSdeG e PP no Consello asesor da CSAG "promoverán unha programación infantil propia e específica en galego" e o "aumento da proxección de proxectos elaborados en galego por produtoras independentes dentro da programación".
Tamén se acorda "completar o cumprimento das previsións contidas na Lei Paz Andrade", reforzar a colaboración institucional co entre Xunta e Estado para "alcanzar a operatividade plena en galego das principais ferramentas de xestión da Administración" ou "deseñar un novo plan de fomento da lectura" na lingua propia xuto coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura e o sector.
Valoracións de PSdeG e PP
"Non é o noso plan, temos expectativas máis elevadas, pero trátase de dar pasos adiante ante a situación que vive o galego", di Lara Méndez (PSdeG)
Tras a sinatura do pacto, a socialista Lara Méndez asegurou que acordo "mellora de maneira substancial a proposta presentada pola Xunta". Para a deputada, o acordo ten dous elementos claves porque "garante que nas contornas galegofalantes o galego teña o mesmo nivel de uso" e porque o galego "recuperará presenza nas materias científicas e tecnolóxicas poñendo fin á exclusión sufrida ata agora. "Está garantido que o 50% do horario lectivo se imparta en galego e ata agora non estaba garantido", dixo.
Ademais, asegurou que o pacto "non significa renunciar" ás posicións do PSdeG: "Seguiremos dicindo que o 50% do ensino sexa en galego como mínimo", aclarou, para logo dicir que "ter un horizonte máis ambicioso non é incompatible con avanzar hoxe". "Non foi posible chegar a todo pero estamos máis perto; non é o noso plan, temos expectativas máis elevadas, seguiremos a traballar para acadalas pero trátase de dar pasos adiante ante a situación que vive o galego". "O balón de osíxeno dámosllo ao galego", dixo preguntada se en realidade o acordo supoñía ese balón para o PP.
Pola súa banda, o popular Pazos Couñago falou de "fito histórico no Parlamento, na política galega e na sociedade galega" e defendeu "axustes no decreto para facilitar que as materias científicas poidan darse en galego respectando sempre o equilibrio".
Pazos Couñago falta de "fito e entendemento histórico" e carga contra o BNG por "autoexcluírse", e o conselleiro di que o acordo "respecta a liberdade" de uso das linguas
Ademais, anunciou o apoio de Democracia Ourensana ao pacto e cargou contra o BNG ao falar dun "entendemento histórico que lamentablemente non puido ser unánime como foi o plan anterior pola negativa de quen decidiu autoexcluírse".
"O que nunca imos defender é o modelo de inmersión e monolingüísmo que defenden os que quedaron fóra deste acordo", rematou.
Tamén o conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, valorou o acordo como "o gran pacto pola lingua que necesitaba Galicia", que presentou baseado no "equilibrio lingüístico" e "tamén na liberdade". "O que temos que garantir son as competencias lingüísticas pero respectar a liberdade de elección", engadiu,
Tanto Pazos Couñago como o conselleiro amosaron a súa convicción de que a Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG) sumaranse ao acordo ao avanzar este en medidas pedidas por esasa institucións.
Reacción do BNG
Ana Pontón (BNG) denuncia a "pinza bipartidista contra o galego": "O grande avance é prohibir impartir historia en galego en lugar das matemáticas"
Desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, criticou a "pinza bipartidista contra o galego". "É o bipartidismo poñéndose de acordo para enterrar o galego", dixo tras coñecer un pacto que se pregunta se en realidade será "para o reparto de cargos".
"O tempo o dirá e poñerá a cadaquén no seu sitio", engadiu Pontón, que criticou que se manteña "o decreto da vergoña" cun "rocambolesco intercambio de cromos". "O grande avance é prohibir impartir historia en galego en lugar das matemáticas", ironizou.
Un texto presentado hai dous meses
O texto base do chamado a converterse no novo PXNLG, que viu a luz hai algo máis de dous meses, o pasado 15 de xullo, é un documento (agora modificado) de máis de 300 páxinas que, ao contrario dalgúns discursos na contorna da propia Xunta durante anos, apóiase en datos sociolingüísticos para admitir a "evidencia" da "necesidade dunha intervención urxente" para "reconducir unhas tendencias claramente daniñas para o galego". Con todo, suxería lixeiras modificacións nalgúns dos piares legais da política lingüística que tanto BNG como PSdeG consideraban insuficientes.
"Paso atrás", "tapadeira" ou "paripé" foron algúns dos cualificativos que empregaron ambas formacións sobre o texto mentres desde a Xunta dicía estar "en condicións" de "moverse" da súa posición para chegar a un acordo político sobre o galego. Para o Bloque, o mantemento do polémico decreto do plurilingüismo era unha liña vermella e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xa deslizaba que o cambio desta norma requiría de "unanimidade".
Esa unanimidade é a condición que desde un principio puxeron Xunta e PP —de xeito máis ou menos claro en público pero tamén en privado— para levar a cabo calquera cambio relevante, como pode ser a derrogación do decreto. Pero fontes do goberno tamén advirten que a falta de consenso non faría necesario someter o plan a votación no Parlamento. Podería ir directamente ao Consello e aplicarse.