A Xunta ve posibles "axustes" no decreto do galego e acusa a BNG e PSdeG de criticaren o Plan sen lelo

O presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura, este 20 de xullo tras o Consello do Goberno galego CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O conselleiro de Cultura defende que na proposta de novo Plan Xeral de Normalización "se acredita un cambio de posición" a respecto da norma lingüística para a educación "para mellorar o uso do galego no ámbito do ensino" con "equilibrio"

A proposta de novo Plan Xeral de Normalización da Lingua, presentado a pasada semana pola Xunta a partir do traballo das comisións que o elaboraron nos últimos meses, está agora no terreo da negociación política no Parlamento. E, tal e como se prevía, unha das claves desas posibles conversas e incertos acordos pasa polo decreto que regula o uso das linguas no ensino dende 2010, o mesmo para o que o plan suxire mudanzas.

Cinco días despois da presentación o Goberno galego di estar disposto no marco desa negociación a asumir "axustes" no decreto, aprobado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo no medio dunha alta controversia. Non obstante, tanto o presidente coma o conselleiro de Cultura, ao seren preguntados ao respecto, aseguran considerar que BNG e PSdeG criticaron a proposta de Plan antes de o leren.

Algunhas das medidas para educación na proposta de novo Plan Xeral de Normalización da Lingua CC-BY-NC-SA Praza.gal

O titular de Cultura, baixo cuxa dependencia orgánica está a Secretaría Xeral da Lingua, compareceu este luns tras o Consello da Xunta en compaña de Alfonso Rueda para abordar as xestións do seu departamento para pular pola declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. José López Campos foi cuestionado, ao remate, pola cuestión do decreto e as críticas ao respecto e foi nese punto no que, ao seu xuízo, na proposta do Plan "se acredita un cambio de posición" a respecto da norma lingüística para a educación.

Rueda sostén que os grupos da actual oposición "decidiron" que o Plan non lles ía "gustar, como tantas cousas, antes de coñecelo"

"Ábrese a posibilidade de facer axustes na norma", di López Campos, quen agrega que "igual que necesitamos actualizar un documento que ten de base o ano 2004", en referencia ao conxunto do Plan Xeral, "tamén é certo que hai algúns axustes que pode mellorar o prestixio e presenza do galego" nas aulas. "Se se fai unha lectura tranquila e sosegada do documento -agrega o conselleiro- hai medidas que permiten observar que se fala da modificación da norma, sempre dentro do equilibrio lingüístico e de axustes que permitan mellorar o uso do galego no ámbito do ensino", matiza.

Segundo o titular de Cultura, "a sociedade galega falou" e "quere un ensino en equilibrio" lingüístico e "plurilingüe" no que "o galego debe ter un espazo central". "Lamentara", previamente, a "acollida tan dura que tivo" o Plan "nos seus primeiros minutos" xa que, di as primeiras críticas chegaron apenas ao cabo "dunha hora" dende que a Xunta o remitiu aos grupos parlamentarios. "Fáiseme moi pouco tempo", considera López Campos.

Acto de presentación da proposta de novo PXNLG e capa do documento CC-BY-SA Xunta | Montaxe: Praza.gal

Na mesma liña, Rueda critica que "non pasara unha hora" e BNG e PSdeG "xa o estaban avaliando como se o o coñecesen de toda a vida". "Cando esaxeras, cando decidiches que algo non che vai gustar como tantas cousas que deciden que é así antes de coñecelo, estanse retratando e lamento que sexa así", cre o popular, que concluíu a súa resposta considerando que "esta é a oposición que temos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.