O plan para o galego admite "urxencia" e suxire mudanzas no decreto do ensino

Acto de presentación da proposta de novo PXNLG e capa do documento CC-BY-SA Xunta | Montaxe: Praza.gal

Chegou. O texto chamado a converterse no novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) viu a luz este 15 de xullo de 2026. Con dúas semanas de demora a respecto do último prazo fixado, a Xunta presentou cun evento na Cidade da Cultura un documento de máis de 300 páxinas que, ao contrario dalgúns discursos na contorna do propio Executivo nestes anos, se apoia en datos sociolingüísticos para admitir como "evidencia" a "necesidade dunha intervención urxente" para "reconducir unhas tendencias claramente daniñas para o galego". Pero que, non obstante, suxire lixeiras modificacións nalgúns dos piares legais da política lingüística.

A Xunta presenta a proposta de novo Plan Xeral de Normalización, que recoñece a "necesidade dunha intervención urxente" e propón lixeiras modificacións nalgúns dos piares legais da política lingüística

O equipo redactor do presentado no evento como Plan da lingua galega, coordinado polo profesor Manuel González, encadra o traballo nun contexto de "preocupación social pola perda de saúde do galego" á luz dos datos máis recentes e tamén nun contexto de fondas mudanzas sociais dende a aprobación do anterior e primeiro Plan Xeral en 2004. A continuación, como daquela, o documento diagnostica e propón medidas sectoriais -700, destaca a Xunta-, en once apartados nos que -como a propia Xunta agardaba-, as primeiras olladas foron cara a un dos máis sensibles, o ensino. Pola súa importancia real e tamén por virar en símbolo político dende a aprobación en 2010 do vixente decreto de uso das linguas nas aulas, que substituíu en 2007 o que transcribía, precisamente, o PXNLG de 2004.

Destaques do diagnóstico sobre a situación do galego incluído na proposta de novo Plan Xeral de Normalización CC-BY-NC-SA Praza.gal

Neste punto, cunha linguaxe contida, o documento feito público admite "debilidades" para o galego nas aulas como a ausencia dun traslado "totalmente efectivo" do ditado na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, en cuxas avaliacións -recoñece- "algúns informes recomendan eliminar as limitacións" para "o uso vehicular" do galego "en materias de ciencias". E neste sentido, afonda, "no decreto actualmente vixente estableceuse por primeira vez un espazo curricular fixo de impartición en galego e castelán", ademais de asumir "o compromiso cunha educación plurilingüe" que "se identifica moitas veces (...) con competencia en inglés, deixando nun segundo plano as outras linguas".

O plan insta a "buscar a adopción de acordos" para inserir cambios na "norma legal" que regula os idiomas nas aulas para, por exemplo, variar o "espazo curricular obrigatorio en galego e castelán" en función "do contexto sociolingüístico"

Neste contexto, no que o plan debuxa o ensino como tamén marcado por unha "caída continuada" da "transmisión familiar da lingua galega", á que o proxecto dedica un capítulo específico por vela "seriamente debilitada", o equipo redactor fixa entre os seus obxectivos "establecer as bases dun marco lexislativo educativo" con medidas "coherentes entre si" que "garantan a competencia comunicativa nas dúas linguas oficiais" e a "percepción da lingua galega como vehículo válido para todos os ámbitos de coñecemento".

E, como facelo? Sen afirmalo explicitamente, as propostas pasan por modificar o decreto de 2010. Dende "buscar a adopción dos acordos necesarios que posibiliten na educación obrigatoria a impartición das distintas materias en galego, respectando o equilibrio lingüístico" ata "establecer na norma legal para todos os centros e niveis educativos unha repartición do uso escolar das linguas oficiais que garanta a adquisición de competencias equilibradas e favoreza o coñecemento, a valoración e o uso da lingua galega" .

O conselleiro de Cultura, José López Campos, na presentación da proposta de novo Plan Xeral de Normalización, este 15 de xullo na Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta

Neste sentido, o Plan promove asemade "fixar na norma lingüística" un "un espazo curricular obrigatorio en galego e castelán tendo en conta o contexto sociolingüístico" e non fixo con independencia do lugar, como ata agora. Para isto, indican, cumpriría "promover os acordos necesarios para establecer o método que permita a impartición das distintas materias en lingua galega, asegurando un reparto equilibrado entre as dúas lingua oficiais". Todo,  apuntan, nun contexto no que ven preciso "reforzar o papel e a formación dos Equipos de Dinamización Lingüística", para os que piden "recuperar o nome de Equipos de Normalización Lingüística", o cal tamén suporía tocar a norma de 2010.

O conselleiro López Campos pide "altura de miras" para que as forzas políticas se sumen ao que eloxia como "pacto social" e desliza unha condición para cambiar normas coma o decreto do ensino: "Unanimidade"

No acto celebrado no Gaiás, conducido por Esther Estévez e Xosé Antonio Touriñán e co acompañamento musical de 9Louro -ademais de con varios testemuños persoais- o conselleiro de Cultura eloxiou o documento como un "gran pacto social" en torno ao que "agora toca que as forzas políticas nos poñamos de acordo" no Parlamento. Insta José López Campos a ter a "altura de miras necesaria" nun proceso no que, asegura, o Goberno quere "dar motivos" a "todas as forzas políticas para que se poidan sumar".

Preguntado tras o evento sobre a posibilidade de que esa negociación conduza a modificar o decreto do ensino, como apunta a proposta de Plan, o conselleiro desliza unha condición a priori complexa. Que culmine con "unanimidade", como hai vinte anos nun contexto no que mesmo abre a porta a aprobar unha nova "Lei da Lingua" que "complemente" a Lei de Normalización Lingüística de 1983 sen modificala "por ser unha das fundacionais do noso marco xurídico autonómico".

Proposta de novo PXNLG, presentada pola Xunta este 15 de xullo de 2026

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.