O castelán é a lingua predominante en Galicia. É unha das conclusións máis evidentes dos datos de uso e coñecemento do galego actualizados polo IGE a pasada semana, entendendo como predominante que, por primeira vez dende que hai información comparable, a porcentaxe de poboación que fala "sempre" en castelán ou "máis castelán ca galego" supera o 50%, mentres que quen di falar acotío só ou máis en galego cae ata o 45%, en cifras redondas.
As reaccións aos datos do IGE foron múltiplas e case inmediatas nos eidos institucional e gobernamental. Así, por exemplo, a Xunta incidiu en que o uso do galego segue a ser maioritario -dado que quen fala só en castelán non chega ao 30%-. Pero o Goberno tamén optou por poñer o foco no aumento de poboación foránea como orixe do crecemento do uso do castelán e, polo tanto, da diminución de poboación galegofalante. Unha ollada calma aos datos amosa, cando menos, diversas arestas nesa interpretación.
Para ollarmos a máis longo prazo ás mudanzas no uso os idiomas no noso país compararemos os datos divulgados agora polo IGE, correspondentes a 2023, non coa anterior edición do estudo, que data de hai cinco anos. Farémolo coas cifras da primeira edición desta enquisa, que a oficina estatística da Xunta realizou en 2003. Vinte anos de mudanzas demográficas, sociais e políticas nos que, por exemplo, a cifra de galegofalantes diminuíu o triplo do que descendeu a poboación nacida en Galicia.
Un 25% menos de galegofalantes
A poboación galega que naceu en territorio galego é algo menos dun 8% inferior á de 2003 e a que di falar "sempre" ou "máis" en galego retrocedeu máis dun 25%. Mentres, a poboación castelanfalante aumenta 35 puntos menos que o total de habitantes con orixe foránea
Naquel ano 2003 a poboación galega nada en Galicia estaba composta por 2,4 millóns de persoas e os habitantes de orixe foránea (quer doutros puntos do Estado, quer do estranxeiro) eran en torno a 206.000. Dúas décadas despois hai un 7,7% menos de poboación que nacese en territorio galego e as persoas que naceron fóra seguen sendo relativamente poucas en termos absolutos (menos de 360.000), pero porcentualmente a súa suba foi relevante, por riba do 73%.
Se observamos esa evolución ao carón da do uso dos idiomas é imposible ligar mecanicamente ambos fenómenos. As persoas que din falar "sempre" en galego descenderon nestas dúas décadas un 44% e as que din falar sempre ou máis en galego, algo máis dun 25%. Polo tanto, o uso do galego caeu moi por riba do que o fixo a poboación nacida en Galicia, que non chegou a retroceder nin un 8%.
Do mesmo xeito, o uso do castelán non avanzou tanto como a poboación galega que non naceu no país. Neste tempo pasou de haber arredor de medio millón de persoas que declara falar "sempre" en castelán a ser a situación dunhas 754.000 persoas, un aumento de case o 50% e o uso predominante do castelán (sempre ou máis en castelán) quedou por baixo do 40%. Son avances significativos, pero menores que o total da suba da poboación foránea.
O galego retrocede doce puntos entre nados en Galicia
É imposible explicar a caída no uso do galego sen a súa diminución entre a poboación nada en Galicia: 13 puntos menos en dúas décadas
Daquela é imposible explicar a caída no uso do galego sen a súa diminución entre a poboación nada en Galicia. E así o acreditan os propios datos do IGE. Hai vinte anos case o 65% das persoas que naceran no país indicaban que falaban sempre ou máis en galego e agora a proporción queda no 52%. Maioritaria, pero case 13 puntos máis fraca, os mesmo que aumenta a proporción de nados e nadas en Galicia que agora din falar só ou máis en castelán.
Mentres, entre a poboación galega que naceu noutras autonomías, o uso predominante do galego era e é minoritario, pero agora máis ca antes. Dun 12% a un 4% ou, o que é o mesmo, catro puntos menos en vinte anos.
Ao tempo, o uso do galego tamén caeu de forma moi significativa entre a poboación galega nada no estranxeiro. Hai vinte anos, cando eran menos de cen mil persoas, explicaban que falaban sempre ou máis en galego en torno a un 37% e agora a proporción redúcese a un 10%, vinte e sete puntos menos. Así e todo, segue habendo máis poboación de orixe estranxeira que declara falar galego que persoas nadas noutros puntos do Estado que responden que usan sempre ou máis a lingua galega.
A clave da infancia e a mocidade
En 2003 o galego predominaba en todas as franxas e poboación por riba dos 30 anos e agora faino só a partir dos 50 mentres o descenso máis acusado é o rexistrado na infancia e na adolescencia
Todos estes datos son inseparables doutra variable: a idade dos falantes. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a porcentaxe de uso do galego -"sempre" ou "máis" ca o castelán- caeu nestas dúas décadas en todas as franxas xeracionais, pero non en todas elas coa mesma intensidade.
Cando o IGE preguntou polo uso e coñecemento do galego por primeira vez, en 2003, en toda a poboación maior de 30 anos quen usaba "sempre" ou "máis" o galego eran máis da metade do total. Vinte anos despois, o galego só é maioritario entre maiores de 50 e, aínda así, éo menos ca daquela: 21 puntos menos entre quen teñen de 50 a 64 anos e case 14 menos entre maiores de 65. [Un terzo dos menores de 15 anos non sabe falar galego e só un 16% emprega a lingua acotío]
Estas caídas son, en todo caso, inferiores á que se rexistra no grupo máis novo, o da infancia e a adolescencia de 5 a 14 anos. No ano 2003 xa era o grupo no que o galego tiña menos peso, pero quen falaban sempre ou máis en galego eran case o 40% e agora apenas pasan do 16%, un retroceso de máis de 24 puntos, case oito máis que o descenso na media do total da poboación.