Entre o 51% e o 56% da poboación que consulta medios de comunicación en Galicia responde ao IGE que desexaría maior presenza do galego neles
Alén das grandes cifras que acreditan que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia con preocupantes correntes de fondo como que un terzo dos menores de 15 anos non sabe falar galego e só un 16% emprega a lingua acotío, a actualización dos datos de coñecemento e uso do galego por parte do IGE trae consigo moita máis información. Por exemplo, a persistencia dunha relevante demanda de contidos en lingua galega por parte da audiencia dos medios de comunicación.
Aínda que con lixeiras diminucións a respecto de hai cinco anos, na anterior edición do estudo, os resultados para 2023 acreditan que máis do 50% da poboación que consulta a televisión, a radio ou os xornais desexaría máis contidos en galego. A proporción oscila entre o 56% para a televisión e o 51% para contidos en internet.
A demanda permanece e é, en todos os soportes polos que pregunta a oficina estatística pública, maior que hai unha década. Pero, non obstante, en todos eles diminúe con relación a 2018. Daquela, por exemplo, o desexo de máis galego superaba o 60% para a televisión e rozaba esa proporción para a radio.
A presenza do galego non chega ao 20% no acceso aos medios en ningún soporte. Nos xornais dixitais editados en Galicia, segundo o inquérito, fica por baixo do 12%
Alén desa oscilación, o certo é que a forte demanda de máis contidos en galego que acredita o IGE contrasta coa realidade que a audiencia percibe cada día e que tamén fica reflectida no propio estudo. Así, no soporte no que a poboación enquisada que consulta os medios de comunicación di acceder a máis contidos en galego, a televisión, a porcentaxe non chega nin ao 20%. A continuación sitúase a radio, con pouco máis do 15%.
No apartado "xornais galegos en internet", polo que o estudo pregunta á marxe da categoría xeral "prensa", o galego fica un chisco por baixo do 12%. Nesa área de "prensa", que o IGE adoita identificar unicamente con xornais impresos, o galego fica nun chisco máis do 4%. A enquisa pregunta, ademais, por primeira vez a respecto do consumo de contidos audiovisuais en plataformas dixitais e nestas o galego non chega nin ao 4%.
A maior presenza do galego nesas plataformas audiovisuais veu sendo nos últimos anos unha das principais reivindicacións de colectivos en defensa do idioma para o ámbito mediático. Esas reivindicacións, unidas a reformas legais no ámbito estatal e mais a acordos da Secretaría Xeral de Política Lingüística -actual Secretaría Xeral da Lingua- con algúns dos operadores propiciou avances ata o momento puntuais, caso do incremento de títulos con versións orixinais noutros idiomas dispoñibles con dobraxe ou subtitulado en galego.