Apenas o 16,2% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan habitualmente en galego, moi por debaixo do 26,1% de hai cinco anos
Hai tempo que a infancia e a mocidade galega é maioritariamente castelanfalante; abonda con pasar polo patio dun colexio, un parque ou un espazo de xogo para comprobalo. Porén, os datos nunca foran tan negativos. A estatística publicada este venres polo IGE, correspondente ao ano 2023, amosa que a caída do uso da lingua entre as novas xeracións non se detén e no último mesmo se acelerou. Os indicadores publicados hai cinco anos, que falaban dunha certa estabilización da situación, semellan ter sido un espellismo, unha miraxe. Os datos coñecidos este venres son preocupantes.
Apenas o 16,2% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan habitualmente en galego, moi por debaixo do 26,1% de hai cinco anos. Na seguinte faixa de idade, entre os 15 e os 29, os datos son algo mellores, cun 28,2% de galegofalantes, pero igualmente unha forte tendencia á baixa dende o 37% do ano 2018.
En 2003 o 40,3% dos e das menores de 15 anos aínda falaba máis galego que castelán
Se ampliamos o foco e ollamos á situación que existía no ano 2003 -que xa daquela se advertía como preocupante-, observamos a rapidez coa que se produciu o devalo no uso da lingua por parte dos e das máis novas. En 2003 o 40,3% dos e das menores de 15 anos aínda falaba máis galego que castelán e o 45,7% dos mozos e mozas entre 15 e 29 anos.
O 32,5% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos sabe falar galego "pouco ou nada", case dez puntos máis que hai cinco anos
Mozos e mozas e nenos e nenas deciden non falar en galego. Pero saben facelo en realidade? Pois a realidade é que cada vez menos, aínda que o seu dominio é obrigatorio no ensino primario e secundario.
A enquisa do IGE indica que o 32,5% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos sabe falar galego "pouco ou nada" e só un 26% afirma saber falalo "moito". O grao de descoñecemento do galego aumentou notablemente nos últimos cinco anos, cunha suba de case dez puntos, dende o 22,96% de 2018. Nese ano, por certo, producírase un descenso dende o 24% do 2013. Semellaba un cambio de tendencia, pero non foi así.
No seguinte grupo de idade, entre os 15 e 29 anos o grao de dominio do galego é maior e só o 13,7% afirma ter un coñecemento inexistente ou baixo. En todo caso, tamén aquí as cifras empeoran con respecto ao 2018 (8,85%).
Nas cidades, unha de cada catro persoas -de todas as idades- afirma saber falar en galego "pouco ou nada"
No conxunto da poboación a porcentaxe de persoas que non sabe falar en galego ou que sabe falalo "pouco" rolda o 16,6%, cunha tendencia ascendente lenta pero continuada dende o 10,4% que en 2003 non dominaba o uso da lingua.
Máis aló dos menores de 15 anos, non hai grandes variacións entre os restantes grupos de idade. Si as hai por provincia, cun maior descoñecemento da lingua na Coruña, Pontevedra e Ourense e cifras máis reducidas en Lugo (ao redor do 12%). Hai tamén grandes diferenzas en función do tamaño do concello: nas cidades o 25,3% afirma saber falar en galego "pouco ou nada", porcentaxe que baixa ao 15% nas vilas e ao 8,5% nos concellos de menos de 10.000 habitantes.
A gran diferenza en canto o coñecemento do galego establécea o lugar de nacemento: entre as persoas nacidas en Galicia só o 8% afirma saber falalo "pouco ou nada", unha porcentaxe moi semellante á de anos anteriores. Entre as persoas nacidas noutro territorio do Estado a proporción medra ata o 57% (76 mil do total de 134 mil) e entre as persoas nacidas no estranxeiro a porcentaxe de descoñecemento do galego é do 68% (176 mil de 259 mil).
Mocidade e lingua
Só ao 24% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos os seus pais e nais fálanlles "só en galego" ou "máis en galego que en castelán", unha porcentaxe que amosa un gran descenso en relación aos datos de 2018 (31%). A outro 7% fálanlles por igual nas dúas linguas
A realidade lingüística depende de múltiples factores, o mesmo que a transmisión xeracional dun idioma e duns hábitos de uso. Dende hai décadas, cando en Galicia se debate sobre o devalo do galego na mocidade, o foco diríxese sobre todo cara ao ensino e tamén cara ao ámbito familiar. Analizaremos esta cuestión ao longo dos vindeiros días noutras informacións, pero como foi evolucionando nos últimos anos o uso da lingua no ámbito familiar e tamén nos centros de ensino?
Só ao 24% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos os seus pais e nais fálanlles "só en galego" ou "máis en galego que en castelán", unha porcentaxe que amosa un gran descenso en relación aos datos de 2018 (31%), que amosaran unha mellora, e algo menor en relación aos datos de 2013 (27%). Se lles sumamos as crianzas a quen nas casas lles falan por igual nas dúas linguas (7,4%) vemos que ao redor do 32% dos menores de 15 anos escoitan falar galego con frecuencia nos seus fogares, por debaixo do 37% de hai cinco anos.
Ao 47% das crianzas os seus pais e nais nunca lles falan en galego
Ao 47% das crianzas, pola contra, os seus pais e nais nunca lles falan en galego. Esta porcentaxe medra de forma importante en relación co 39,8% de hai cinco anos. A enquisa recolle tamén un 5% de 'outras situacións", sobre todo fogares nos que non se fala nin galego nin castelán.
En canto á lingua empregada no ensino, os datos do IGE indican un uso relativamente equitativo de galego e castelán nas aulas. Segundo a enquisa, o 67% do alumnado entre 5 e 16 anos estaría a recibir as clases "igual en galego ca castelán"
En canto á lingua empregada no ensino, os datos do IGE indican un uso relativamente equitativo de galego e castelán nas aulas. Segundo a enquisa, o 67% do alumnado entre 5 e 16 anos estaría a recibir as clases "igual en galego ca castelán", con restantes valores lixeiramente superiores para "maioritariamente en castelán" (18%) que para "maioritariamente en galego" (12%). O mesmo sucede ao preguntar pola lingua na que o alumnado escribe na clase (61% "por igual" nas dúas linguas), ou polo idioma empregado para responder os exames (61% "por igual).
Porén, cando as preguntas non se refiren tanto ao desenvolvemento formal das clases, senón ás relacións persoais que establecen nese ámbito, as respostas cambian por completo. Así, o 47% do alumnado entre 5 e 16 anos (no ensino Primario e Secundario) di falar cos seus compañeiros e compañeiras "só en castelán". Outro 38% fala "máis en castelán que en galego".
Porén, cando as preguntas non se refiren tanto ao desenvolvemento formal das clases, senón ás relacións persoais, as respostas mudan por completo. O 47% do alumnado entre 5 e 16 anos di falar cos seus compañeiros e compañeiras "só en castelán" e outro 38% fala "máis en castelán que en galego".
En total, suma un 85% de predominio do castelán nos ámbitos non formais dos centros de ensino. Hai cinco anos a porcentaxe era do 74%.
Pola contra, apenas o 15% do alumnado fala cos seus compañeiros e compañeiras "só en galego" ou "máis en galego que en castelán". En 2018 a porcentaxe era do 26% e ata o 2008 roldaba o 39%.
Hai cinco anos, a anterior entrega dos datos de coñecemento e uso do idioma amosou algúns indicadores que convidan ao optimismo. O castelán era a lingua dominante no ensino, pero o galego freaba a súa caída. A estatística coñecida este venres reflite un escenario moito máis negativo non tanto nos indicadores de uso formal coma sobre todo, os que miden os hábitos lingüísticos da mocidade no seu día a día, dentro e fóra dos centros de ensino.
A RAG alertou de que o "efecto desgaleguizador" do sistema educativo comeza na escola infantil, cun importante papel das actividades extraescolares e deportivas, e chamou a atención sobre a "baixa competencia en galego" do alumnado que remataba a ESO
Coinciden neste senso con estudos levados a cabo nos últimos anos, coma o Mapa sociolingüístico escolar realizado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames, que alertou non só de que o "efecto desgaleguizador" do sistema educativo comezaba na escola infantil, consolidándose despois na adolescencia.
A RAG tamén chamou a atención sobre a "baixa competencia en galego" do alumnado que remataba a ESO -sobre todo no ensino privado. E, ademais, a Academia destacou tamén o importante papel das actividades extraescolares e deportivas na "desgaleguización" do alumnado.