"A experiencia tivo un impacto extraordinario", di Henrique Monteagudo, vicesecretario da Real Academia Galega (RAG), ao avaliar a iniciativa de inmersión lingüística impulsada pola entidade e o Concello en todos os cursos de segundo ciclo de Infantil e Primaria dos centros educativos de Ames. Unha experiencia na que 3.000 rapaces e rapazas adquiriron o compromiso de empregar o galego durante todo o día e durante tres semanas no pasado mes de marzo. Leváronse a cabo actividades na escola, promoveuse a complicidade das familias e implicouse o profesorado, asesorado tamén pola propia RAG, ao persoal escolar e ás propias aulas en proxectos fundamentalmente lúdicos arredor da lingua propia.
Monteagudo (RAG) destaca o "impacto extraordinario" da experiencia de inmersión lingüística para 3.000 nenos e nenas en Ames
A promoción e apoio do uso do galego na socialización da infancia, así como a asociación da lingua a actividades de lecer ou favorecer a transmisión familiar do idioma foron algúns dos propósitos dunha iniciativa que agora continúa en Ames con concertos e espectáculos.
Tras o proxecto de inmersión nas aulas, desde a Academia advirten da importancia -máis aló dos efectos no uso- da concienciación, de que a rapazada sexa consciente do "problema" que sofre a lingua e desbote prexuízos e tópicos infundados arredor dela. "Esta iniciativa tiña ese propósito como fundamental e conseguiuse", aclaran. Unha experiencia que axuda no cambio de marco, en asentar a idea de que falar galego é bo e non ten nada de malo.
As accións de inmersión lingüística do Modo galego, actívao! supuxeron unha pata máis dun proxecto moito máis amplo que elixiu Ames como localización e obxecto de análise pola súa diversidade territorial e por contar coa poboación máis nova de Galicia, sabendo que os resultados podía "ser extrapolados ao resto do territorio periurbano e mesmo a todo o territorio galego".
A través do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, analizouse a situación do galego desde as escolas infantís ata o Bacharelato, o que advertiu do "efecto desgaleguizador" do sistema educativo desde os seus inicios e de "cifras extremadamente preocupantes": en Secundaria, o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. Tamén se concluíu o papel que nesta "desgaleguización" xogan as actividades extraescolares e deportivas.
A Academia destaca que, máis aló dos efectos no uso, a iniciativa tivo éxito no labor de concienciación sobre o "problema" que sofre o galego e para desbotar prexuízos
"Esa recolla de datos foi moi interesante por exhaustiva, incluíndo case toda a mocidade, e polos datos, que evidenciaban que o proceso desgaleguizador na mocidade estaba avanzando moi rápido e que, como xa advertira o IGE, era máis acentuado no ámbito periburbano", lembra Monteagudo.
A segunda parte do proxecto consistiu na difusión de material entre o profesorado sobre plurilingüismo, así como na formación destes docentes sobre a xestión da variedade lingüística. O terceiro, o proxecto de inmersión durante tres semanas, inspirado en 21 días co galego pero coa gran diferenza de que, neste caso, implicou todos os centros educativos dun municipio á vez.
"Que o proxecto se desenvolvese en todos os colexios e escolas a un tempo axudou a que o impacto positivo e a implicación fosen moito maiores; hai familias con pequenos en varios centros, rapazada de varios colexios na mesma cuadrilla ou que xogan xuntos no parque... Provocou unhas sinerxías moi grandes", lembra Monteagudo, que repasa as valoracións que familias, monitores e profesorado compartiron ao finalizar a experiencia.
"Todos coincidían en que o impacto fora extraordinario, na rapazada pero tamén entre eles mesmos", di o tamén coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, que cre que a clave do éxito estivo "no apoio en forma de materiais semanais, de temas para debater e de implicación dos docentes e os cativos". "O profesorado estivo moi motivado porque non consistía na típica campaña publicitaria que se explica un día e queda aí, isto foi constante durante tres semanas", conta.
Iso si, con limitacións. "Evidentemente, unha cousa é o impacto momentáneo e outra a sustentabilidade máis adiante; a cuestión do uso da lingua é algo moito máis complexo porque depende da política lingüística dun goberno, das administracións... É unha cuestión estrutural e de recursos", explica Monteagudo, que aclara que a concienciación sobre a situación da lingua era o obxectivo principal e que ese foi máis que acadado.
"O impacto buscado, sendo realistas, era o de facer agromar o problema, que a rapazada sexa consciente de que existe un problema, de que teñen amigos que falan galego nas súas casas e con eles vense obrigados a falar castelán. E iso creo que se conseguiu", continúa o vicepresidente da RAG, que lembra especialmente a reflexión dun pícaro duns dez anos ao valorar a experiencia do proxecto. "Explicaba o contento que estaba porque por fin podía falar cos amigos e no colexio o mesmo que falaba sempre na casa, o galego, e que iso era moi bonito", conta.
"O impacto buscado era o de facer agromar o problema, que a rapazada fose consciente do problema que sofre o galego; e conseguímolo"
Monteagudo sinala, ademais, outra consecuencia "moi interesante" á que aludía o profesorado respecto do clima social arredor da lingua nos últimos, en parte tamén debido a iniciativas coma esta e outras. "Advertían de que mudara nestes anos e moitos confesaron abertamente que a polémica que rodeara o decreto do plurilingüismo impulsado polo PP coa súa volta á Xunta e toda aquela mensaxe que se difundira sobre unha suposta imposición do galego creara un ambiente bastante coercitivo no que había quen se sentía sinalado".
"Sentíranse moi cohibidos e coaccionados, coa sensación de que facer calquera cousa a favor do galego era significarse negativamente", explica sobre unha situación que tamén advertira o Consello da Cultura Galega respecto dos prexuízos da rapazada hai cinco anos nun completo informe.
Agora, segundo explicaron, a cousa mudou. "Teñen a percepción de que a sociedade evolucionou, de que iniciativas coma esta axudan a dar a volta á tortilla e que a xente, en xeral, sente que traballar e falar a prol da lingua galega está ben visto", explica Monteagudo, que insiste en que iniciativas como Modo galego axudan á concienciación de rapazada e familias sobre a realidade do idioma. "Traballamos con percepcións sociais e é moi importante que se vexa o problema onde antes non se vía ou se cría que non o había", conta sobre as reflexións que pais, nais e alumnado compartiron.
"A sociedade evolucionou; a xente, en xeral, xente que traballar e falar a prol do galego está ben visto"
O éxito da iniciativa en Ames fixo que outros concellos se interesasen xa por ela para replicala, aínda que, como lembra sempre Monteagudo, adaptando o modelo a cada lugar. "É unha convicción que teño e que este último proxecto reafirma: pensar que existe un modelo ou idea homexénea para Galicia sobre a lingua é un disparate; os datos globais sobre o galego en Galicia son a suma de parciais, moi distintos un dos outros", explica quen aclara que non é o mesmo unha área urbana ou periurbana que unha vila da Costa da Morte ou do interior de Lugo. "Inflúe todo: o prestixio do idioma, o peso da mocidade, a situación socioeconómica, o uso da lingua...", insiste.
Os últimos datos do IGE avalan en parte ese diagnóstico que Monteagudo xa expresara: na área que abrangue Arzúa, Ordes e Melide, na Costa da Morte, no Barbanza e Noia ou no sur de Ourense, onde o uso habitual do galego roldaba ou superaba o 80%, a porcentaxe de persoas que o falan sempre ou maioritariamente aumentara en 2018 con respecto a 2013. Ata 12 puntos nalgún caso. Na área de Vigo -onde menos se utiliza- ou na de Ourense, volvera caer.
Esta evolución nalgunhas zonas explica que o uso do galego entre as persoas de menos de 29 anos se mantivese, segundo os últimos datos, logo de décadas de retroceso constante. Pero estes datos non agochan a grave situación do idioma en moitos contextos, como o de Ames.
Ademais, outro estudo da RAG, centrado no ensino obrigatorio, constataba tamén a baixa competencia en galego do alumnado na fin da ESO, unha situación acentuada nos centros privados, onde a presenza da lingua propia é "residual". Porque o galego freou algo a súa caída na ensinanza, pero o castelán segue a ser a lingua dominante nas aulas e tamén fóra delas, onde o cativo uso do idioma en Internet e nas redes sociais atranca a normalización.
Mentres, o Consello de Europa segue instando a Xunta a eliminar "as limitacións para o ensino en galego" cada vez que avalía o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas. Segundo os datos, o galego é cada vez menos unha lingua de berce e máis unha de elección, e a quebra na transmisión interxeracional é o seu principal problema. Sendo aínda a lingua maioritaria de máis da metade da poboación, só o envellecemento e a caída demográfica impiden que ese dato vire. Un cuarto da infancia do país non sabe falalo e case a metade usa exclusivamente o castelán.