'21 días co galego' fai dez anos promovendo a lingua dentro e fóra das aulas

Participantes na edición 2023 de '21 días co galego e máis' © 21 días co galego

En 2013, hai unha década, botou a andar 21 días co galego, unha iniciativa lanzada no IES da Pobra do Caramiñal polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro e o impulso, sobre todo, da mestra Pilar Ponte. Tratábase, en esencia, de que durante tres semanas o alumnado falase en galego en todas as clases, fóra da aula, nas súas casas e tamén pola rúa e en todas as súas actividades do seu día a día. Dez anos despois o proxecto segue en marcha, absolutamente consolidado e ampliado á participación de 12 centros de ensino de todo o país coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Este ano participa unha ducia de centros de Primaria, ESO, Bacharelato e FP. En total, 4.564 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración, un 20% máis que o ano pasado

Esta semana púxose en marcha a undécima edición desta iniciativa, a quinta dende que a Secretaría Xeral de Política Lingüística se fixo cargo da súa organización, de novo coa denominación de 21 días co galego e máis. Este ano participa unha ducia de centros de Primaria, ESO, Bacharelato e FP: IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), IES de Melide (Melide), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e CPR Divino Maestro (Santiago), o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús (Ribadeo) e IES María Sarmiento (Viveiro), o IES Nº1 do Carballiño (O Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), o CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas de Reis), CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) e IES A Basella (Vilanova de Arousa). 

Presentación da edición 2023 de '21 días co galego e máis'. Pilar Ponte, segunda pola esquerda © 21 días co galego e +

Son centros moi distintos entre si, algúns de contornas galegofalantes e outras de zonas moi castelanfalantes, buscando o duplo obxectivo de "dar o paso a comezar a falar en galego pero tamén de manter e afianzar o seu uso"

Son centros, destaca Pilar Ponte en conversa con Praza.gal, moi distintos entre si, algúns grandes e outros pequenos, algúns de contornas galegofalantes e outras de zonas moi castelanfalantes, buscando o duplo obxectivo de "dar o paso a comezar a falar en galego pero tamén de manter e afianzar o seu uso no caso das mozas e mozos que xa o empregan con frecuencia".

En total, participarán 4.564 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, un 20% máis que o ano pasado, nunha experiencia que comezou o 24 de xaneiro e rematará o vindeiro 13 de febreiro. A sesión de apertura tivo lugar no IES Rafael Dieste da Coruña coa intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; do director do instituto, Mateo Torres; e da profesora e creadora da iniciativa, Pilar Ponte. 

A gran novidade este ano será a realización dun encontro presencial, que terá lugar o 28 de febreiro na Cidade da Cultura

O funcionamento e dinámica son semellantes ás de anos anteriores, nunha edición que consolida a estensión do proxecto aos centros de Primaria, que xa participaran o pasado a xeito de experiencia piloto. A gran novidade este ano será a realización dun encontro presencial, a xeito de festa de peche das tres semanas de actividades. Será o 28 de febreiro no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, un acto "potente e lúdico" no que participarán ao redor de 55 alumnos e alumnas por centro e no que se quere que o protagonismo corresponda ao alumnado en exclusiva.

"A clave non é falar da lingua, senón que a lingua sirva como vehículo para falar doutras cousas, temas que lle interesan ao alumnado ou que son importantes para a súa formación como persoa", destaca Pilar Ponte

Ademais, este ano a temática escollida para as actividades tamén muda, apostando por incidir nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU, baixo o lema ‘Falando para un mundo mellor’. Así, nas tres primeiras xornadas publicáronse xa contidos relacionados co obxectivo de acadar "unha educación de calidade", unha "produción e consumo responsables" e a universalización do acceso a "auga limpa e saneamento". "A clave non é falar da lingua, senón que a lingua sirva como vehículo para falar doutras cousas, temas que lle interesan ao alumnado ou que son importantes para a súa formación como persoa", destaca Pilar Ponte.

Ponte comenta con orgullo como algún deses primeiros participantes lle relatan que agora empregan a lingua galega con normalidade: "ai, Pilar, se me vises falando galego agora en Santiago"

Mantense este ano a colaboración, moi celebrada polo alumnado, co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde ten unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas; e tamén co espazo Dígocho eu!, da CRTVG, que manterá encontros co alumnado dos 12 centros educativos. De igual xeito, quérese incidir na participación a través das redes sociais, nomeadamente de TikTok e Instagram, espazos nos que a mocidade desenvolve unha parte importante das súas relacións sociais.

 

10 anos de 21 días

O proxecto fai unha década de funcionamento e de éxito, con alumnado participante que hai xa moito tempo que deixou os seus centros de secundaria e que na actualidade estuda na universidade ou traballa. Pilar Ponte comenta con orgullo como algún deses primeiros participantes lle relatan que agora empregan a lingua galega con normalidade: "ai, Pilar, se me vises falando galego agora en Santiago", en parte un mérito do programa.

"Hai 10 anos había que conseguir unha cámara de vídeo, gravar con ela os rapaces. Agora gravan eles mesmos os vídeo cos seus móbiles, o que facilita moito o traballo e permite rexistrar situacións máis naturais de uso da lingua", di

Ponte celebra a posibilidade de poder realizar o encontro presencial previsto para o 28 de febreiro, unha vella aspiración dos organizadores da iniciativa, unha ida que se vira obstaculizada nos últimos anos por mor da pandemia de COVID-19. Ademais, destaca a boa acollida da iniciativa entre alumnado e profesorado, confirmada a través de enquisas anónimas ao seu remate, con resultados favorables en máis do 90% dos casos.

Botando a vista cara atrás, a mestra destaca a consolidación e crecemento da iniciativa e os cambios tecnolóxicos que tiveron lugar na última década, que facilitaron o propio desenvolvemento do programa: "hai 10 anos había que conseguir unha cámara de vídeo, gravar con ela os rapaces. Agora gravan eles mesmos os vídeo cos seus móbiles, o que facilita moito o traballo e permite rexistrar situacións máis naturais de uso da lingua".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.