Tres mil nenos e nenas de Ames inician unha experiencia de inmersión lingüística: "fan serios esforzos por falar en galego"

Participantes na experiencia de inmersión lingüística no Concello de Ames © RAG

Dende este luns e ata o 20 de marzo todo o alumnado do segundo ciclo de Infantil e de Primaria de Ames participa nunha experiencia que os anima a vivir en galego durante tres semanas

Esta semana comezaron en Ames as accións de inmersión lingüística de Modo galego, actívao!, unha iniciativa da Real Academia Galega e do Concello de Ames para frear a perda de galegofalantes nesta localidade. O proxecto, inspirado en 21 días co galego, propón actuacións dentro e fóra das aulas e por primeira vez abrangue a todos os colexios dun mesmo concello a un tempo. Ademais, esténdese ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.

Dende este luns e ata o 20 de marzo todo o alumnado do segundo ciclo de Infantil e de Primaria deste municipio participa nunha experiencia que os anima a vivir en galego durante tres semanas. A escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño son os centros participantes.

Participantes na experiencia de inmersión lingüística no Concello de Ames © RAG

O proxecto, inspirado en 21 días co galego, propón actuacións dentro e fóra das aulas e esténdese ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local

O alumnado de Primaria comezou o programa adquirindo o compromiso de empregar o galego durante todo o día, asinando o Acordo de compromiso lingüístico. Cada titor e titora exerceu ante os cativos e cativas de representante da Academia , ofrecéndolles un premio da súa elección de cumpriren o acordo. Ademais, cada neno ou nena debe cubrir a diario a folla titulada E hoxe, activaches o modo galego? no que ao final de cada xornada avalía o seu grao de cumprimento do acordo.

O proxecto conta cun blog que orienta o profesorado sobre que facer cada día e cada semana. Nestes primeiros sete días, a atención temática céntrase no audiovisual, a música, as redes sociais e os videoxogos e cada aula pode elixir realizar dobraxes divertidas de películas, pequenos vídeos sobre calquera tema curioso baseada na linguaxe de espazos coma Youtube e Tik Tok ou ben compoñer unha canción de música urbana en galego. Nas aulas de Infantil a experiencia estase centrando polo momento en traballar co léxico, por campos semánticos, explica Gabino Vázquez-Grandío, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG.

“O feito de que o que se lles propoña sexa divertido é fundamental, que non o vexan como os deberes, senón como unha actividade diferente e voluntaria que lles permite ademais acadar un premio”, destaca Javier Cacheiro, presidente da ANPA do CEP de Ventín

O que se pretende acadar é o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregaren o galego durante, polo menos, tres semanas seguidas, buscando tamén a complicidade das familias. E para facilitar o obxectivo, estanse a desenvolver toda unha serie de experiencias que, no caso das destinadas aos nenos e nenas, son dun marcado carácter lúdico.

“O feito de que o que se lles propoña sexa divertido é fundamental, que non o vexan como os deberes, senón como unha actividade diferente e voluntaria que lles permite ademais acadar un premio”, destaca Javier Cacheiro, presidente da ANPA do CEP de Ventín.

Nas actividades de 'Modo Galego' participan uns tres mil nenos e nenas do Concello de Ames © RAG

“Fan serios esforzos por falar en galego e autocorrixirse. Cada día teñen que reflexionar sobre a experiencia e autoavaliarse cun semáforo, e avalíanse con moita esixencia", di Enrique Gil, mestre do CEP de Ventín

A resposta dos nenos e nenas está a ser “exemplar”, salienta Enrique Gil, responsable do equipo de dinamización lingüística do CEP de Ventín. “Fan serios esforzos por falar en galego e autocorrixirse. Cada día teñen que reflexionar sobre a experiencia e autoavaliarse cun semáforo, e avalíanse con moita esixencia. Paréceme unha proposta moi interesante porque promove a concienciación lingüística e porque se basea en actividades moi novidosas”, valora o mestre, que sinala a implicación do profesorado como unha parte fundamental do éxito.

Javier Cacheiro é pai de Aroa, que estuda 6º de primaria no centro. Malia seren os seus pais galegofalantes, ela fala dende moi cativa só castelán. Porén, este luns chegou da escola expresándose en galego

Javier Cacheiro é pai de Aroa, que estuda 6º de primaria no centro. Malia seren os seus pais galegofalantes, ela fala dende moi cativa só castelán. Porén, este luns chegou da escola expresándose en galego. “Fíxolle moita ilusión asinar o Acordo de compromiso lingüístico, está tomándoo moi en serio e esforzándose por falar todo o tempo en galego”, conta Cacheiro. A súa irmá pequena, Lara, polo momento só o está a empregar na escola, “pero xa é un progreso”, engade.

A RAG e o Concello buscan ademais a complicidade das familias, con propostas para realizar durante a fin de semana. Por exemplo, este venres proporáselle ao alumnado un tema para que grave en audio unha breve reflexión persoal. Os testemuños serán o eixe dun  espazo que se emitirá os vindeiros tres xoves no programa Somos Ames de Ames Radio, no que serán comentados dende o punto de vista sociolingüístico.

Nenos e nenas asinaron un 'Acordo de compromiso lingüístico' © RAG

Accións formativas e de sensibilización para profesorado e monitorado das actividades complementarias

Modo galego, actívao!  ofrece accións formativas e de sensibilización para o profesorado e o monitorado das actividades complementarias

Modo galego, actívao!  ofrecerá, entre outras medidas, accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación.

“Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que é urxente poñer en marcha intervencións coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova", di a concelleira de Normalización Lingüística

“É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, salienta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. “Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que é urxente poñer en marcha intervencións coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova e de garantirlles ás nenas e aos nenos o dereito a usar con normalidade a lingua que nos identifica como galegos e galegas”, di.

A implicación da administración local é precisamente outra novidade esencial do proxecto, indica Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG. “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo; por tanto, teñen un importante papel que desempeñar neste sentido”, considera o sociolingüista.

O alumnado do segundo ciclo de infantil e de primaria deste municipio participa dende o luns nunha experiencia que os anima a vivir en galego durante tres semanas dentro e fóra das aulas © RAG

Experiencia piloto reproducible noutros concellos

A Real Academia Galega espera que a experiencia sexa posteriormente reproducible noutros municipios do país

Alén de definir o proxecto, apoiar a execución e ofrecer asesoramento, a Academia está a facer o seguimento da experiencia para analizar o seu desenvolvemento dende a perspectiva científica. Os resultados serán recollidos posteriormente nun informe. A Real Academia Galega espera que a experiencia sexa posteriormente reproducible noutros municipios do país. “A Academia non ten capacidade para acompañar a todos os concellos de Galicia pero concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros municipios”, sinala Monteagudo.

Hai dous anos a RAG detectou unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil

Con este proxecto a Academia e o Concello de Ames queren pasar do diagnóstico á acción. O programa dálle continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística neste municipio que deron lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021) Hai dous anos este último traballo detectou unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.

Modelo de 'Acordo de compromiso lingüístico' © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.