Unha ducia de probas de que co galego imos onde queiramos
O filme As Neves, de Sonia Méndez, entrou esta semana na lista das cinco películas máis vistas na plataforma HBO Max. Unha historia en galego, rodada en Galicia e cun elenco de actrices e actores galegos. Unha nova demostración de que coa nosa lingua é posible chegar a todas partes. Por iso, lembramos aquí unha ducia de probas de que co galego imos onde queiramos.
-
01
'O que Arde' en Cannes
O premio do xurado na sección Un certain regard do Festival de Cannes para O que arde, do cineasta Oliver Laxe, marcou un fito no cinema galego no exterior mais tamén no interior, pois converteu o filme nun fenómeno que lembrou ao da mítica Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro. Protagonizada por Amador Arias e Benedicta Sánchez, e coa paisaxe dos Ancares tamén como protagonista, foi primeira película en ser proxectada en galego en Cannes.
-
02
Cuncha de Ouro para 'O Corno'
“Estar na sección oficial de San Sebastián, o festival máis importante do Estado e un dos festivais máis importantes de Europa xa é un fito. E facelo cunha película en galego cunha temática determinada e que sexa a primeira directora española en gañar a Cuncha son todo logros”, celebraba a coprodutora do filme de Jaione Camborda, Andrea Vázquez, de Miramemira, en conversa con Praza tras facer historia en Donostia.
-
03
O éxito internacional das Tanxugueiras
O boom acadado con Terra e a súa participación no Benidorm Fest, ás portas de Eurovisión, converteron as Tanxugueiras nun fenómeno internacional. As cantareiras que viñeron para acabar de revolucionar as maneiras de interpretar as músicas tradicionais. Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro fixeron despegar a súa carreira co seu terceiro disco, Diluvio, e chegaron a escenarios con centos de miles de persoas sen deixar de cantar en galego.
-
04
Baiuca soando no Coachella
Os sons do músico Alejandro Guillán, Baiuca, soaron na pasada edición do festival Coachella, que se celebra en Carlifornia, a través do produtor escocés Barry Can't Swim, que compartiu durante a súa actuación a canción Sunsleeper, que fixo co tema Mangüeiro, obra de Baiuca en colaboración con Xosé Lois Romero e Aliboria, como base.
-
05
O himno do Celta de C Tangana
A expectación xerada polo himno do centenario do Celta encargado ao madrileño de pai vigués C Tangana foi superada pola repercusión do tema, sumado a un impresionante videoclip sobre a ría de Vigo. A prensa internacional fíxose eco da potencia deste himno que acumulou máis dun millón de visualizacións nas súas primeiras horas tras a estrea nun acto na cidade olívica.
-
06
O 'Proxecto Nós'
"Non se trata de acordos con grandes empresas, senón de que haxa un modelo de lingua adaptado do galego", salientaba o investigador Pablo Gamallo nos inicios do ‘Proxecto Nós’, que xa estivo recompilando distintas voces en galego para avanzar na creación dese modelo lingüístico para a Intelixencia Artificial, que permitirá que a nosa lingua non desapareza na comunicación dixital.
-
07
'Matria' estreada en Berlín
O filme Matria, de Álvareo Gago, tivo a súa estrea mundial na Berlinale, onde competiu na sección Panorama. A película só ten unha versión orixinal en galego e logrou levar as violencias machistas que sofren as mulleres no seu día a día á gran pantalla, dándolle voz a mulleres que non acostuman a tela, como a súa protagonista, interpretada pola actriz María Vázquez.
-
08
16 premios nacionais do Ministerio dende 2017
Yolanda Castaño, Olga Novo e Pilar Pallarés recibiron o Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura nos últimos cinco anos e Ismael Ramos e Alba Cid conquistaron o Premio Nacional de poesía nova 'Miguel Hernández'. Marilar Aleixandre e Xesús Fraga fixéronse co Premio Nacional de Narrativa e Xavier Senín e María Alonso Seisdedos foron galardoados co Premio Nacional á obra dun tradutor. Son moitos máis os premiados polo Ministerio nos últimos anos, demostrando o talento das artistas do país.
-
09
O fenómeno 'Aquí tamén se fala'
A campaña de normalización lingüística Aquí tamén se fala, que xurdiu no IES Rafael Dieste da Coruña, tivo eco en preto de douscentos centros de ensino do país e traspasou o eido educativo para ocupar as rúas, os negocios da cidade e mesmo o tempo de ocio, coa celebración dun festival que contan con repetir neste curso.
-
10
O deporte profesional, tamén en galego
Os equipos profesionais de máximo nivel empregan o galego con normalidade, no caso do RC Deportivo o galego gaña espazo na súa comunicación, especialmente a través das redes. O novo equipo feminino do Celta, As Celtas, tamén emprega principalmente o galego nas súas interaccións. Tamén o fan o Breogán e o Obradoiro de baloncesto, que empregan o galego para comunicarse coa súa afección e mesmo teñen os seus propios cancelos: #ForzaBreo e #MansAObra.
-
11
'As Neves' en HBO Max
As Neves aguantou máis de cinco semanas nas salas de cinema e agora chega con forza ás plataformas dixitais. Meteuse directamente entre as dez películas máis vistas en HBO Max e chegou a estar de cuarta na lista. Un filme sobre as relacións entre un grupo de adolescentes nunha vila galega na que viven transitando a fronteira entre a hiperconectividade e o illamento. “É unha película de xente boa facendo cousas malas sen querer”, contou a súa directora, Sonia Méndez, en conversa con Praza. “É unha película rápida, guai, fácil. Hai moita emoción e paréceme un acerto ir vela”, defende a actriz Andrea Varela, que debuta no cine con esta película, na revista VINTE.
-
12
A colleita de medios de comunicación
Un idioma vivo precisa de medios de comunicación que o empreguen a diario, que o dinamicen e o acheguen a todos os sectores da sociedade. Nisto seguimos en Praza.gal e en moitos outros medios que forman parte da Asociación de Medios en Galego, que cada ano se reúne para homenaxear a unha figura destacada, a última foi o escritor Valentín Lamas Carvajal, promotor de O Tío Marcos da Portela, primeira publicación escrita integramente en galego.