Este xoves escoitouse por primeira vez a Oliveira dos cen anos, o himno do Centenario do RC Celta composto por C Tangana
Poucas veces a presentación dun himno dun clube deportivo xerou tanta expectación. Este xoves escoitouse por primeira vez a Oliveira dos cen anos, o himno do Centenario do RC Celta composto por C Tangana, Antón Álvarez, máis coñecido como Pucho. A presentación tivo lugar no Teatro AFundación completamente ateigado, diante de directiva, xogadores, socios e socias e unha completa representación da sociedade civil viguesa.
Entre eles estaba Alicia Barreiro, a socia número un da entidade, que dixo "o Celta é algo extraordinario; morrerei dicindo: Viva o Celta". Ou o propio pai de C Tangana, chamado tamén Antón Álvarez, que emigrou a Madrid e alí transmitiu ao seu fillo un celtismo que mantiveron a través dos anos (e das xeracións) e que lles serviu como nexo con Galicia e como sinal de identidade lonxe da súa terra.
O himno é un emotivo canto ao celtismo e ás alegrías ("na ledicia son celeste") e sufrimentos causados ("celtista no padecer") polo equipo
O himno, un emotivo canto ao celtismo e ás alegrías ("na ledicia son celeste") e sufrimentos causados ("celtista no padecer") polo equipo contén unha clara influencia das relecturas máis actuais da música tradicional galega, ademais dos sons propios do estadio e dos grupos de seareiros. E nel colaboran artistas como a Coral Casablanca, Xisco Feijoo, As Lagharteiras, Lilaina ou Sime de Keltoi.
A canción acompáñase dun espectacular vídeo gravado en varias localizacións da Ría de Vigo, dende a Ponte de Rande á Illa de San Simón e dirixido polo propio Antón Álvarez.
C Tangana: "Para min ser do Celta era un acto subversivo"
Na presetación, C Tangana -fillo da emigración- reivindicouse como celtista dende neno a pesar (ou sobre todo) de vivir en Madrid. "Son madrileño. Alí ninguén tiraba as faltas como Mostovoi nin celebraba os goles facendo a Gaivota. Para min ser do Celta era un acto subversivo. Tiven que berrar que era do Celta todo o tempo. E co himno quería transmitir unha forma de vivir o celtismo activa. Para min é un acto de militancia. Ser do Celta está moi guapo”, dixo Pucho na presentación.
A canción acompáñase dun espectacular vídeo gravado en varias localizacións da Ría de Vigo
Os xogadores, nun vídeo difundido polo Celta, recibiron con entusiasmo o novo himno nas primeiras escoitas. Na súa reacción, Iago Aspas, Kevin Vázquez, Fran Beltrán ou Franco Cervi, destacaron que "se nota que se fixo con tradición e agarimo" ou que "soubo transmitir os principios que hai na cidade e en Galicia".
O vindeiro 23 de agosto o Celta fará exactamente cen anos, coincindindo practicamente co inicio dunha tempada na que o Centenario se celebrará de distintas formas pero na que este himno será o gran protagonista
Este 23 de agosto, dentro de mes e medio, o Real Club Celta fará exactamente cen anos, coincindindo practicamente co inicio dunha tempada na que o Centenario se celebrará de distintas formas pero na que este himno será o gran protagonista. Haberá que agardar a ver a aceptación que a composición ten entres os seareiros e tamén como perdura no tempo. Na presentación deste xoves, C Tangana dixo querer "que dentro de cen anos non se fale de quen o fixo, senón de que pertence ao club". "Que pareza que é de sempre, coma o Celta”, concluíu.
Letra de Oliveira dos cen anos
Creo que estou namorado
dos teus ollos azuis
Son coma a cor do ceo
cando se apartan as nubes
Nesa beleza celeste
pérdome cando te miro
Que fácil é confundilos
coas ondas do mar de Vigo
Conto cada día da semana
para que me deas esa morte
Conto cada día da semana,
sei que este domingo vou ter sorte
Non sei se podo vivir sen ti,
pero iso éme igual,
non o quero probar
Cada vez que mires atrás,
sempre hei estar aquí
Sempre Celta!
Un escudo no meu peito
Sempre Celta!
Oliveira dos cen anos,
cría raíces de prata
Tomar amores non custa,
olvidalos si que mata
Eu non os quero esquecer
Na ledicia son celeste,
celtista no padecer