Este martes coñecemos que Marilar Aleixandre foi galardoada polo Ministerio de Cultura co Premio Nacional de Narrativa, un recoñecemento por 'As malas mulleres' que se vén sumar a unha longa xeira de distincións para autores e autoras galegas nos galardóns convocados polo Ministerio nos últimos anos. O premio de Marilar Aleixandre súmase ao recibido por Xesús Fraga na mesma categoría no 2021 e ao que hai uns días se anunciou para Ismael Ramos no apartado de Poesía Nova pola súa obra 'Lixeiro'.
Poesía, Narrativa, Ensaio, Tradución, Xornalismo Cultural, Literatura Infantil e Xuvenil foron algunhas das categorías nas que se premiaron a galegos e galegas. Tamén en Moda, Arquitectura ou Artes Plásticas
Pero é que dende o 2017 un total de 16 Premios Nacionais de Cultura foron parar a mans de galegos e galegas. A poesía (Olga Novo e Pilar Pallarés en 2020 e 2019) e a poesía escrita por autores mozos (Ismael Ramos e Alba Cid en 2022 e 2020) sumou catro galardóns. Pero tamén no ensaio (Xosé Manuel Núñez Seixas e María Xesús Lama en 2019 e 2018), a tradución (Xavier Senín e Neila García Salgado en 2020 e 2018) e a narrativa (Marilar Aleixandre e Xesús Fraga en 2022 e 2021) os e as creadoras e profesionais galegas destacaron nos últimos cinco anos.
Tamén o fixeron no xornalismo cultural (Ana Romaní e Anxo Quintela, nos anos 2018 e 2019) e na Literatura Infantil e Xuvenil (Antonio García Teijeiro, 2017). E mesmo na moda (Adolfo Domínguez, 2019), na arquitectura (Manuel Gallego Jorreto, 2018) e as Artes Plásticas (Ángela de la Cruz, 2017).
O premio de Marilar Aleixandre súmase ao recibido por Xesús Fraga na mesma categoría no 2021 e ao que hai uns días se anunciou para Ismael Ramos no apartado de Poesía Nova pola súa obra 'Lixeiro'.
Estes galardóns, máis recentes, veñen sumarse aos recibidos no pasado por autores, autoras e proxectos culturais galegos, como Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015), Gonzalo Hermo (Premio de Poesía Nova en 2015), Chévere (Premio Nacional de Teatro en 2014), Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Premio Nacional de Tradución en 2014) ou Miguelanxo Prado (Premio Nacional de Cómic en 2013).
Ou aos anteriores que recoñeceron a Xusto Beramendi, Suso de Toro, Manuel Rivas, Alfredo Conde, Gonzalo Torrente Ballester, Fina Casalderrei, Xabier P. Docampo, Paco Martín, Antón R. Castro, Manuel Lourenzo, Andrés Torres Queiruga, Manuel Álvarez Torneiro, Óscar Villán ou Federico Fernández.
Entrevistas
- Ismael Ramos (2021): "Quería reivindicar a posibilidade de facernos preguntas sen resposta e a liberdade de non ter as cousas claras e que non pase nada"
- Alba Cid (2021): “En máis dun caso, a poesía galega contemporánea foi quen de adiantar exploracións temáticas ou abrir liñas de fuga”
- Ledicia Costas (2021): "Quería escribir unha novela de luz e bos momentos que conseguise arrincar algún sorriso"
- Antonio García Teijeiro (2020): "A LIX segue demasiado vencellada á escola. Se desaparece a prescrición escolar, caería en picado"
- Olga Novo (2019): “A literatura pertence á cáscara estética da linguaxe, pero a vida está máis alá e máis dentro. A Poesía é Amor ou non é nada”
- Pilar Pallarés (2019): “O poemario é unha nova versión da miña obsesión polos procesos de destrución e rexeneración"
- Xosé Manuel Núñez Seixas (2017): “En Rosalía pódese ver un precedente da revolución social ou só unha apelación á morriña”
O bo momento que atravesa a cultura galega a nivel individual e de creación foi destacado esta semana pola Asociación Galega de Editores na súa participación nas feiras do libro de Frankfurt e LIBER, nas que botaron en falta o apoio da Xunta
O bo momento que atravesa a cultura galega a nivel individual e de creación foi destacado esta semana pola Asociación Galega de Editores (AGE) na súa participación nas feiras do libro de Frankfurt e LIBER, nas que botaron en falta o apoio da Xunta de Galicia. A AGE publicou o audiovisual 'Unha edición poderosa', onde se recollen os máis de 20 Premios Nacionais galegos en todos os xéneros dos últimos 40 anos. "As nosas letras son enormes. Proxéctanse con Premios Nacionais de Literatura en todas as categorías. Temos a mellor edición para unha literatura de premio", destácase no vídeo.