As editoras critican a "falta de apoio" da Xunta ao libro galego en LIBER e na Feira de Frankfurt

Stand da Asociación Galega de Editores en Liber © AGE

"En vez de apoiar a xestión da AGE cun espazo profesional, preferiu actuar de modo paralelo nestas feiras, duplicando a presenza galega con outro stand, sen actividade, xestionado por persoal alleo ao sector, e que supón un gasto extraordinario de fondos públicos", denuncian os editores

Do 4 ao 6 de outubro celebrouse en Barcelona a edición 2022 de LIBER, a Feira Internacional do Libro de España. Este domingo, ademais, finalizou a Feira do Libro de Frankfurt, o encontro internacional do mundo da edición de maior transcendencia comercial, que este ano contou con España como país convidado de honra. En ambas as dúas citas o libro galego estivo representado a través a Asociación Galega de Editores (AGE), que participou cun stand propio para acoller a 13 editoriais asociadas, desprazadas en misión comercial.

Porén, en ningunha das dúas feiras a AGE puido contar co apoio da Xunta. A asociación critica que o Goberno galego "en vez de apoiar a xestión da AGE cun espazo profesional, preferiu participar e actuar de modo paralelo nestas feiras, duplicando a presenza galega con outro stand, sen actividade, xestionado por persoal alleo ao sector, e que supón un gasto extraordinario de fondos públicos".

13 editoriais galegas participaron no stand de AGE nas feiras internacionais © AGE

A entidade subliña "a diferenza do trato que reciben todos os gremios e asociacións nacionais e internacionais do sector do libro por parte das súas administracións"

A entidade subliña "a diferenza do trato que reciben todos os gremios e asociacións nacionais e internacionais do sector do libro por parte das súas administracións, tanto para desenvolver a súa actividade como para a xestión do seu propio espazo nestas feiras de marcado carácter profesional" e cualifica de "insólito" o comportamento da Xunta. 

En calquera caso, a asociación destaca que "segue aberta ao diálogo" coa Xunta a pesar da "grave situación" creada e de que "nestes momentos parece inexistente a figura dun interlocutor que ofreza unha solución a este permanente conflito".

"A mellor edición para unha literatura de premio"

13 editoriais galegas participaron no stand de AGE nas feiras internacionais

A AGE fai un balance "moi positivo" do traballo e dos acordos realizados polas 13 editoriais. Na Feira de Frankfurt, a asociación elaborou o catálogo "Galician Books", específico para este evento, cunha selección de 90 títulos das doce editoras presentes, e o audiovisual 'Unha edición poderosa' onde se recollen os máis de 20 Premios Nacionais galegos en todos os xéneros dos últimos 40 anos. "As nosas letras son enormes. Proxéctanse con Premios Nacionais de Literatura en todas as categorías. Temos a mellor edición para unha literatura de premio", destácase no vídeo.

"As nosas letras son enormes. Proxéctanse con Premios Nacionais de Literatura en todas as categorías. Temos a mellor edición para unha literatura de premio", destácase no vídeo realizado para Frankfurt

Así mesmo, o presidente da AGE, Henrique Alvarellos, participou nunha mesa redonda sobre a edición nas linguas oficiais do Estado distintas do castelán (galego, catalán e éuscaro). Participaron Joan Abellà (presidente da AELC, e Enciclopèdia Group), Henrique Alvarellos (presidente da AGE), Carmen Elvira Balsalobre (presidenta do gremio vasco, Pamiela editorial), Àfrica Ramírez Olmos (presidenta do gremio de editores valenciano, directora de Balandra Edition); todos eles e elas moderados por Laura R. Herrera (Hércules de Ediciones). Así mesmo, Alvarellos participou nun encontro co Premio Nacional de Narrativa, Xesús Fraga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.