Cen anos das primeiras editoriais galegas modernas: da pioneira Céltiga ao "proxecto de país" de Ánxel Casal

Placa que lembra que neste lugar se ubicou a imprenta e editorial Nós CC-BY-SA Praza Pública

Céltiga, Lar ou Nós buscaban "conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade"

O Consello da Cultura acolleu este xoves o XIX Simposio sobre o libro e a lectura, organizado pola Asociación Galega de Editoras e centrado este ano na conmemoración do centenario do inicio da "edición moderna" en Galicia, coa aparición a partir dos anos 20 do pasado século dos selos editoriais pioneiros: Céltiga, Lar e Nós. 

Foron iniciativas que, co impulso de Xaime Quintanilla en Ferrol e Ánxel Casal e Leandro Carré na Coruña e Compostela, buscaban "conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade". "Foi o nacemento do libro galego moderno, unha época intensa e feliz que quedaría tronzada na guerra civil", destácase dende a organización do Simposio.

Portada dunha edición facsimilar de 'Almas mortas', publicada pola editorial Céltiga en Ferrol Dominio Público

A historiadora e docente Encarna Otero ofreceu a conferencia de apertura: “O libro galego moderno: Ánxel Casal”, unha intervención que foi seguida polas do filólogo e investigador Xurxo Martínez (“Os precursores: século XIX”), do director de Embora Edicións Miguel Toval ("O papel de Céltiga como precursora da edición moderna do país") e de X. M. Dasilva -da revista Grial- e Charo Portela -de Ediciós do Castro-, que falaron da edición no Franquismo e no exilio, respectivamente.

"Foi o nacemento do libro galego moderno, unha época intensa e feliz que quedaría tronzada na guerra civil", destácase dende a organización do Simposio

O Simposio, iso si, non ficou no pasado, e na súa sesión vespertina avanzou cara o presente, coas charlas “A edición comercial nos anos 60: Xosé María Álvarez Blázquez e Castrelos”, a cargo do docente e editor Manuel Bragado; "Editar na Transición", por Laura R. Herrera, directora de Hércules de Ediciones; e mais “O papel do libro na revolución dixital”, do director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Xesús Alonso Montero, pechou o Simposio coa conferencia de clausura: “Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.

Céltiga, a pioneira

A primeira editorial moderna de Galicia foi Céltiga, fundada en Ferrol en 1921 por Xaime Quintanilla, co impulso das Irmandades da Fala co obxectivo de publicar obras en lingua galega en prosa, un campo que ata ese momento estivera desatendido

A primeira editorial moderna de Galicia foi Céltiga, fundada en Ferrol en 1921 polo médico e militante socialista Xaime Quintanilla Martínez, co impulso das Irmandades da Fala co obxectivo de publicar obras en lingua galega en prosa, un campo que ata ese momento estivera desatendido, fronte á produción poética, máis abundante. Nos últimos meses unha exposición na cidade naval realizada por Xosé María Dobarro e Xosé Manuel Varela conmemorou o centenario dunha iniciativa pioneira que abriu o camiño para as posteriores Lar e Nós, pero que tivo unha vida efémera, pois foi pechada en 1923 pola ditadura de Primo de Rivera.

No Simposio o editor Miguel Toval destacou o "descoñecemento" xeneralizado que existe sobre a editorial Céltiga, un "esquecemento" que ten que ver en parte co lugar no que esta naceu, "pois Ferrol xa era daquela, e segue a ser, periférica dentro de Galicia" e, ademais, é unha cidade que "sofre o estereotipo de ser un lugar onde non se fala galego", co que fica apartada da historia oficial do galeguismo.

Publicidade de Lar Dominio Público

"A importancia de Céltiga radica no valor de ser a primeira, pero sobre todo por ter creado un sistema de traballo editorial moderno por primeira vez", destaca Miguel Toval

"A importancia de Céltiga radica no valor de ser a primeira, pero sobre todo por ter creado un sistema de traballo editorial moderno por primeira vez. Céltiga crea unha colección, semellante ás que había en editoriais de Madrid ou Barcelona, de novela popular, con prezos baixos e cunha tirada e un sistema de distribución estable, con data de saída coñecida", destaca Toval, que conclúe: "foi o primeiro intento moderno de profesionalización do traballo editorial en Galicia", como recollen as investigacións de  Xosé María Dobarro e Xosé Manuel Varela. A outra clave no proxecto foi o idioma. "Dende o primeiro momento o que se pretende é favorecer a lectura en galego e favorecer que exista narrativa e teatro en galego e que esas creacións literarias poidan distribuírse de maneira masiva entre a poboación", sinala Toval.

Céltiga "foi o primeiro intento moderno de profesionalización do traballo editorial en Galicia", engade

Por que en Ferrol? Como era a cidade nese momento? O editor destaca que Ferrol era daquela "unha gran cidade, con industria e cun comercio moi potente, mesmo con ultramar" e que "había unha sociedade urbana que favorecía este tipo de produción e comercio cultural". Cómpre destacar, engade, "o papel xogado por Manuel Fernández Barreiro, membro da Irmandade Nacionalista Galega, que é quen consegue fondos para a editorial, busca publicidade e, na práctica, pon en marcha o proxecto".

Céltiga pechou en 1923 e o seu traballo foi continuado por Lar, creada na Coruña en 1924 por Leandro Carré Alvarellos e Ángel Casal, e que funcionou ata 1928. Un ano antes Casal fundou a editorial Nós, primeiro con sede na Coruña e en 1931 trasladada a Compostela

Céltiga pechou en 1923 e o seu traballo foi continuado por Lar, creada na Coruña en 1924 por Leandro Carré Alvarellos e Ángel Casal, e que funcionou ata 1928. Un ano antes Casal fundou a editorial Nós, primeiro con sede na Coruña e en 1931 trasladada a Compostela. Hai, polo tanto, unha continuidade de proxectos, con obxectivos e funcionamento parecidos e con traxectorias curtas pero intensas, como destaca finalmente Toval: "os proxectos son semellantes, impulsados por un pequeno grupo local e cada un dura o que dura en función de distintas circunstancias e obstáculos. No caso de Céltiga foi o inicio da ditadura de Primo de Rivera, pero tamén as dificultades de financiar un proxecto deste tipo nun momento no que a distribución por toda Galicia era complicada".

 

O proxecto de país de Ánxel Casal

Castelao escribiu que Ánxel Casal "fixo por Galicia máis que todos nós", nun recoñecemento ao traballo inconmensurable do editor

Castelao escribiu que Ánxel Casal "fixo por Galicia máis que todos nós", nun recoñecemento ao traballo inconmensurable do editor e á importancia de difusión das ideas a través da edición de libros e da impresión de folletos e xornais. Na súa intervención no Consello da Cultura Galega Encarna Otero destacou o "proxecto de país" que constituíron as iniciativas de Casal e a súa dona María Miramontes, "porque Nós foi un proxecto no que os dous participaron plenamente" e que en boa medida se sostivo economicamente grazas ao seu traballo como modista.

Ánxel Casal e a súa compañeira, María Miramontes CC-BY-SA Praza Pública

"Nós forma parte dese proceso de renovación total que se busca dar á cultura galega nesas décadas, ata 1936, un proxecto no que estaban as Irmandades da Fala, as escolas de ensino en galego, o xornal A Nosa Terra ou o Seminario de Estudos Galegos"

"Nós forma parte dese proceso de renovación total que se busca dar á cultura galega nesas décadas, ata 1936, un proxecto no que estaban as Irmandades da Fala, as escolas de ensino en galego, o xornal A Nosa Terra, o Seminario de Estudos Galegos ou o Grupo Nós", salienta Otero en conversa con Praza.gal, subliñando que "a editorial entronca iso cunha revolución que nese momento se está a producir en toda Europa, que transforma o libro e o seu sistema de produción, converténdoo nun produto de consumo masivo, atractivo e accesible".

"O proxecto de Nós xuntou o mellor que había a nivel de creatividade nese momento en Galicia, dende Seoane a Maside, pasando por Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro ou Cándido Fernández Mazas, moi ligado tamén á revolución estética que se está poñendo en práctica en editoriais de Alemaña ou Francia, próxima ás vangardas", destaca, engadindo que "é incrible como unha persoa autodidacta como Ánxel Casal puido xuntar todas estas enerxías distintas".

Encarna Otero destaca que en Nos "non só se imprimían libros e revistas", senón que tiveron moita importancia "as follas voandeiras, o que podemos chamar literatura efémera: chamamentos, panfletos, pasquíns, folletos de man... Todo, con moi distintas orixes, imprimíao Nós, asumindo un proxecto de país na súa diversidade, algo que semella que a Galicia lle custa moito facer", di.

Otero salienta o esforzo que se puxo en asegurar a rendibilidade económica da empresa, lembrando que "estes proxectos empresariais nunca contaron co apoio económico da burguesía galega"

Otero salienta, igualmente, o esforzo que se puxo en asegurar a rendibilidade económica da empresa, lembrando que "estes proxectos empresariais nunca contaron co apoio económico da burguesía galega". A historiadora, que cita as investigacións de Ernesto Vázquez Souza sobre Casal, destaca neste senso que en Nós "houbo un pacto entre autores, libreiros e editores para que o negocio fose beneficioso para todos, falouse por primeira vez de dereitos de autor. Había unha modernización empresarial que non só estaba na maquinaria, senón en todo o funcionamento do mundo editorial e do libro". "Había que buscar recursos económicos e había que conseguir que os libros editados xerasen beneficio económico. E mesmo así posiblemente os beneficios eran moi escasos e a actividade da editorial supuña un esforzo persoal inmenso", engade.

Cartel do Simposio © AGE

"Houbo un proxecto que recolleu o espírito e obxectivos de Nós no seu conxunto, que é o do Castro-Sargadelos de Isaac Díaz Pardo, hoxe completamente destruído", destaca Encarna Otero

Alguén recolleu a testemuña de Nós? Ou foi todo varrido polo Golpe de Estado de 1936? "Despois da espoliación de Lar e Nós, o asasinato de Casal e a aniquilación dese proxecto cultural-político, quedou algo no exilio americano, pero no interior quedou todo arrasado durante anos", sinala Encarna Otero. Porén, destaca que si "houbo un proxecto que recolleu o espírito e obxectivos de Nós no seu conxunto, que é o do Castro-Sargadelos de Isaac Díaz Pardo, hoxe completamente destruído". "Mira, por exemplo, o Laboratorio de Formas, o Instituto Galego da Información ou os Seminarios que puxo en marcha, entre outros proxectos", engade.

"Se Ánxel Casal e María Miramontes puidesen ver por un buraquiño o que pasa hoxe en Galicia, verían con agrado que o país está inzado de editoriais, que se publica moito e ben en galego, que a lingua se usa na escola e que a literatura galega se traduce e anda polo mundo con éxito. Seguramente botarían un sorriso", conclúe Otero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.