O Diderot do galeguismo

Ánxel Casal e a súa compañeira, María Miramontes CC-BY-SA Praza Pública

Ás veces as letras son perigosas. Forman ideas, ensinan, divulgan e, sobre todo, prevalecen. Sobreviven ao individuo, almacenadas en papiros, rolos, libros, enciclopedias…

Alá polo XVIII o francés Diderot comezou a usar a imprenta para mudar a cosmovisión dunha sociedade arcaica e anclada no Antigo Réxime.  E desde el tipógrafos e máis tipógrafos quixeron usar a tinta e as linotipias para mudar o mundo.

O corpo dun deses tipógrafos apareceu nas aforas de Santiago nunha noite de agosto do 36. Curiosamente, asasinárono a mesma noite que a o poeta ao que el mesmo lle editara seis poemas galegos, Federico García Lorca. Poderiamos, erradamente, cavilar nun fracaso, porque a morte en si, éo. Pero non. Porque as mans dese home, chamado Ánxel Casal, estamparon a cultura e a literatura galega do primeiro terzo do século XX, nesa loita sen cuartel para que a lingua galega fose idioma cultural.

A biografía de Casal é, en certo modo, a biografía do libro galego

De todo e para todos

A biografía de Casal é, en certo modo, a biografía do libro galego. Ou, se queren, a súa biografía é a nosa bibliografía. Casal editou a Otero, Risco, Castelao, Cunqueiro, Manoel Antonio, Ramón Villar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, Víctor Casas, Filgueira Valverde… Do seu taller saíu literatura, historia, ensaio político, propaganda... Con el colaboraron como ilustradores Seoane, Camilo Díaz Baliño, Maside... En definitiva: editou de todo e para todos. A Casal correspóndelle o mérito de facer nacer unha literatura nacional e popular, sen complexos, un esforzo económico e humano ao que renunciaron os grandes capitais galegos. Así o afirmaba o seu discípulo Antón Mateo Pena, nunha entrevista no 1997:

(...)Non se ten valorado o esforzo empresarial de Casal. Todo o mundo ten falado moito do cultural e das obras. Pero, o esforzo do día a día de Casal por manter unha empresa desas características e vivir dela nunca se ten recoñecido como debera. Porque moi ben que todo o mundo queira ver o ar romántico, pero as cousas non son así. Nun tempo como aquel, con aquel material e aqueles medios, el foi quen realmente conseguiu elevar o libro en galego a un posto normal. Ese, que non é pouco é o seu mérito. (...) 

Fernández del Riego deixa constancia de que Casal emigrou con 14 anos a Buenos Aires, onde traballou en diversos oficios. Segundo Xoán Brañas Cancelo, amigo e colaborador e concelleiro galeguista de Compostela, tería pasado un tempo en Cuba. Semella que foi, precisamente, na emigración, onde aprendeu o oficio de tipógrafo e onde espertaron nel, como en tantos outros, os ideais galeguistas.

A Casal correspóndelle o mérito de facer nacer unha literatura nacional e popular, sen complexos

O galeguista Xosé Vázquez Sánchez contaba unha anécdota de Casal, recollida nun artigo por Ernesto Vázquez Souza, na que alá polo 1936, alguén moi preocupado pola penuria económica dos Casal-Miramontes lle preguntaba ao editor ata cando se ía seguir arruinando co libro en galego. A resposta súpeta de Ánxel Casal foi: O día que estea arruinado de todo, fareime cun burro e irei, polos camiños do país adiante, vendendo literatura galega.

Galeguista, alcalde da Fronte Popular e editor

Casal naceu na Coruña a finais do 1895 e foi asasinado no 1936. O seu corpo apareceu nunha cuneta de Cacheiras, en Teo. Os verdugos asañáronse co galeguista, co alcalde da Fronte Popular e co editor. Empezaba o intento de xenocidio cultural. Os asasinos de Casal detestaban de xeito especial o seu labor de editor, labor que se viu tronzada na flor da vida, pois aínda non cumprira os 41 anos.

Os falanxistas odiaban ao editor pero tamén ao impresor

Os falanxistas odiaban ao editor pero tamén ao impresor. Ese impresor que non pechaba o seu obradoiro tipográfico, nos anos da República a ningunha das forzas políticas de esquerda: anarquistas, comunistas, socialistas... No obradoiro, sito daquela na rúa do Vilar, número 15, quedou desde abril de 1993 unha lápida que colcou o alcalde de Compostela Xerardo Estévez, a instancias dos organizadores do I Congreso de poetas alófanos en lingua galega. No congreso, entre outros, homenaxeábase a García Lorca, que correu nas mesmas datas parello destino ao de Casal. Ese día, o 17 de abril de 1993, leuse in situ un poema do escritor Juan Pérez Creus, titulado O dezanove de agosto, no que figura esta evocación:

Pola Quintana dos Mortos
dúas sombras vagan:
o poeta e o editor
pola Quintana

O álbum dos mortos

En agosto do 36, Ánxel Casal estivo no cárcere de Santiago con outros presos republicanos, agúns dos cales foron debuxados polo lapis de Camilo Díaz Baliño, o pai de Isaac Díaz Pardo, a que pasearon a noite do 13 ao 14, día no que o seu corpo apareceu nunha cuneta en Saa, en Palas de Rei. Esta peza fundamental da plástica antifeixista, chegou ás mans de Díaz Pardo quen o puxo nas mans de Luís Seoane, que o gardou, durante os anos da crúa represión, nunha caixa forte en Bos Aires. Unha vez máis Díaz Pardo e Seoane, procurando que non se apagara a cacharela do nome de Ánxel Casal. E nese álbum está o derradeiro retrato do tipógrafo. Prendérono en Arzúa e sacárono do cárcere da Falcona a golpes de culata. Deixou unha toalla, unha pastilla de xabón, unha chaqueta, unhas zapatillas e un reloxo. A súa casa e o seu taller foron asaltados e roubados polos fascistas, as súas máquinas expoliadas e desaparecidas.

O derradeiro retrato de Ánxel Casal fíxoo Díaz Baliño, cando estaban xuntos no cárcere da Falcona, en Santiago

Pero, como dicía, esta non é a historia dun fracaso. Continúa nas mans dos tipógrafos, dos editores galegos e en galego que recolleron ese legado enchoupado de tinta vermella. Ese legado que prevaleceu ao individuo, e tamén na memoria colectiva, que é a única ferramenta para a restauración da xustiza.

 

Retratos de Casal, o da esquerda por Maside e o da dereita por Díaz Baliño, no cárcere CC-BY-SA Praza Pública
Solicitude á alcaldía de Santiago, de Ánxel Casal, en representación da Fronte Popular, para distribuír un manifesto © Arquivo Histórico Universitario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.