Unha ducia de proxectos de Isaac Díaz Pardo
O 19 de febreiro de 1949 Isaac Díaz Pardo crea en Sada un taller cerámico que terminará converténdose no complexo industrial de Cerámicas do Castro, o primeiro gran proxecto do intelectual, que nos anos seguintes sería continuado polo Laboratorio de Formas, Sargadelos ou a fábrica arxentina da Magdalena, pero tamén por outras iniciativas culturais, coma Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo Carlos Maside. Repasamos algunhas delas.
-
01
Cerámicas do Castro
No ano 1949 Isaac Díaz Pardo, con 29 anos, instala un pequeno obradoiro de cerámica nas antigas cocheiras do pazo da familia da súa dona, Carmen Arias, no Castro de Samoedo, en Sada. As primeiras pezas son unha continuación da pintura de Isaac trasladadas á porcelana. As pezas do Castro empezan a comercializarse e resultan un éxito, e en 1952 a fábrica conta xa con 100 traballadores, como lemos na web isaacdiazpardo.gal
-
02
As orixes
Hai que lembrar o que pasara Isaac e a súa familia nos anos anteriores. En 1936 o seu pai Camilo Díaz Baliño foi asasinado polos franquistas, mentres que Isaac, que con 16 anos militaba nas Xuventudes Socialistas Unificadas e colaborara na realización de carteis en prol do Estatuto de Autonomía, tivo que permanecer agochado 6 meses na casa do seu tío Indalecio Díaz Baliño na Coruña.
En 1939 matricúlase -cunha bolsa da Deputación Provincial da Coruña obtida por oposición- na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Realiza as súas primeiras exposicións e viaxa con bolsas de estudos a Italia e o Reino Unido, onde entra en contacto cos exiliados. En 1948 decide abandonar a pintura en prol dunha creación artística "máis útil", dando inicio ao proxecto de Cerámicas do Castro.
-
03
Magdalena
O éxito de Cerámicas do Castro lévao a crear en 1957 en Arxentina a fábrica de cerámica Celtia S.A. en colaboración con Núñez Búa e exiliados galegos e arxentinos. Chamouse Porcelanas de Magdalena e estaba presidida por José Villamarín Prieto, presidente do Centro Galego de Bos Aires.
Isaac mantívose á fronte de Porcelanas de Magdalena ata 1967, unha década na que viaxou nove veces máis a Bos Aires para ocuparse da xestión do proxecto e manter encontros co exilio galego en Arxentina. Iso si, a aventura non rematou ben e debido a crecentes problemas cos accionistas, Isaac Díaz Pardo foi obrigado a abandonar a dirección da fábrica.
O pasado ano o Goberno local de de Magdalena acordou darlle o nome de Isaac Díaz Pardo a unha das rúas da cidade, en homenaxe ao impulso empresarial realizado 60 anos antes. O proxecto foi unha iniciativa da escritora Loli Beloso.
-
04
Laboratorio de Formas
Produto do seu reencontro con Luis Seoane na Arxentina, e motivados pola "situación de desmemoria" que estaba a sufrir Galicia, no 1963 ve a luz o Laboratorio de Formas, un proxecto clave para a cultura galega do século XX, do que partirán importantes propostas, entre elas a recuperación de Sargadelos. Isaac declarou no ano 2008 que o Laboratorio de Formas "máis que unha institución, é todo un movemento para axudar a Galiza".
O principal obxectivo da institución era "o estudo das formas desenvolvidas no pasado galego e as que continuaban vixentes e a súa aplicación aos obxectos industriais, para conseguir, indo máis alá do cosmopolitismo, unha produción con raíces, diferenciada e que tivese como valor engadido a súa garantía de orixe". "Nós queremos enriquecer o mundo coa nosa diferenza", escribiu Seoane.
-
05
Sargadelos
Un ano despois da constitución do Laboratorio de Formas, constitúese a sociedade Sargadelos Ltda., que en 1968 inicia as súas primeiras probas. Dous anos despois inaugúrase a planta circular da nova fábrica deseñada por Andrés Fernández-Albalat e comezan a empregarse os deseños xurdidos do laboratorio, aproveitando tamén as aprendizaxes a nivel produtivo da experiencia arxentina da Magdalena.
Isaac Díaz Pardo converteu os deseños e produtos de Sargadelos nun dos símbolos máis recoñecibles de Galicia e fixo medrar a empresa de forma extraordinaria. Porén, a principios dos anos 2000, un movemento empresarial por parte dos outros socios situárono fóra dos postos de control da compañía.
-
06
Museo Carlos Maside
A creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside foi outro dos proxectos do Laboratorio de Formas. O Museo, situado nas instalacións de Cerámicas do Castro, inaugurouse no ano 1970 cunha conferencia de Rafael Dieste e unha mostra confomada por 120 pezas doadas das coleccións dos membros fundadores do Laboratorio de Formas.
O obxectivo era conservar e exhibir as obras da arte da xeración de artistas galegos dos anos trinta do século XX, que rachou coas normas tradicionais da plástica galega e que era moi descoñecida nese momento. En 1982, o Museo trasladou a súa sede definitiva ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat.
-
07
Seminario de Sargadelos
En 1972 creouse o Seminario de Sargadelos, co obxectivo de centralizar nel o estudo, a investigación e a divulgación dos coñecementos estéticos e culturais nacidos das empresas do Castro e Sargadelos.
Gran parte das actividades do Seminario foron recollidas nos 96 títulos da colección Cadernos do Seminario de Sargadelos, que se publicaron entre 1972 e 1995
-
08
Laboratorio de Industria e Comunicación
O impulso cultural do Castro e Sargadelos era tan grande e diverso que nos anos 70 se crea nas instalacións de Sada o Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSL), co obxectivo de acoller a crecente actividade editorial e de extensión cultural que levaba a cabo o Seminario de Sargadelos. Nos anos seguintes o edificio aloxaría tamén a empresa Gráficas do Castro/Moret, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe de Isidro Parga Pondal, a Galería do Castro e os fondos do Museo Carlos Maside.
-
09
Novo Seminario de Estudos Galegos
Un dos proxectos máis ambiciosos do Laboratorio de Formas foi o do Novo Seminario de Estudos Galegos, creado en 1978. Na refundación desta entidade cultural, clave nos anos 20 e 30 do pasado século, participaron os socios aínda vivos da vella institución, escritores e artistas galeguistas, profesores da universidade galega e científicos dos diversos centros de investigación de Galicia.
O obxectivo era que a institución servise como catalizador investigador no país, e centralizase "nun mesmo crisol os estudos do futuro de Galicia, da economía de Galicia e que os mesture coa súa historia e os contemple".
-
10
Ediciós do Castro
En 1963 bota a andar Ediciós do Castro, que ata o ano 2008 publicou 1.450 títulos, entre os que destacaba a súa aposta pola recuperación da memoria histórica de Galicia. A actividade da editorial foi máis importante a partir da morte de Franco, incluíndo a edición da revista Luzes de Galiza (1985-1997). A comezos dos anos 90 a editorial trasládase de Sada a Santiago, á sede do Instituto Galego da Información.
-
11
Instituto Galego da Información
O IGI, unha iniciativa de Lorenzo Varela, naceu no ano 1977 co obxectivo de crear un xornal galego e preferentemente en galego, independente e comprometido co país: o xornal Galicia. O proxecto estaba formado por 325 socios e nomeouse un consello de nove membros que presidiu, ata a súa morte, Ramón Piñeiro.
Con todo, as contribucións económicas foron pequenas e escasas para levar adiante o proxecto do xornal, polo que acabou converténdose na factoría cultural do Grupo Sargadelos. Si se completou a construción da sede do IGI, un edificio de grandes dimensións nos arredores de Compostela que incluía mesmo un espectacular auditorio.
-
12
Galerías Sargadelos
As Galerías Sargadelos naceron para poder vender os produtos das fábricas dedo Castro e de Sargadelos sen depender de intermediarios. Porén, durante as súas primeiras décadas foron moito máis que tendas: eran librarías e centros de divulgación da cultura galega e aglutinadoras das actividades culturais dos galegos en cidades como Madrid e Barcelona.
En 1974, inaugurouse a galería de Barcelona, en 1975 a de Madrid e en 1978 a de Compostela. Nos anos seguintes mesmo chegaron a Sevilla, Milán e Porto
-
13
Isaac, creador multifacético
Máis aló dos diversos proxectos empresariais e culturais colectivos impulsados por Isaac Díaz Pardo, o intelectual finado no ano 2012, nunca abandonou a creación artística individual, que foi absolutamente poliédrica. Pintura, cerámica, deseño gráfico foron claves na súa vida, pero tamén cultivou a escrita de poesía, ensaio e artigos xornalísticos. De igual xeito, nunca abandonou o interese polo teatro, destacando o seu labor como escenógrafo e cartelista, ademais de autor, editor e promotor.