Unha ducia de videos da TVG no seu 40 aniversario
O 24 de xullo de 1985 iniciou as súa emisións a Televisión de Galicia, que este mes está a celebrar o seu 40 aniversario. Catro décadas nas que as cámaras da galega recolleron o día a día do país, deixando imaxes para a lembranza, que repasamos nesta ducia, realizada a partir do arquivo histórico da cadea.
-
01
Primeiro día da programación da TVG (1985)
A TVG comezou a emitir ás 19.30 horas do 24 de xullo de 1985 coa retransmisión da súa propia inauguración e dos actos do Día do Apóstolo. Estes foron algúns dos seus primeiros pasos, entre ese día e o seguinte.
Ao día seguinte, 25 de xullo, programou a súa primeira longametraxe: Mamasunción de Chano Piñeiro. Despois dunhas semanas de probas, o 1 de setembro deu paso á súa emisión regular.
-
02
A rapa das bestas de Sabucedo (1986)
Este vídeo corresponde ao ano 1986 e amosa a celebración da rapa das bestas de Sabucedo, que precisamente vén de pechar unha nova edición, coincidindo coa súa declaración como Ben de Interese Cultural.
-
03
Aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 (1986)
Un pleno extraordinario no Parlamento e un acto na Facultade de Medicina de Santiago lembraron en xuño de 1986 a aprobación do Estatuto de Autonomía do 36.
-
04
A romaxe dos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme (1986)
As salmodias que acompañan a peregrinación dos ofrecidos e a procesión dos ataúdes son as mostras da devoción popular características dunha das romarías máis singulares de Galicia, que se celebra nas Neves o 29 de xullo.
-
05
Marisqueo a pé en Moaña (1986)
Este vídeo, emitido en outubro de 1986, amosa o traballo de centos de mariscadoras na praia da Xunqueira, en Moaña, a principal produtora de berberecho da ría de Vigo.
-
06
Álvaro Pino, líder da Volta a España (1986)
Final da 13ª etapa da Vuelta, na que Pino mantivo o liderado acadado dous días antes en Valladolid. O ciclista de Ponteareas acabaría gañando a proba por diante de Robert Millar e Sean Kelly.
-
07
Traballadores de Sidegasa zarandean o coche de Alfonso Guerra no aeroporto de Alvedro (1987)
En agosto de 1987 os alcaldes da Coruña e Betanzos e o gobernador civil da provincia suspenderan a reunión cos comités de empresa de Sidegasa para despedir no aeroporto o vicepresidente do Goberno, Alfonso Guerra.
Os traballadores, inmersos nun grave conflito laboral, trasládanse de Curtis a Alvedro, onde rodearon o coche de Guerra, atrasando a saída do seu voo.
-
08
Enfrontamentos polo marisqueo na ría de Arousa (1989)
Liorta entre as mariscadoras de Deiro e de Corvillón polo dereito a mariscar na praia do Castelete, en Cambados
-
09
Embarrancamento e explosión do petroleiro 'Mar Exeo' (1992)
O 3 de decembro de 1992 o Mar Exeo, un petroleiro cargado con 79.000 toneladas de cru encallou a carón da Torre de Hércules, provocando unha gran columna de fume e unha intensa marea negra que cubriu as Rías Altas. Asi o recolleron as cámaras da TVG.
30 anos do 'Mar Exeo': a marea negra que anticipou o Prestige e o berro de 'Nunca Máis'
-
10
Xuízo aos detidos pola operación Nécora (1994)
En setembro de 1994, o xuízo aos detidos na primeira grande operación contra as redes de narcotráfico finalizou con sentenzas condenatorias a varios dos máis destacados traficantes galegos, como Laureano Oubiña ou Manuel Charlín.
-
11
O baile de Boney M e Rosa de Vilagarcía no Luar de TVG (1995)
O 26 de Maio de 1995 Rosa 'da Ría' subiu ao escenario do Luar para bailar con Bobby Farrell, cantante do grupo Boney M, diante dun Xosé Ramón Gayoso abraiado. Un dos momentos máis lembrados da historia da Televisión de Galicia.
-
12
Isaac Díaz Pardo, na fábrica de Sargadelos, en Cervo (1999)
Isaac Díaz Pardo amosa as instalacións e o proceso de traballo da factoría de Cervo onde se produce a cerámica de Sargadelos.
-
13
Marea negra tras o naufraxio do Prestige (2002)
A catástrofe do Prestige segue marcado na conciencia colectiva de Galicia. Semanas dunha nefasta xestión política, desastre ecolóxica e reacción da cidadanía, que deixaron imaxes imborrables, como estas que recolleu no seu momento a TVG.
Podes ver aquí máis vídeos históricos da Televisión de Galicia