Marcos Pérez Pena

Unha ducia de vídeos dos máis vistos do arquivo histórico da TVG

A CRTVG ten un arquivo histórico ben interesante, que recolle os últimos 35 anos de historia de Galicia e dos medios públicos galegos. Estas semanas de confinamento poden ser un bo momento para repasar algúns destes vídeos ou para recuperas series e programas históricos, como xa fixo a TVG con Pratos Combinados... Velaquí algúns dos vídeos máis vistos deste arquivo.

  1. 01

    Xornada Mundial da Xuventude coincidindo coa visita do Papa a Santiago no ano 1989

    O Papa Xoán Pablo II visitou Compostela no ano 1989, coincidindo coa celebración da 'Xornada Mundial da Xuventude', que deixou grandes momentos coma este.

  2. 02

    Protesta das nais contra a droga diante do pazo Baión

    O narcotráfico marcou parte da historia galega na segunda metade da década dos 80 e comezos dos 90. A partir dun momento a sociedade -sobre todo as nais daquelas persoas máis afectadas polo problema das drogas- reaccionaron contra as persoas inculpadas como narcotraficantes, como nesta protesta que tivo lugar no ano 1994.

  3. 03

    Viaxe a Galicia de Fidel Castro

    En 1992 o presidente de Cuba, Fidel Castro, visitou Galicia. Recibido polo presidente galego, Manuel Fraga, o mandatario percorreu fábricas coma as de Jealsa ou Televés, paseou por Compostela e coñeceu a casa natal do seu pai, en Láncara.

  4. 04

    Primeiro día da programación da TVG

    A TVG comezou a emitir o 24 de xullo de 1985. Estes foron algúns dos seus primeiros pasos.

  5. 05

    "Madrid se escribe con V de Vigo"

    Os 80 foron anos de Movida. En Madrid, pero tamén en Galicia, sobre todo en Vigo, que nada tiña que envexar aos movementos culturais impulsados na capital do Estado. En setembro de 1986 algún dos e das principais representantes da 'movida' madrileña chegaron en tren á cidade olívica, recibidos polo alcalde Manuel Soto, recentemente finado.

  6. 06

    Actuación de Ana Kiro e Pucho Boedo na TVG en 1985

    O arquivo da TVG garda alfaias como esta actuación a dúo de Ana Kiro e Pucho Boedo, en 1985

  7. 07

    Revolta veciñal en Cangas contra a suba da contribución

    A través do arquivo pódese facer un percorrido por algúns dos eventos que foron marcando a historia política de Galicia ao longo das últimas décadas. Un deles foi a revolta veciñal que se viviu en 1989 en Cangas do Morrazo contra a suba de contribución.

  8. 08

    Atentado do Exército Guerrilheiro na discoteca Clangor

    Ou tamén o atentado perpetrado polo Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive en outubro de 1990 na discoteca Clangor de Compostela, no que morreron tres persoas.

  9. 09

    Madonna, en Vigo

    Vigo ou Coruña? Celta ou Deportivo? Madonna ou Prince? O 29 de xullo de 1990 viviuse unha noite insólita en Galicia. Practicamente ao mesmo tempo, dúas das meirandes estrelas da música internacional actuaron na Coruña (Prince) e Vigo (Madonna).

  10. 10

    Obras de demolición do "Scalextric" de Vigo en 1986

    O "Scalextric" foi outro símbolos de Vigo nos anos 70 e 80 en Vigo. Por fin, en 1986 esta infraestrutura foi derrubada, liberando a rúa Lepanto e o cruce de Urzaiz e a Gran Vía.

  11. 11

    Manifestación de Nunca Máis

    Un dos momentos que marcaron a historia galega nas últimas décadas. O 1 de decembro de 2002 ao redor de 200.000 persoas manifestáronse baixo a chuvia en Compostela, berrando "Nunca Máis".

  12. 12

    Celebración do ascenso do Deportivo a Primeira (1990-91)

    Nos anos 80 o Celta era considerado un "equipo ascensor", movéndose continuamente entre Primeira e Segunda. O Deportivo non tiña sequera esa sorte. Despois de varios intentos, por fin no ano 1991 chegou o desexado ascenso á máxima categoría. Así se celebrou en Catro Camiños.

  13. 13

    Balan/Vladimir Tour

    John Balan e Vladimir Dragossán foron algún dos símbolos deses primeiros anos de televisión pública en Galicia. Así percorrían o país no programa "Adiviña quen ven esta noite", no ano 1990.

  14. 14

    Primeiro partido da selección galega de fútbol masculino

    E pechamos con outro momento histórico: as imaxes do primeiro partido da selección galega de fútbol masculino, que a enfrontou en decembro de 2005 a toda unha campioa do mundo como Uruguai.