"O que máis lembra a xente do 'Mar Exeo' é a columna de fume negro, un recordo máis épico que triste"

O fume do 'Mar Exeo', na portada do libro ©

Hai uns días, co obxectivo de conmemorar o 30 aniversario do accidente do Mar Exeo, tres xornalistas de La Opinión da Coruña publicaron o libro Mar Egeo. El día que ardió el mar, unha obra que reconstrúe o sinistro e as súas consecuencias nos días e semanas posteriores a través de documentación e entrevistas con algúns dos principais protagonistas dos feitos. 

"Cando falas agora coa xente, chama a atención que o recordo que se ten non é exactamente triste, senón que o que predomina é o impacto que o accidente provocou, é unha historia sobre todo impactante, épica, de acción"

No volume de Iván Aguiar, Enrique Carballo e Marta Otero, presentado no Aquarium Finisterrae o pasado sábado, aparecen conversas por exemplo co actual xefe da área de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, Carlos García Touriñán, que hai trinta anos era un bombeiro que participou na evacuación do barrio de Durmideiras. Tamén Pilar Lledó, daquela Gobernadora Civil de A Coruña; Rafael Lobeto, Director Xeral de Mariña Mercante; ou o propio ex alcalde Francisco Vázquez.

O libro, que conta con deseño de María Sobrino, explora o medo que nas primeiras horas provocou a inmensa columna de fume negro, que tamén é a gran protagonista da portada. Así mesmo, analiza a actuación do capitán do barco e do práctivo do porto, posteriormente condenados xudicialmente por imprudencia temeraria. E, igualmente, o rescate aéreo dos últimos tripulantes que aínda permanecían no barco no momento da súa explosión, e por suposto as consecuencias que a marea negra tivo para as Rías Altas e para os mariñeiros e mariscadores da zona. Falamos con Iván Aguiar.

Neste ano todos os medios estamos a lembrar o 20 aniversario do Prestige, pero outro aniversario -o 30 do Mar Exeo- ficou máis esquecido, coa excepción do voso libro. É unha historia que queda máis lonxe? Ou tivo menor impacto? 

No caso do Mar Exeo, creo que quen o viviu en directo o ten moi gravado, lémbrase perfectamente do que sucedeu ese día, pero o Mar Exeo, comparado co Prestige, foi unha historia máis local. Ademais, o Prestige adquiriu unha dimensión maior, máis aló do accidente en si, pola contestación social que tivo nos meses posteriores. Pero é certo que para quen non o viviu nese momento o tema foi quedando atrás.

Capa do libro 'Mar Egeo. El día que ardió el mar' ©

Que se lembra máis dese día e das semanas posteriores? Que foi o que provocou un maior impacto?

"Nas primeiras horas, cando o barco aínda non estaba ardendo, había regueiros de xente que baixaba pola zona do depósito de auga de Monte Alto para ver o barco. E entre eles había moitos pais que mesmo levaran os fillos, coas mochilas de ir á escola, para que visen o espectáculo, a pesar do perigo que iso implicaba"

O que máis se lembra e o que nese día impactou máis á xente da Coruña e dos arredores foi esa columna de fume negro. Cando falas agora coa xente, chama a atención que o recordo que se ten non é exactamente triste, senón que o que predomina é o impacto que o accidente provocou; é unha historia sobre todo impactante, épica, de acción. Hai que ter en conta que o Mar Exeo naufraga en plena cidade e iso non é nada habitual nun accidente marítimo, porque por exemplo o Prestige afunde moi lonxe da costa, e o Urquiola tivo o problema no medio da ría.

Hai que ter en conta, ademais, que todo saíu relativamente ben, para o que puido ser. Non morreu ninguén, e houbo un serio risco de que iso sucedese. O fume non foi para a cidade da Coruña, o que podería ter provocado un prexuízo moi importante e pode que unha evacuación xeral, unha auténtica catástrofe, e mesmo a contaminación ficou concentrada nas rías altas, especialmente na da Coruña e na de Ferrol.

Pero nesas primeiras horas, sobre todo despois da explosión, si que houbo momentos de temor na cidade, non si? Mesmo estivo sobre a mesa a posibilidade dunha evacuación masiva, máis aló da que se levou a cabo no barrio de Durmideiras, verdade?

"Esa mañá había no barco 8 persoas, entre a tripulación e algúns rescatadores. E nun momento, ante o risco de que o barco explotase, vense obrigados a saltar á auga, pero a auga estaba cuberta de petróleo e ardendo. Era a alternativa entre unha morte segura e unha morte case segura"

O Xefe de Seguridade do Concello da Coruña era daquela Xefe de Bombeiros. Na presentación contaba que nas primeiras horas, cando o barco naufragaba, pero aínda non estaba ardendo, había regueiros de xente que baixaba pola zona do depósito de auga de Monte Alto, para ver o barco. E entre eles había moitos pais que mesmo levaran os fillos, coas mochilas de ir á escola, para que visen o espectáculo, a pesar do perigo que iso implicaba. E cando comezou o incendio, toda esa xente saíu despavorida, incluídos os propios policías, porque non se sabía o que podía suceder. Evidentemente os veciños de Adormideras teñen un recordo máis dramático desas primeiras horas.

No libro falamos tamén con Fernando Novoa, que era o director técnico de SOS Galicia, o que hoxe son os gardacostas. Díxonos que nesas primeiras horas, cando a situación aínda non era crítica, tardou dúas horas entre a Torre de Hércules e a actual subdelegación do Goberno, un traxecto que habitualmente levaba dez minutos. Ese era o nivel de descontrol, imaxina o que podería ter pasado no caso de ter que evacuar a cidade.

Columna de fume do Mar Exeo na mañá do 3 de decembro de 1992 CC-BY zapy1987

"Nos días posteriores ao accidente houbo unha manifestación, da que hai fotografías, e vese que a xente leva unhas pancartas nas que se podía ler “Nunca Máis”, que probablemente se empregou aí por primeira vez para protestar contra un desastre ambiental en Galicia"

No libro dedicades un espazo a relatar como foi o rescate das persoas que se atopaban no barco na mañá do 3 de decembro, un operativo que finalmente saíu moi ben, pero que tivo grandes riscos...

Esa mañá había no barco 8 persoas, entre a tripulación e algúns rescatadores. E nun momento, ante o risco de que o barco explotase, vense obrigados a saltar á auga, pero a auga está cuberta de petróleo e está ardendo. Era a alternativa entre unha morte segura e unha morte case segura. Pero houbo boa sorte e todos foron rescatados

Despois do Urquiola, pero tamén o Erkowit, o Andros Patria ou o Casón, comezaba a haber un gran cansazo na poboación ante a repetición deste tipo de accidentes e ante a falta de medios para combater mareas negras. Houbo unha resposta social ao desastre, aínda que fose máis limitada que a que se produciu dez anos despois co Prestige?

Si, os medios naquela época eran completamente insuficientes, comezando polo operativo de salvamento, que estaba formado por tres helicópteros. E tamén había falta de medios para loitar contra a marea negra. Nos días posteriores ao accidente houbo unha manifestación, da que hai fotografías, e vese que a xente leva unhas pancartas nas que se podía ler “Nunca Máis”, que probablemente se empregou aí por primeira vez para protestar contra un desastre ambiental en Galicia.

"Paco Vázquez dinos que el si dixo esa frase ["tranquilos coruñeses, o fume vai para Ferrol"] pero defende que non a dixo con mala intención, senón para informar ao rei de que o vento ía para o norte, e empregou Ferrol simplemente como referencia"

Na crise do Prestige criticouse non só a mala xestión do barco accidentado, senón tamén a falta de transparencia informativa dos Gobernos galego e español Como foi a comunicación das autoridades no caso do Mar Exeo?

A comunicación política foi moi distinta neste caso, si, houbo cando menos unha maior vontade de transparencia. O pasado sábado, na presentación do libro, interveu a que era nese momento Gobernadora civil, Pilar Lledó, e alí lembrou que nos días que durou a crise ofreceu dúas roldas de prensa diarias, para tentar transmitir ao público de maneira puntual todas as informacións que recibían as autoridades. Tamén a coordinación entre as distintas administracións, que eran de distintas cores, foi en xeral bastante correcta.

Unha das frases máis lembradas deses días foi a pronunciada polo daquela alcalde coruñés Francisco Vázquez, que cando o vento virou o seu rumbo e se dirixiu cara ao norte, afastando a columna de fume da cidade, dixo "tranquilos coruñeses, o fume vai para Ferrol", algo que evidentemente sentou moi mal na comarca ferrolterrá. Como foi aquilo?

O que pasa con esa frase é que non está gravada. Entrevistamos a moitos xornalistas e xente do operativo de emerxencias e cada un conta unha versión diferente. Pero o propio Paco Vázquez dinos que el si dixo esa frase e que, en concreto, lla dixo ao rei Juan Carlos. O que pasa é que el defende que non a dixo con mala intención, senón para informar ao rei, que coñecía a zona pola súa experiencia de navegación en vela, de que o vento ía para o norte, e empregou Ferrol simplemente como referencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.