Na mañá do 3 de decembro de 1992, hai hoxe trinta anos, a cidadanía da Coruña espertou alarmada pola presenza a carón da Torre de Hércules dun petroleiro que encallara cando trataba de entrar no porto herculino. Tratábase do Aegean Sea, o Mar Exeo, un buque grego cargado con 79.000 toneladas de cru. As primeiras reaccións, entre a curiosidade e a preocupación, transformáronse en terror cando ás dez da mañá se produciu unha gran explosión e o petróleo comezou a arder, xerando unha gran columna de fume negro que chegou a ser vista mesmo dende a Terra Cha.
As primeiras reaccións, entre a curiosidade e a preocupación, transformáronse en terror cando ás dez da mañá se produciu unha gran explosión e o petróleo comezou a arder, xerando unha gran columna de fume negro
Ao redor de dúas mil persoas do barrio de Durmideiras -moi próximo ao lugar no que se atopababa o barco- foron evacuadas de inmediato dos seus fogares. Pero nesas primeiras horas, entre o desconcerto, chegou a valorarse mesmo a evacuación do resto dos habitantes da cidade, ante o risco que o fume tóxico se dirixise ao interior da urbe. Finalmente, o vento do oeste afastou a columna de fume da Coruña (o alcalde Francisco Vázquez dixo nese momento a controvertida frase "tranquilos, coruñeses, el humo va para Ferrol"), pero o que non puido evitarse foi a propagación dunha tóxica marea negra polas rías do Burgo, Ares-Betanzos e Ferrol.
Este ano estamos a lembrar o 20 aniversario da catástrofe do Prestige, pero igualmente coincide cos 30 anos destoutro desastre ecolóxico na costa galega, que tamén deixou unha forte pegada nas persoas que o viviron en directo, especialmente nas comarcas da Coruña e Ferrolterra. O sinistro do Mar Exeo engadiuse á sucesión de desastres ambientais no litoral galego, esa sucesión "Polycommander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo..." que se lembraba nas manifestacións convocadas a raíz da accidente do Prestige e que xustificaba o berro de "Nunca Máis".
Mar Exeo e Prestige están necesariamente ligados polo feito de que despois da marea negra de 1992 houbo unha reclamación (e un compromiso) de que se debían adoptar medidas para evitar que un accidente deste tipo se repetise
Mar Exeo e Prestige están, ademais, necesariamente ligados polo feito de que despois da marea negra de 1992 houbo unha reclamación (e un compromiso) de que se debían adoptar medidas para evitar que un accidente deste tipo se repetise. A marea negra do Mar Exeo evidenciou que o Estado español carecía en Galicia de medios para enfrontar un sinistro deste tipo (barreiras e barcos anticontaminación e protocolos axeitados, un servizo moderno de salvamento marítimo...). Igualmente, activouse o debate sobre a necesidade de trasladar o tráfico de mercadorías perigosas a un porto exterior e tamén sobre a conveniencia de contar cun porto refuxio para este tipo de sinistros. Tamén puxo de manifesto o risco que implicaba a entrada no porto da Coruña para buques de grandes dimensións e mercadorías perigosas.
Na medianoite do 2 ao 3 de decembro, o Mar Exeo recibiu a orde de iniciar as manobras de ingreso no peirao, nunha noite de forte treboada, con ventos de máis de 100 quilómetros por hora, ondas se seis metros e escasa visibilidade.
Isto debíase entre outras cuestións á presenza das chamadas agullas do Urquiola, unhas rochas submarinas na principal canle de ingreso na rada herculina que no ano 1976 provocaran o accidente daquel petroleiro e que en 1992 fixeron que o Mar Exeo optase polo camiño -máis perigoso- que o levou a ter o accidente. Nos anos seguintes nada se fixo coas agullas do Urquiola (e tampouco se avanzou nas restantes cuestións, como quedou claro na crise do Prestige) e no 2002 esta foi unha das razóns que levou a desaconsellar o ingreso do Prestige no porto da Coruña para transvasar o seu fuel tras o seu sinistro. As agullas foron finalmente demolidas no ano 2003, nunha operación que custou apenas medio millón de euros e que podería ter evitado os dous desastres.
Por que encallou o Mar Exeo? O petroleiro (propiedade dunha empresa de Liberia pero que navegaba baixo bandeira grega) era un buque de dobre casco e superara todas as súas inspeccións de seguridade. Tivera que agardar durante tres días fondeado na ría de Ares porque a terminal petroleira da Coruña estaba ocupada. Finalmente, na medianoite do 2 ao 3 de decembro, recibiu a orde de iniciar as manobras de ingreso no peirao, nunha noite de forte treboada, con ventos de máis de 100 quilómetros por hora, ondas de seis metros e escasa visibilidade.
Cando comezaron as explosións aínda quedaban oito persoas no interior do buque, que afortunadamente salvaron a vida, saltando ao mar sendo rescatadas por dúas lanchas e un helicóptero
Unha concatenación de erros humanos levou ao sinistro. O capitán (Constantinos Stavridis, grego, ao igual que Apostolos Mangouras) non contou co asesoramento do práctico do porto, que estaba a agardar por el máis adiante. Un golpe de mar ou unha manobra incorrecta aproximaron o barco aos cantís próximos á Torre de Hércules, onde o buque embarrancou. A partir de aí, xa co práctico a bordo, nada se puido facer.
Ás 6 e media da mañá comezou a evacuación da tripulación, pero cando comezaron as explosións aínda ficaban oito persoas no interior do buque, que afortunadamente salvaron a vida, saltando ao mar sendo rescatadas por dúas lanchas e un helicóptero de salvamento. Ninguén perdeu a vida, pero nese momento, co barco partido en dous, comezou a verterse ao mar toda a súa carga de cru lixeiro. Anos máis tarde, nun xuízo celebrado en 1996, o capitán e o práctico foron condenados por "imprudencia temeraria".
Os días seguintes a preocupación pasou a ser a marea negra que se estendeu polas rías altas, debido en boa medida á falta de barreiras anticontaminación e á rotura de varias das que se colocaran
Aquel venres todos os colexios e institutos da Coruña suspenderon as clases e aínda que nas primeiras horas centos de curiosos se achegaron ata as proximidades da Torre de Hércules para observar o espectáculo, a explosión das dez da mañá sumiu a cidade no temor e o caos, cun gran número de vehículos tentando afastarse do lugar do sinistro. Os médicos recomendaron precaución, sobre todo, ás persoas asmáticas ou con outro tipo de afección respiratoria, pero en xeral o carácter tóxico do fume preocupaba a todo o mundo. Despois duns días, e desaparecido o temible fume negro e o risco de explosións, foron milleiros os coruñeses e coruñesas que se achegaron ata Punta Herminia para ver os restos do barco, que aínda permanecerían no lugar uns cantos anos máis.
Os ventos arrastraron a marea negra cara ao norte, superando o Cabo Prior e chegando a Cedeira, afectando gravemente ás lagoas da Frouxeira e Doniños
Os días seguintes a preocupación pasou a ser a marea negra que se estendeu polas rías altas, debido en boa medida á falta de barreiras anticontaminación e á rotura de varias das que se colocaran. Así, por exemplo, o día 4 o cru entrou na ría de Ferrol a pesar de que varios remolcadores tentaran pechar o estreito acceso á ría ferrolá. E días despois a marea negra mesmo superou o límite da Ponte das Pías. Igualmente, o petróleo chegou en grandes cantidades a varias zonas da ría de Ares-Betanzos, coma as praias de Chanteiro ou Perbes. Os ventos arrastraron tamén a marea negra cara ao norte, superando o Cabo Prior e chegando a Cedeira, afectando gravemente ás lagoas da Frouxeira e Doniños. Cara ao oeste, tamén a costa de Arteixo e Carballo se viu afectada, mesmo a lagoa de Baldaio.
A marea negra do Mar Exeo tivo uns efectos máis limitados que o Prestige, principalmente por afectar a un espazo de costa máis concentrado. Aínda así, a marea negra chegou a 300 quilómetros de litoral e prexudicou o labor de 4.000 mariscadores e mariñeiros
A marea negra do Mar Exeo tivo uns efectos máis limitados que o Prestige, principalmente por afectar a un espazo de costa máis concentrado. Aínda así, a marea negra chegou a 300 quilómetros de litoral e prexudicou o labor de 4.000 mariscadores e mariñeiros, que nalgúns casos non puideron volver traballar ata ben entrado o ano 1993. Por este motivo, levou tamén a protestas sociais e á convocatoria de concentracións que esixían a declaración do espazo afectado como "zona catastrófica", o pagamento de indemnizacións, ademais da adopción de medidas para evitar máis accidentes no futuro. Nestas concentracións un dos lemas máis empregados (visible mesmo nalgunha faixa e cartel) foi o de "Nunca Máis", recuperado dez anos despois.
Segundo explicaba nese momento a Sociedade Galega de Historia Natural, o petróleo que transportaba o Mar Exeo "considérase lixeiro, o que facilitou a súa dispersión, mesturándose coas augas e o substrato con facilidade, aparentando desaparecer da vista con rapidez, pero na superficie deixaba finas irisacións que impedían o intercambio de gases, contaminando a area das praias e aos animais que dependen do medio". "Os seus efectos son lentos e impredicibles, ao pasar os produtos tóxicos que contiñan aos organismos mariños", engadía a entidade.
Nas concentracións convocadas nos días seguintes para esixir a declaración de zona catastrófica e a adopción de medidas para evitar novos sinistros, un dos lemas máis empregados (visible mesmo nalgunha faixa e cartel) foi o de "Nunca Máis", recuperado dez anos despois
Houbo outras diferenzas co sucedido durante a crise do Prestige. En primeiro lugar, a comunicación realizada polas autoridades foi mellor, con máis transparencia sobre a evolución da marea negra e as propias eivas do dispositivo de contención e a realización de dúas roldas de prensa diaria por parte dos representantes do Goberno central. Porén, dende a SGHN criticouse nese momento a “hiperactividade declaratoria” que buscaba "rebaixar a alarma social, tratando de suplir cunha imaxe de coordinación o que non era máis que puro nerviosismo". En especial, foron criticadas as declaracións do Director Xeral de Mariña Mercante, que asegurou o 4 de decembro -sen datos fiables aínda- que a recuperación da costa sería rápida e afirmou que o cru non era especialmente tóxico.
Cando o cru deixou de ser visible en rías e praias, o Mar Exeo quedou atrás como un sinistro máis dos moitos que sufrira a costa galega nas décadas anteriores. Ficou, iso si, un grande impacto visual e emocional entre as persoas que asistiron en directo ao sucedido. E quedou tamén a promesa de que algo así nunca máis podía volver suceder. Pero sucedeu de novo dez anos despois.