Unha ducia de desastres ecolóxicos na costa galega
"Polycomander, Erkowit, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo...". Nas manifestacións convocadas hai 20 anos para protestar contra a catástrofe do Prestige adoitaba repetirse como unha ladaíña esta sucesión dos desastres ecolóxicos na costa galega que tiveran lugar nas tres décadas anteriores. Porén, xa dende comezos do século XX houbera outros, protagonizados sobre todo por petroleiros que empregaban o Corredor de Fisterra para transportar o cru en dirección ao norte de Europa. Repasamos aquí estes fitos, que mancharon unha e outra vez o litoral
-
01
McAndrew (1917)
Nun informe publicado hai anos, a Sociedade Galega de Historia Natural destacaba que o do petroleiro McAndrew foi o primeiro desastre ecolóxico de grandes dimensións nas costas galegas, un sinistro que tivo lugar en xaneiro de 1917 cando o buque foi afundido por un submarino alemán preto de Cedeira.
-
02
Boris Sheboldaeff (1934)
Seguiu o do petroleiro ruso Boris Sheboldaeff, que en 1934 embarrancou preto de Camelle (Camariñas), provocando un vertido de 11.000 toneladas de cru, que prexudicou notablemente á pesca e ao marisqueo na zona nos dous anos seguntes, segundo destaca a SGHN
-
03
Benno (1942)
O litoral de Galicia sufriu os efectos das dúas guerras mundiais, a pesar do estatus de neutralidade do Estado español. Ao igual que sucedera co McAndrew, en 1942 o petroleiro Benno, que actuaba como buque de aprovisionamento do exército nazi, foi afundido pola aviación inglesa cando tentaba entrar no porto de Cariño, deixando unha importante marea negra na localidade
-
04
Nord Atlantic (1943)
Un ano máis tarde, de novo a aviación aliada provocou o afundimento doutro petroleiro nazi, o Nord Atlantic, que se atopaba moi preto da costa galega, neste caso en Camariñas. Cando tentaba escapar dos ataques aéreos, o barco chocou contra uns baixos rochosos, provocando unha nova marea negra.
-
05
Janina (1957)
Pasaron os anos e, xa sen guerra, outro barco volveu deixar miles de toneladas de petróleo no litoral galego. Foi o francés Janina en 1957, que transportaba fuel. O buque incendiouse e posteriormente afundiu, provocando unha importante marea negra que afectou especialmente á ría de Vigo
-
06
Bonifaz e Fabiola (1964) e Syprus Lemos (1968)
En 1964 os petroleiros Bonifaz e Fabiola chocaron preto do Cabo Vilán. O Bonifaz, español, viña da Coruña e foi abordado polo outro buque, de bandeira francesa, nunha zona de intensa néboa.
Catro anos máis tarde, tamén preto do Cabo Vilán, o petroleiro grego Syprus Lemos afundiu, deixando no mar ao redor de 13.000 toneladas de cru -
07
Polycommander (1970)
O accidente do petroleiro noruegués Polycommander abre en 1970 a xeira de desastres modernos. O 5 de maio, cando saía do porto de Vigo, o buque tocou nos baixos de pedra da Illa de Monteagudo, preto das Cíes. O barco levaba 49.000 toneladas de petróleo altamente inflamable, das que máis de 10.000 se verteron ao mar. Baiona e Panxón foron as zonas máis afectadas nun suceso que ficou durante décadas no imaxinario da comarca viguesa.
-
08
Erkowit (1970)
Ese mesmo ano 1970, pero en outubro, o cargueiro Erkowit, que transportaba un insecticida altamente tóxico, tivo un accidente preto do Cabo Vilán. Foi transportado ata o porto da Coruña, pero antes de chegar, o buque afundiu na ría coruñesa, deitando alí os dous mil bidóns de Dieldrin que levaba. O cultivo de mexillón da zona viuse gravemente afectado.
-
09
Urquiola (1976)
Outro dos accidentes que marcaron o pasado recente de Galicia foi o do Urquiola, en 1976, de novo na Coruña. Neste caso era un petroleiro novo, pero na manobra de entrada no porto, tocou cunhas agullas rochosas, que danaron o seu casco. Nese momento decidiuse afastar o barco da costa, pero no camiño o buque explotou, vertendo ás rías altas unha parte importante do petróleo que levaba. Nese momento prometeuse eliminar as agullas para facilitar a entrada no porto da Coruña de grandes barcos e evitar accidentes futuros. Pero non se fixo ata o ano 2003.
-
10
Andros Patria (1978)
Dous anos máis tarde, o 31 de decembro de 1978, o petroleiro grego Andros Patria tivo un accidente preto das Illas Sisargas, vertendo ao mar ao redor de 60.000 toneladas de cru que chegaron a boa parte do litoral galego, mesmo á Mariña lucense. España e Portugal rexeitaron acoller o barco nos seus portos continentais e este tivo que desprazarse ata as Azores para trasvasar a súa carga
-
11
Cason (1987)
5 de decembro de 1987 o Cason, un cargueiro panameño que transportaba unha carga de 1.100 toneladas de produtos químicos, acabou varando na Punta do Castelo da praia do Rostro por mor dun temporal fronte ás costas de Fisterra. Morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa. Nos días seguintes houbo desinformación, descoordinación e mentiras oficiais por parte dos gobernos e os bidóns foron paseados por media Galicia, dende a costa da Morte a Guitiriz e despois a San Cibrao.
-
12
Mar Exeo (1992)
Este sábado celébrase o 30 aniversario dun sinistro que puido ser o derradeiro (pero non o foi). O 3 de decembro o petroleiro grego Mar Exeo encallou a carón da Torre de Hércules no seu intento de entrar no porto da Coruña. A explosión provocou unha enorme columna de fume e ao redor de 300 familias tiveron que ser desaloxadas das súas vivendas. Ademais, vertéronse ao mar máis de 60.000 toneladas de cru, que contaminaron intensamente as rías da Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol
-
13
... despois do Prestige
A do Prestige é historia sabida. Foi o último gran desastre ambiental na costa galega, pero iso non significa que nos últimos anos deixase de haber accidentes e sustos de maior ou menor entidade. A imaxe corresponde ao quimiqueiro Blue Star, que no ano 2019 encallou na ría de Ares. Pero houbo outros sinistros de barcos que transportaban mercadorías perigosas ou que provocaron vertidos de pequena dimensión: Max Jacob (2016), Prima (2014), Anna (2013), North Spirit (2010), Ostedijk (2007)... Nomes que afortunadamente non quedaron fixados na nosa memoria