Unha ducia de programas históricos da TVG
A Televisión de Galicia fai 40 anos e, no marco desta celebración, na súa plataforma dixital Agalega.gal elaborou unha escolma por décadas con algúns dos seus programas máis destacados. Os escollidos non son todos e dentro desa escolla non se atopan a totalidade das emisións, pero así e todo a recolleita supón un valioso percorrido pola historia audiovisual do país, tamén un reflexo da importancia capital da TVG para que Galicia se conte e recoñeza a si mesma. E, asemade, un espello que reflicte o que a televisión pública foi e puido (pode) ser.
- 🔊PODCAST | Retrocorenta: A tele que vimos medrar
-
01
Ruada
Na primeira temporada completa da Televisión de Galicia, a 85-86, Xosé Luís Blanco Campaña conduce un espazo que permitiu á audiencia ver, por primeira vez nas súas pantallas, a expoñentes da cultura e da música galegas como as Pandeireteiras de Mens mentres eran abordados en galego temas de actualidade canda persoeiros de gran relevancia. As introducións de Blanco Campaña co seu emblemático "miñas donas, meus señores" viraran moi populares.
-
02
O veciño do xoves
Entre 1987 e 1988 estaban a suceder en Galicia cousas nunca vistas. Entre outras, a caída do Goberno de Alianza Popular e achegada do tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe. Naquel ambiente con aires de cambio, o mozo presentador Xosé Ramón Gayoso recibe personaxes da actualidade nun apartamento para ter unha conversa distendida e tamén dar lugar a momentos que, catro décadas despois, viran impensables na pantalla pública, caso do daquela vicepresidente Barreiro Rivas compartindo protagonismo e piano co na altura combativo e único deputado do BNG, Xosé Manuel Beiras.
-
03
Galicia de noite
Xerardo Rodríguez conduciu en 1986 o que daquela era coñecido como "revista de actualidade", pero para Galicia e en galego. Nunha mesma noite podía atopar crus testemuños de feitos como un naufraxio, as intoxicacións polo aceite de colza ou o narcotráfico. E, ao mesmo tempo, gozar da música de artistas na moda.
-
04
Arestora
Nunha tele con case todo por inventar, en 1988 bota a andar un magazine que virou emblemático. Con Fidel Fernán e María Xosé Rodríguez á fronte, Arestora ofrece música, entrevistas con persoeiros populares de dentro e fóra de Galicia, reportaxes de actualidade, o humor de Farruco e mesmo unha mascota, Pupo.
-
05
Sitio distinto
Na Galicia do primeiro fraguismo aínda sucedían cousas inimaxinables anos despois. Entre outras, a fundación da república de Sitio Distinto na Televisión de Galicia. Antón Reixa, líder d'Os Resentidos, poeta e creador total, explícanos que estamos en guerra, pero hai que reflexionar. Dende unha pista de coches de choque, achéganos entrevistas con aires punk. Na imaxe, Reixa ponse á fronte da república en 1990 cun anaco de churrasco sagrado.
-
06
Supermartes
Xosé Manuel Piñeiro, tristemente falecido este ano, saudou por primeira vez á súa "querida parroquia" dende o plató do Supermartes en abril de 1992. Durante máis dunha década en antena, Superpiñeiro virou en icona televisiva e máis alá mentres repartía agasallos e convidaba a bailar merengue sempre baixo a ollada de Atilano.
-
07
Chambo
Unha novísima Belén Regueira conduciu, entre 1999 e 2000, un programa que supuxo un salto de modernidade para a TVG no cambio de século. Baixo a dirección de Xaime Fandiño, Chambo achegaba o máis actual da escena musical galega, estatal e portuguesa (en cada episodio, un representante de cada unha) e tamén entrevistas cun ton e protagonistas moi pouco habituais. No seu vixésimo aniversario VINTE lembrouno nesta completa reportaxe.
-
08
Air Galicia
Humor político na TVG? Si, existiu. O espazo de comedia Air Galicia virou nun dos emblemas da mudanza política en Galicia tras as eleccións de 2005, uns aires de cambio que, aínda que con limitacións -o secuestro dos Galenecos foi, posiblemente, un dos máis altos expoñentes-, tamén se reflectiron na tele. Parodias da programación da propia canle ou de lugares comúns da sociedade e da política galega con actores e actrices ben populares como protagonistas quedaron para o recordo, porque non os volveu haber. Na imaxe, uns dos habituais do espazo, os "rumbeiros independentistas" interpretados por Mofa e Befa.
-
09
Hai debate!
Un programa de debate en horario de máxima audiencia no que cada semana intercambian impresións representantes das tres forzas políticas do Parlamento e mais xornalistas con posturas moi dispares. Celébrase con público, que ao inicio de cada gravación recibe a indicación de que pode aplaudir os argumentos que considere oportunos. Se Air Galicia foi emblema do retorno fugaz do humor político á Televisión de Galicia, Hai Debate! foino da aposta polo debate político en clave galega na mesma etapa, a dos anos do Goberno de coalición PSdeG-BNG na Xunta, coas xornalistas Sonia Vizoso e Ana Rodríguez como presentadoras en cadansúas xeiras. Nesta imaxe, por exemplo, membros dos grupos que sustentan o Goberno, Ismael Rego (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG) debaten co líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo (PP) sobre unha posible reforma do Estatuto. O programa foi cancelado en 2009.
-
10
Banda curta
En certo xeito, o espírito de Chambo reviviu en Banda Curta. Gravado na emblemática discoteca LP 45 de ordes, con Alfonso Pato na dirección e Luís Pardo na presentación, o programa céntrase na música ao vivo máis diversa, recupera referentes musicais da Xeración Xabarín e explora os gustos musicais de diversos personaxes. Foi estreado a comezos de 2009 e non recuncou na grella.
-
11
Alalá
No mesmo tempo a TVG achegouse a través de Alalá á música tradicional dun xeito diferente. Co espírito das recolleitas tan presentes na Galicia deste 2025 a través do Día das Letras, en cada programa Pilar García Rego achegábase ás persoas e colectivos que terman da música tradicional, dende as aldeas ás tabernas, dende as foliadas aos obradoiros de construción de instrumentos. Emitiuse con regularidade de 2006 a 2013 e despois reviviu brevemente en variso especiais ata 2017.
-
12
Galicia bonita
Posiblemente, un dos mellores expoñentes de servizo público que é posible atopar nos últimos anos na programación da Televisión de Galicia, máis aínda en prime time e alén da temática festiva. Coa arquitecta Rosa Facal á fronte, o equipo de reformas de Galicia bonita amosa en cada episodio como é posible tratar ben o territorio mediante a mellora funcional e tamén estética dos lugares onde vivimos.
-
13
... e o Luar
Non está incluído na escolma dos 40 anos da TVG, posiblemente porque o programa máis veterano da súa grella xa virou nunha constante histórica que transcende as efemérides. Con case trinta e tres anos en antena, o programa do que dubidaban se "aguantaría" unha segunda temporada -así nolo contou Xosé Ramón Gayoso no podcast Retrocorenta- ten -para ben, pensará moita xente, para mal, pensará outra- un protagonismo innegable na nosa cultura pop. Dende os tempos de Dona Dana de Touro ata os actuais.