Televisión de Galicia, 21 de abril de 1992: "Son Xosé Manuel Piñeiro, veño da vila de Allariz e levaba uns cantos anos esperando este momento, ser presentador de televisión". Non hai moitas persoas que viren en icona dun país para ben. Non hai moitos nomes que, case automaticamente, remitan o groso da poboación a unha persoa e, con ela, a un momento de celebración, de lecer. Cando menos a un momento agradable. Hai ben poucos apelidos aos que engadirlles o adxectivo "súper" non semelle pretencioso ou grandilocuente. Non era o caso.
Xosé Manuel Piñeiro falece deixando tras de si o ronsel de agarimo que cultivou quen virou en icona da cultura popular do país
Xosé Manuel Piñeiro (Allariz, 1957), Superpiñeiro, faleceu este 22 de xaneiro de 2025 deixando tras de si un ronsel de agarimo. Do agarimo ao que dá lugar ser parte, se cadra non conscientemente dende sempre, da arquitectura da cultura popular galega. Cando menos, da cultura pop da Galicia que accedeu á autonomía política. Do que algunhas persoas chamarán facer país e do que outras mesmo se atreverían a suxerir, para escándalo dalgúns outros, como construción nacional a ras do chan.
Superpiñeiro foi un deses rostros que evidenciou a importancia de contar con medios de comunicación de masas propios e en galego. No tempo dos grandes shows televisivos con audiencias hoxe impensables situou o emblemático Supermartes competindo en pé de igualdade cos grandes mastodontes mediáticos que emitían dende Madrid. Primeiro, con RTVE como única competencia pero despois, coa eclosión das canles privadas, durante lustros nos que o propio espazo foi mudando cos tempos.
Situou o emblemático 'Supermartes' competindo en pé de igualdade cos grandes mastodontes mediáticos mentres o programa viraba en banda sonora de Galicia. Con 'Acompáñenos' a audiencia coñeceu outro Piñeiro que agrandou o "súper" abrindo un ata daquela case inédito espazo de debate de actualidade sen cancelas na canle pública
Atilano, a Súper Pantalla, a Súper Prenda, o Mentireiro Verdadeiro ou o merengue a ritmo de gaitas foron parte da banda sonora do país. Mesmo a gorra coa que era agasallado o público virou en icona pop. Do país do fraguismo, claro. E co fraguismo, en 2005 finalizou o Supermartes pero, para sorpresa de moitos, non Superpiñeiro. Tras pouco máis dun ano de ausencia, durante o cal -coma outro persoal destacado na TVG da época- recalou na televisión murciana, quen era pedagogo de formación pero presentador, cantante e showman de oficio regresou en 2007 á Galega con Acompáñenos, un espazo co que non pouca xente coñeceu outro Xosé Manuel Piñeiro, mesmo agrandando máis o adxectivo.
Concibido como un programa dedicado fundamentalmente a promover a formación de parellas entre persoas da terceira idade, non tardou moito en -sen descoidar esa audiencia- evolucionar cara ao que ata daquela era algo practicamente inédito no noso audiovisual público: un espazo no que a vida social e o lecer se combinaban con debates de actualidade sen cancelas. Para a historia fican momentos como a firme defensa da lingua galega por parte de Piñeiro tras unha manifestación contra a súa normalización a comezos de 2009. A principal organizadora da marcha dixo sentirse ofendida polo escoitado e esixiu retrucar ao vivo, ao cal o comunicador accedeu .
"Pedía entrar en directo e non podía ser doutra maneira nunha televisión pública con liberdades como é a Televisión de Galicia", explicou Piñeiro á súa audiencia. Sete meses despois, co comezo da primeira temporada tras outra mudanza de goberno, o programa foi cancelado. O finado José Luis Alvite preguntábase pouco despois nun dos seus lúcidos artigos que, se cadra, alguén decidira enviar ao equipo de Superpiñeiro a mensaxe de que "nesta terra a liberdade é un inesperado descoido do Poder".
Os recoñecementos chegáronlle con galardóns como a Medalla Castelao pero, sobre todo, coas infinitas mostras de afecto que recibiu ao anunciar en 2018 a súa retirada temporal para tratar o cancro que padecía
Sería inxusto esquecer esa faceta de Superpiñeiro na hora do seu pasamento. Como igualmente o sería obviar as súas noites de Luar, os seus duetos e tríos musicais con Xosé Ramón Gayoso e Juan Pardo. As músicas do Téquele Téquele, o Tequelexou e, máis recentemente, do televisivo Bamboleo ou da radiofónica Sesión Vermú.
Non foi o seu un deses casos nos que os agarimos profesionais e cidadáns só se manifestan cando a persoa xa non está para recibilos. Os recoñecementos chegáronlle a Piñeiro con galardóns coma o Premio Rebulir da Cultura Galega en 2014 ou a Medalla Castelao en 2020. Pero, sobre todo, cando en 2018 anunciou na Televisión de Galicia a súa retirada provisional para someterse ao tratamento dun mieloma múltiple, un cancro que afecta á medula ósea. As mostras de afecto foron infinitas.
Cando, en 2019, puido reaparecer, anunciouno no mesmo lugar onde anunciara a retirada, o Luar. Manifestando gratitude polos incontables apoios que recibira, pero tamén cunha intensa defensa da sanidade pública. Nos anos seguintes non cansaría de facelo, ao tempo que falaba con naturalidade na CRTVG ou nos seus artigos en La Región das visitas ao servizo de Hematoloxía do Sergas mentres explicaba que "de maior" querería "facer televisión, radio e cantar". A "querida parroquia" de Pi, como lle chamaban moitos achegados, despídeo este 25 de xaneiro bailándolle un merengue eterno mentres se multiplican as mostras de condolencia, dende o presidente da Xunta á líder da oposición e o Concello de Allariz, as súas amizades e compañeiros de profesión e, sobre todo, o seu público. O país.