Da COTOP á CRTVG: marcas públicas que marchan tras facer país

Antigos logotipos da Xunta e do Sergas, actual imaxe corporativa da CRTVG e gravado en pedra da Xunta para deixar constancia dunha obra da COTOP en Muros en 1992 CC-BY-NC-SA Praza.gal
Publicidade
Publicidade

Na década de 1980 coa autonomía política galega naceu tamén un universo simbólico. Coa creación das primeiras institucións de autogoberno democrático botou a andar unha institucionalidade inicialmente marcada pola precariedade, sen infraestrutura ningunha de seu -Xunta e Parlamento comezaron a funcionar en instalacións emprestadas polo Concello de Santiago ou o Arcebispado- e, moito menos, sen simboloxía contemporánea propia e recoñecible pola cidadanía.

Nos anos 80 canda a autonomía naceu unha simboloxía composta por identidades corporativas ligadas ao autogoberno. Algunhas marcas viraron moi populares, caso da CRTVG, que semella encarar a súa recta final

Contra mediados da penúltima década do pasado século, cando a Xunta comezou a despregar as competencias do Estatuto e a gañar orzamento, cargos destacados daqueles gobernos politicamente precarios fixeron especial fincapé na necesidade de asentar e popularizar unha identidade corporativa propia. Así se asentaría, por exemplo, o primeiro logotipo da propia Xunta (1985), que sería utilizado ata 2003, mentres nacían pezas claves do autogoberno e coma os medios públicos de comunicación e, canda eles, marcas que acabaron por contribuír a facer país, a construír identidade. Entre elas, unha que semella encarar a súa recta final: a CRTVG.

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, nunha imaxe de arquivo durante un acto presidido © CRTVG

En xullo 1984 o Parlamento deu o seu visto é prace á lei de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Baixo este paraugas operarían dúas empresas: Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A.. Botaba así a andar unha marca, a CRTVG, que acadou altísimas cotas de coñecemento cidadán. Con diferentes identidades gráficas ao longo dos anos, a marca CRTVG sobreviviu en 2011 ao primeiro gran cambio legal dos medios públicos, que viraron nunha única empresa, convertendo a vella compañía en Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).

Publicidade
Publicidade

A doutora en Publicidade Mónica Valderrama subliña que a audiencia adoita ser "conservadora" ante as mudanzas nas marcas, máis aínda se implican "sentimento de pertenza" como a CRTVG. Observa, non obstante, este cambo como unha positiva "adaptación aos tempos"

Pero a CRTVG, como marca, non superará o seguinte cambio legal. O Goberno galego vén de enviar ao Parlamento o seu proxecto de nova lei de medios públicos. O texto, con aspectos controvertidos como rebaixar o réxime de maiorías para escoller a dirección xeral ou abrir a porta á produción de contidos en linguas que non sexan o galego coa xustificación de divulgalos fóra, tamén cambia o nome da corporación. Cando a nova norma entre en vigor nacerá a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).

Mónica Valderrama, profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Comunicación de Pontevedra, licenciada en xornalismo pola USC e doutora en Publicidade e Relacións Públicas pola UVigo, encadra esta mudanza nunha "adaptación aos tempos" no que os medios públicos de comunicación, coma os demais, están a "facer unha aposta moi grande pola dixitalización" nun contexto no que o público consume moitos máis contidos audiovisuais en diferido e á carta que na grella tradicional. "Agora é unha multiplataforma", xa non só "unha tele ou unha radio"

Logotipos empregados na imaxe corporativa da Xunta dende 1985 ata a actualidade CC-BY-NC-SA Praza Pública

Isto non é contraditorio, coida, con que "a audiencia, en xeral, é bastante conservadora" e "non recibe de bo grao os cambios". "Somos moi conservadores á hora de recibir un cambio nunha marca", máis aínda se como a CRTVG implica un "sentimento de pertenza" e un "mundo simbólico". Por iso "unha mudanza así" sempre implica "unha aposta moi forte" que, advirte, cómpre agardar para ver como se materializa, entre outros aspectos, graficamente.

Publicidade
Publicidade

Alén da marca, a profesora subliña a necesidade de "vixiar" que a CSAG "non deixe de ser A Galega", "completamente pública e completamente coidadosa co identitario", a comezar polo idioma

Neste sentido, en canto á unha mudanza profunda na identidade corporativa dos medios públicos, Valderrama traza certos paralelismos entre o que pode suceder co nacemento da nova CSAG e o "radical" cambio de imaxe aplicado pola CRTVG en 2006, o cal estudou en profundidade no marco da súa tese de doutoramento. Daquela a corporación, lembra, apostara por potenciar a denominación popular "A Galega" e, ao tempo, por "afastarse do paralelismo que se facía entre o logotipo do Partido Popular e o da canle televisiva".

"Eu rompo unha lanza a prol do cambio de nome pola adaptación á nova realidade, o cal non significa que deixe de ser A Galega" e así debe ser porque, resalta, existe "un sentimento de pertenza ou identificación clara da canle cunha identidade". Neste sentido, a profesora Valderrama coida que alén da identidade corporativa "hai que vixiar que supón este cambio" e se "esta corporación segue sendo completamente galega, completamente pública e completamente coidadosa co identitario", a comezar por producir todos os seus contidos en galego.

Imaxe corporativa do Sergas anterior a 2007, a implantada naquel ano e a utilizada dende 2021 CC-BY-SA Xunta

Á espera de coñecer como se concreta o cambio de identidade e as súas repercusións, Valderrama especifica en conversa con Praza.gal que ten estudada a existencia de iconas "en torno á marca Galicia" que "transcenden o paso do tempo" e seguen presentes na memoria colectiva aínda que xa non se sigan empregando. Neste sentido, resalta, "dende un punto de vista publicitario e comunicativo é normal e non contraproducente que exista unha evolución que se adapte ás novas tendencias creativas".

Publicidade
Publicidade

Por razóns diversas, o Goberno galego deixou de usar marcas que viraran populares como COTOP. Máis recentemente, diluíu a identidade corporativa do Sergas na xeral da Xunta

Algunhas desas marcas seguiron empregándose mediante adaptacións ou redeseños, coma o Xabarín, o Xacobeo ou Galicia Calidade. Outras desapareceron malia gozaren, como a CRTVG, dunha notable popularidade. Foi o caso, por exemplo, da popularización como sigla dun nome a priori cinguido ao eido administrativo como foi o da antiga Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (despois, con outras denominacións como Política Territorial e Obras Públicas), plasmada durante os gobernos de Manuel Fraga en múltiples infraestruturas como COTOP.

A última gran renuncia do Goberno galego a unha marca con gran popularidade foi a decisión de suprimir o logotipo do Servizo Galego de Saúde no marco da ampla e coidada renovación da imaxe corporativa da Xunta culminada en 2021. Coa vontade política de facer ver ás claras que o prestador dos servizos sanitarios é o Goberno galego, o Executivo deixou o Sergas sen identidade corporativa propia por primeira vez dende a súa creación e diluíuna na do resto da Administración. A mudanza máis clara foi a supresión da cruz que internacionalmente é identificada cos servizos sanitarios e que no caso do Sergas era combinada cunha referencia á bandeira de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.