A mostra propón unha viaxe pola historia do deseño galego a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas
O espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL (Campus de Riazor), acolle dende este venres a exposición “A Galicia deseñada”, organizada pola UDC coa colaboración da Deputación da Coruña. A mostra, que propón unha viaxe pola historia do deseño galego a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas, nace co obxectivo de contribuír a establecer unha historiografía sobre o deseño galego, a partir dun catálogo de traballos realizados en Galicia que poida funcionar como documentación de referencia e consulta para as deseñadoras e deseñadores actuais e futuros.
A mostra, comisariada por Marcos Dopico Castro, Cibrán Rico López e Suso Vázquez Gómez, recolle traballos realizados polos artistas e deseñadores máis destacados da historia visual galega como Castelao, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Pepe Barro, Xosé María Torné, Xosé Díaz, Alberte Permuy, Uqui Permui ou Álvaro Valiño, entre outros. O deseño expositivo da mostra foi desenvolvido polo estudio Cenlitrosmetrocadrado. “A Galicia deseñada” poderá visitarse ata o 13 de xaneiro.
A mostra recolle traballos dos artistas e deseñadores máis destacados da historia visual galega como Castelao, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Pepe Barro, Xosé María Torné, Xosé Díaz, Alberte Permuy, Uqui Permui ou Álvaro Valiño
A exposición está organizada a través de cinco períodos históricos (antecedentes, industrialización, autarquía, democracia e contemporaneidade). Os exemplos de deseño seleccionados procuran constituír lecturas de continuidade entre diferentes momentos temporais, nunha interpretación da historia como relato e exercicio de construción colectiva.
Este primeiro apartado de 'Antecedentes' foi comisariado polo deseñador e divulgador Pepe Barro e inclúe exemplos da Idade Media como as marcas dos pedreiros, ou mesmo anteriores, do S.XII, cando se ten o primeiro coñecemento do uso da vieira como emblema da peregrinación á Santiago de Compostela.
Os organizadores explican que o deseño se sitúa a medio camiño entre cultura e industria. "A Galicia deseñada quere ser, en último termo, unha oportunidade para a celebración do deseño como ferramenta ao servizo da sociedade", din
Nos apartados seguintes aparecen as marcas asociadas ás primeiras experiencias industriais en Galicia, como é o caso das conserveiras Massó e ¡Miau! ou tamén de Augas de Mondariz e La Toja, ligadas á actividade termal e de lecer que naceu a finais do século XIX e comezos do século XX. Así mesmo destácanse as cabeceiras de publicacións e revistas de vangarda creadas nas primeiras décadas do século XX, como as coruñesas Luz e Alfar, ou a sa editorial Lar, obra de Camilo Díaz Baliño.
Os organizadores explican que o deseño se sitúa a medio camiño entre cultura e industria. "É cultura pola capacidade de ser reflexo das ideas do presente, pola actitude innovadora e resilente que lle é propia, pola habilidade para crear metodoloxías e linguaxes que transcenden en moitas ocasións o seu ámbito propio de actividade. E é industria pola incidencia comprobada do deseño nos sectores produtivos e económicos, polo seu carácter transdisciplinar e a súa vontade de ofrecer solucións que melloren os produtos, sistemas, servizos, experiencias ou negocios", sinalan.
Durante a ditadura tamén se fixo bo deseño en Galicia, como foi o caso da empresa Barreiros ou de toda a creación ligada a Sargadelos e ao Laboratorio de Formas, con Isaac Díaz Pardo como protagonista. Con todo, a chegada da democracia e a modernización das iniciativas empresariais trouxo unha explosión do deseño aplicado á imaxe corporativa e á publicidade.
Coa chegada da democracia "e a necesidade de promover unha imaxe máis moderna e actualizada" moitas empresas e institucións "actualizaron a súa imaxe con propostas radicais e innovadoras no seu momento"
"Coa chegada dun novo momento histórico e a necesidade de promover unha imaxe máis moderna e actualizada, actualizaron a súa imaxe con propostas radicais e innovadoras no seu momento, como é o caso da empresa tecnolóxica Televés, que conseguiu consolidar unha identidade moi recoñecible na sociedade grazas ás súas antenas parabólicas de cor laranxa", destácase na presentación da mostra, que tamén salienta que "a mesma necesidade de renovación da súa imaxe afectou tamén ás institucións que, na altura, asumiron ambiciosos programas de renovación da súa comunicación visual, como pode ser o caso dos Concellos da Coruña e Santiago de Compostela ou, tamén, a Universidade da Coruña".
A mostra remata cunha selección dalgúns dos logotipos máis destacados realizados en Galicia nos últimos anos, na sección recollida baixo a epígrafe de “contemporaneidade”. A exposición non se artella só a través da representación gráfica dos símbolos, marcas e identidades, senón que, de maneira complementaria, mostra exemplos de gráfica aplicada. Permite así comprobar a evolución na consideración e nos requerimentos que a sociedade demandou, en cada momento histórico, aos signos de identidade
“A Galicia deseñada” poderá visitarse ata o 13 de xaneiro
"A Galicia deseñada quere ser, en último termo, unha oportunidade para a celebración do deseño como ferramenta ao servizo da sociedade", sinalan os seus responsables, apuntando que "cada un dos símbolos, marcas e logotipos desta mostra teñen a capacidade de dar unha explicación sobre o momento en que foron creados". "Son testemuñas da complexidade do 'seu' presente e son, xa que logo, patrimonio", engaden