O deseño gráfico non é un invento contemporáneo. Deseño houbo sempre, e así podemos observalo e admiralo en construcións ou manufacturas tradicionais. Pero de igual xeito tamén dende vello era habitual que unha comunidade ou un colectivo idease e reproducise unha serie de símbolos que servían para identificalos a eles, ás súas posesións ou á súa actividade, sobre todo nunha sociedade non alfabetizada. Coñecidas son as marcas dos canteiros, pero tamén outras profesións tiñan o seu propio sistema de símbolos. É o caso dos mariñeiros.
Os mariñeiros da Guarda empregaban un elaborado sistema de marcas que ao longo do século XX se foi perdendo, pero que hoxe coñecemos grazas á pervivencia dalgúns elementos nos que os gravaron, e grazas sobre todo ao traballo de entidades coma a Asociación Naturista Baixo Miño (Anabam). Os deseñadores galegos contemporáneos non queren ignorar esta tradición, o traballo preexistente daqueles que hai varios séculos empregaban o deseño gráfico para cubrir unha necesidade de identificación de aparellos ou barcos, unha caste de prehistoria dos actuais logotipos ou marcas comerciais.
A Asociación de Deseñadores Galegos (DAG) organiza este sábado 18 unha visita á Guarda para saber máis desta manifestación do patrimonio gráfico galego. A actividade consta dunha palestra de Antón Ferreira (autor do libro As marcas dos mariñeiros da Guarda, editado por Anabam en 1995) e dunha visita a Santa Trega, tanto á citania para coñecer a simboloxía presente no castro (trisqueis, símbolos solares...), coma á ermida, que até hai poucas décadas conservaba unha porta con numerosas inscricións destas marcas mariñeiras.
"Dende a asociación levamos tempo traballando en dous camiños, un máis evidente, ligado ás problemáticas actuais do deseño como profesión contemporánea. E outro camiño, ligado á historia e á tradición do deseño", destaca Suso Vázquez, presidente da Asociación de Deseñadores Galegos (DAG). Vázquez comenta que "seguramente por ser o deseño unha profesión moi desregulada, só agora comeza a haber estudos máis ou menos formalizados nos que se trata algo a historia do deseño. Porén, até agora a xente introducíase no campo do deseño de maneira máis autodidacta. E por iso hai moi pouco coñecemento sobre a historia ou o noso patrimonio gráfico".
A DAG tivo coñecemento destas marcas a través de Pepe Barro e de inmediato buscaron afondar no seu coñecemento. "Estas marcas son unha especie de identidade corporativa, cun sistema complexo, e están pensadas cunhas lóxicas de deseño moi contemporáneas, a partir dun elemento moi básico ao que se lle van facendo engadidos", sinala. Unha familia (o pai de familia) ten unha marca inicial, que a identifica, e á que todos os fillos lle van engadindo un pequeno elemento gráfico para formar novas marcas que os pasan a identificar persoalmente. Até que un último fillo volve recuperar a marca inicial da familia, hérdaa, e comeza de novo o proceso.
Vázquez subliña que estas marcas "seguen a mesma lóxica que as marcas dos canteiros, e as que se usaban en moitas outras profesións" e salienta que "eran moi funcionais". "Moitas veces téndese a pensar que o deseño ten unha función meramente decorativa, e non é así, ten un uso funcional. Os canteiros non marcaban as pedras por vaidade, senón como un sistema de cobro do seu traballo", afirma.
"No caso da Guarda, estas marcas tamén nos amosan a forma en que as fronteiras se dilúen", continúa. "Os mariñeiros de Portugal tiñan un sistema de marcas moi semellante, para identificarse eles e para identificar os seus apeiros. Na igrexa de Santa Trega, cando era a festa da patroa, os mariñeiros de Pobra de Varzim subían e na porta da capela deixaban tamén as súas marcas, como unha especie de ofrenda. Por desgraza esa porta xa desapareceu, aínda que hai imaxes de como era, nas que se poden ver os símbolos".
Unha investigación que salva estas marcas do esquecemento
Boa parte do coñecemento que hoxe temos destes símbolos é responsabilidade do traballo de Anabam. A recopilación das marcas foi iniciada por Antón Ferreira Lorenzo, que comezou con este labor a principios dos anos oitenta do século pasado. A través de entrevistas cos mariñeiros e da observación doa parellos, reuniu unha interesante colección de varios centos de símbolos. Os responsables de Anabam láianse do descoñecemento que hoxe en día existe na vila sobre as marcas, as máis delas de carácter de identificación familiar, de xeito que moitas veces nin sequera as persoas descendentes deses mariñeiros coñecen os símbolos utilizados historicamente polas súas propias familias.
A porta dunha única vivenda da Guarda mantiña até hai poucos anos os símbolos riscados polos mariñeiros. O seu mal estado de conservación levou a Anabam a entrar en contacto cos seus propietarios para conservala no seu museo. Na súa superficie aínda se poden ver varias imaxes gravadas polos mariñeiros para a súa protección, coma unha "Custodia do Santísimo" ou unha estrela de cinco puntas. E tamén algunhas iniciais, acompañadas das súas datas de realización, que dan conta da súa antigüídade: 1914 e 1929.
Máis interesante aínda era a devandita porta principal da ermida de Santa Trega, xa perdida, pero da que se conservan imaxes e testemuñas que acreditan a gran cantidade de símbolos gravados nela. Os estudos de Anabam dan conta de que este sistema de identificación, explicable tanto polo analfabetismo maioritario, pola súa facilidade de realización (habitualmente cunha navalla) coma pola necesidade de identificar os apeiros de uso común e de repartir o peixe capturado en cada barco, reproducíase entre os mariñeiros do norte de Portugal, e tamén noutras comunidades, coma nos mariñeiros da Albufera de Valencia.