O PP poderá remudar o director da CRTVG só cos seus votos na primeira metade de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, conversa co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, este 2 de decembro tras o Consello da Xunta en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Conta atrás. O Consello do Goberno galego aprobou este 2 de decembro o proxecto da nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. O proceso iniciado co anteproxecto lanzado o pasado verán pon agora rumbo ao Parlamento co razoamento oficial da necesidade de adaptar a Corporación Radio e Televisión de Galicia "aos cambios que houbo estes anos no audiovisual" e ao "marco regulatorio estatal e europeo". E faino incluíndo a mudanza que permitirá ao PP remudar o actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, só cos seus votos no Parlamento contra a primeira metade de 2025.

A Xunta envía ao Parlamento o texto definitivo da nova lei dos medios públicos aceptando algunhas mudanzas pero mantendo intacta a disposición que permite substituír a Sánchez Izquierdo sen maioría reforzada, apoiándose só na absoluta dos populares

Á espera da publicación do texto articulado completo a través do Rexistro do Parlamento, a Xunta asegura que "boa parte" das achegas recibidas durante o proceso de información pública e alegacións foron atendidas "total ou parcialmente" en ámbitos como a alfabetización dixital ou o "compromiso coa lingua galega", especifica Alfonso Rueda. No que non mudou a postura da Xunta é na introdución dunha disposición que permitirá elixir o nome da persoa que ocupe o posto de maior responsabilidade na corporación por maioría absoluta do Parlamento, o que na práctica supón que os populares non teñan que pactalo con ningún outro grupo.

Sánchez Izquierdo e Alfonso Rueda, asinando un convenio entre a CRTVG e a Xunta cando o actual presidente ocupaba a vicepresidencia CC-BY-SA Xunta

A lei remitida ao Parlamento, igual que o anteproxecto, establece que a dirección xeral da CRTVG ten que ser escollida por maioría reforzada, pero cunha cláusula de escape. Se o nome proposto non logra o apoio de dous terzos (50 escanos) do Parlamento volverá ser sometido a votación un mes despois e daquela abondarán tres quintos (45). Se esa cifra tampouco se logra, no seguinte pleno será dabondo a maioría absoluta para, di a postura oficial do Goberno, evitar "situacións de interinidade indefinida". Para que non haxa "un bloqueo" nun "posto executivo que ten que estar no día a día" dos medios públicos, indica Rueda.

Rueda xustifica que a reforma pretende evitar "situacións de interinidade indefinida" na dirección xeral dos medios públicos. O actual director leva con mandato por tempo indefinido dende 2016, cando o PP reformou a lei de 2011 para esquivar o nomeamento por maioría reforzada

Unha interinidade indefinida é, precisamente, o que leva marcando a dirección xeral da CRTVG máis dunha década. No ano 2011 a vixente lei dos medios públicos trouxo consigo un sistema de elección por maioría reforzada de dous terzos ou tres quintos sen cláusula de escape ningunha. Nunca chegou a ser cumprida e no ano 2015, aproveitando o trámite dos orzamentos do ano seguinte, o PP mudou a norma en solitario para que, se cando a antiga Compañía de Radio e Televisión de Galicia comezase a funcionar como corporación (o 1 de xaneiro de 2016) Sánchez Izquierdo non fora substituído, puidese continuar no posto por tempo indefinido, o que así sucedeu.

Deste xeito, cando a nova lei culmine o seu trámite parlamentario -atendendo aos ritmos normais do Parlamento, sucederá cara ao comezo da primavera- o actual director xeral acumulará 16 anos no cargo: dous ao abeiro da lei de creación da CRTVG de 1984, pola cal o nomeamento era competencia directa do Goberno, sen contar co Parlamento. E catorce tendo en vigor unha norma segundo a cal tería que contar cun aval parlamentario que nunca logrou, requisito que de agora en diante será opcional, toda vez que os 40 escanos obtidos polos populares nas eleccións do pasado febreiro serán suficientes. 

Manifestación "en defensa dunha CRTVG pública e plural", o pasado 30 de novembro en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

Daquela, nada mudará a efectos prácticos no día a día dos medios públicos, toda vez que un director xeral designado directamente por Alberto Núñez Feijóo en 2009 poderá ser substituído por quen o PP considere oportuno. A diferenza será que de agora en diante, ademais, os conservadores non terán obriga legal sen alternativa de nomear a nova directora ou director que ocupe o lugar de Sánchez Izquierdo por maioría reforzada do lexislativo.

O paso adiante da nova lei chegou na vixésimo sétima xornada de folga na CRTVG e o comité intercentros afirma a súa intención de "enfrontala con todas as armas", tamén "recorrendo novamente á Unión Europea"

Asegura Rueda que a vontade dos populares é que o nomeamento da persoa que substitúa a Sánchez Izquierdo chegue por "consenso". Pero se non, "dunha maneira ou doutra" vai "resultar elixida unha persoa". Mentres, os outros dous órganos que contempla a nova norma -o resto do consello de administración e o novo consello asesor, ambos con moitas menos competencias prácticas- si precisarán que o Grupo Parlamentario Popular chegue a pactos con, cando menos, un dos dous grupos da oposición, BNG ou PSdeG.

O paso adiante da nova lei dos medios públicos chegou mentres na CRTVG se desenvolvía a vixésimo sétima xornada de folga, que volveu atender parte do seu persoal, e apenas corenta e oito horas despois da manifestación que reclamou máis pluralidade na Televisión de Galicia e na Radio Galega cun chamamento a que a cidadanía pule por "liberar a CRTVG". O comité intercentros da CRTVG asegura que a súa intención é "enfrontar esta lei con todas as armas que considere", tamén "recorrendo novamente á Unión Europea" xa que, manteñen, preceptos como o novo xeito de elección da dirección xeral contraveñen a nova lexislación comunitaria na materia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.