A manifestación en defensa dunha CRTVG “plural e ao servizo da cidadanía” convocada polo persoal en folga percorreu as rúas de Santiago, en defensa da independencia e pluralidade dos medios públicos e da "produción propia", fronte á externalización de espazos informativos coma O Termómetro.
Hai hoxe 13 anos, o 30 de novembro de 2011, comezou o "desmantelamento dos medios públicos” coa desaparición das delegacións da CRTVG de Pontevedra, Ferrol e Burela. Así se destacou na manifestación en defensa dunha CRTVG “plural e ao servizo da cidadanía” convocada polo comité da primeira folga indefinida no ente público. A marcha percorreu este sábado as rúas de Santiago, entre a Praza Roxa e a Praza de Praterías, en defensa da independencia e pluralidade dos medios públicos e da "produción propia", fronte á externalización de espazos informativos coma O Termómetro.
A substitución o pasado mes de setembro de A Revista por este novo programa realizado en coprodución xunto a dúas empresas externas motivou o inicio dunha serie e paros intermitentes, que van xa pola 25ª xornada de folga, nunha mobilización que nas últimas oito semanas foi quen de impedir a emisión de O Termómetro. Neste tempo o persoal en folga levou a súa protesta a Bruxelas e denunciou a "represión" exercida pola dirección da CRTVG e a súa negativa a buscar unha solución negociada.
"O Termómetro é o emblema desta externalización, pero só é un chanzo máis dentro do desmantelamento programado dos medios públicos, que comezou co peche das delegacións de Pontevedra, Ferrol e Burela no ano 2011", denunciouse na marcha
A denuncia da externalización dos espazos informativos de produción propia foi o cerne do texto que se leu ao remate da marcha. Nesta intervención final sinalouse que "o novo programa, O Termómetro, é unha réplica do anterior que se viña facendo con medios técnicos e humanos propios, cunha diferenza: custa 16.000 euros diarios, 5.000 máis dos que custaba cando era de produción propia".
Porén, non se puxo o foco só no malgasto de cartos públicos. "Por que quitarlles o control dos contidos dos programas informativos ás profesionais internas para entregarllelo a externas?", preguntouse o manifesto da marcha, que advertiu de que a externalización persegue "quitarnos do medio para ter vía libre e barra libre para acabar de completar o círculo perfecto da manipulación total, a todas horas, en todos os formatos, tele, radio, web, redes sociais, programas, e agora xa o último que nos quedaba….os informativos".
"Esta folga non é polo Termómetro", senón "por todo o que os medios públicos deixaron de ser e malia todo debían ser" porque "estamos nun gravísimo punto de non retorno que pode acabar de vez co que entendemos por medios públicos"
"O Termómetro é o emblema desta externalización, pero só é un chanzo máis dentro do desmantelamento programado dos medios públicos, que comezou co peche das delegacións de Pontevedra, Ferrol e Burela no ano 2011", denunciouse na marcha, na que se fixo unha relación de programas "desaparecidos ou externalizados" e da substitución do persoal dos medios públicos por redacotes "con contratos precarios de prácticas ou formación".
Deste xeito, incidiu unha das intervencións, "esta folga non é polo Termómetro", senón "por todo o que os medios públicos deixaron de ser e malia todo debían ser, porque é a nosa responsabilidade como traballadoras alertar de que estamos nun gravísimo punto de non retorno que pode acabar de vez co que todas nós entendemos por medios públicos".
Tamén se criticou o anteproxecto de nova lei da CRTVG que suporá "un retroceso democrático será tan grande que pagaremos as consecuencias durante anos, tal vez de xeito irreversible" e promoveuse a Iniciativa Lexislativa Popular Liberemos a Galega.
Tamén se criticou o anteproxecto de nova lei da CRTVG que, se vai adiante, suporá "un retroceso democrático será tan grande que pagaremos as consecuencias todas as galegas durante anos, tal vez de xeito irreversible". O persoal mobilizado expresou o seu completo rexeitamento á norma proposta polo Goberno galego, á que opoñen unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) baixo o lema Liberemos a Galega.
Unha proposta alternativa que buscan levar ao Parlamento, "propoñendo xustamente os cambios e as reformas que consideramos necesarias para democratizar a nosa radiotelevisión pública, para erradicar dela a manipulación, para garantir a pluralidade, a defensa da lingua, a cobertura de todo o territorio, a programación infantil e xuvenil ou a perspectiva feminista". Son necesarias dez mil sinaturas para que a ILP chegue ao Parlmento para o seu debate.
A manifestación deste sábado buscaba "a implicación da sociedade na tarefa de rescate da radiotelevisión pública". "Só a cidadanía, a maioría dos galegos e galegas, poden esixir e conseguir liberar a CRTVG e poñela ao servizo do pobo", destacouse
A manifestación deste sábado buscaba "a implicación da sociedade na tarefa de rescate da radiotelevisión pública" e a cidadanía de Santiago de Compostela acompañou os traballadores e traballadoras dos medios públicos nunha xornada marcada pola chuvia. Buscaba tamén rachar "o cerco informativo" que "silencia e oculta a existencia dunha mobilización case permanente entre o cadro de persoal da CRTVG", en referencia á decisión de moitos medios de non dar conta dos paros e mobilizacións. "Grazas por estar aquí, por poñer o corpo en sábado para defender unha CRTVG Pública e Plural. Nós seguiremos pelexando na difícil trincheira na que estamos", díxose no texto que se leu ao remate da marcha
Os paros intermitentes van continuar, cando menos, ata o 13 de decembro, día no que está convocada unha folga de 24 horas, coincidindo coa emisión do programa número 65 de O Termómetro, o derradeiro dos inicialmente contratados
Os paros intermitentes van continuar, cando menos, ata o 13 de decembro, día no que está convocada unha folga de 24 horas
A manifestación pechouse cun chamamento á cidadanía a que apoie o persoal mobilizado e a que demande un correcto funcionamento dos medios públicos: "asumimos como traballadoras públicas o deber de servir ao país, a todo o país, e é esa responsabilidade o que nos fai alertar da situación na que están os medios públicos e intentar mudala. Pero sabemos que non poderemos rescatalos sen vós. Só a cidadanía, a maioría dos galegos e galegas, poden esixir e conseguir liberar a CRTVG e poñela ao servizo do pobo".