Varios cargos da Eurocámara comprométense a estar "vixiantes" co anteproxecto de lei de medios presentado pola Xunta, que para o persoal en folga da CRTVG compromete a independencia e a pluralidade da TVG e da Radio Galega
Os berros "CRTVG, pública e plural" interromperon este mércores o pleno do Parlamento europeo en Estrasburgo, no que se votaron os novos comisarios que formarán parte da Comision Europea presidida por Úrsula Von der Leyen. Con camisolas negras que informaban da folga nos medios públicos galegos, membros do Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia asistiron o pleno para chamar a atención de eurodeputadas e eurodeputados sobre a "manipulación" e o "desmantelamento" que atravesa a CRTVG pola "privatización" e "externalización" dos contidos, agora tamén dos informativos.
Segundo informa o Comité Intercentros, a delegación, convidada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, mantivo entre este martes e mércores diferentes encontros co vicepresidente do Parlamento Europeo, Yonous Omarjee; coa eurodeputada relatora da Lei de Liberdade de Prensa Europea (European Media Freedom Act-EMFA), Diana Riba; co tamén vicepresidente responsable de asuntos democráticos, Nicolae Stefanut; e coa presidenta da Comisión de Cultura, Nela Riehl.
Nestes encontros, os membros do comité trasladan que recibiron importantes apoios e o compromiso desas altas responsables da Eurocámara de que "permanecerán vixiantes" sobre o anteproxecto de lei de medios públicos que presentou o pasado agosto a Xunta, que para as traballadoras da CRTVG en folga "podería supor o incumprimento de varios artigos da EMFA [a nova lei europea de medios] relacionados coa independencia, a pluralidade e o nomeamento da dirección".
"Vemos como a manipulación infecta todos os contidos", sinalan as reprensentantes do comité de folga da CRTVG
A falta de independencia, de imparcialidade e de pluralidade, ademais do aumento da privatización e diminución da produción propia, e a falta de creación do estatuto profesional e do consello de informativos, son algúns dos incumprimentos da lei galega actual denunciados por Andrea De Francisco (CUT), María José Rivero (UXT), Tiago Alvite (CIG) e Montse Montaos (CCOO) nas súas respectivas intervencións na rolda de prensa que ofreceron este mércores xunto a Ana Miranda.
"Vemos como a manipulación infecta todos os contidos, desde os informativos aos debates, e incluso programas de entretemento", salientou Andrea De Francisco no Europarlamento, onde lembrou os máis de seis anos de protestas do colectivos de traballadoras Defende A Galega cos 'venres negros'. Os representantes do Goberno europeo aportaron as súas recomendacións sobre como facer chegar as demandas do persoal dos medios públicos galegos á UE porque en diferentes fases do vindeiro ano a nova lei comunitaria entrará en vigor.
"Algún día teremos unha televisión pública e plural como vós defendedes", salientou a eurodeputada do BNG Ana Miranda, quen sinalou que a Media Freedom Act pode ser un dos "francos da batalla que o comité de folga poida desenvolver en Europa". Neste sentido, nos diferentes encontros celebrados en Estrasburgo a delegación galega analizou os incumprimento da Lei Europea sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación no anteproxecto de lei presentado pola Xunta este verán.
"Algún día teremos unha televisión pública e plural como vós defendedes", salientou a eurodeputada do BNG Ana Miranda
As traballadoras en folga que viaxaron a Estrasburgo, coincidindo coa vixésimo terceira xornada de folga na CRTVG, mantiveron tamén un encontro co eurodeputado galego do PSdeG Nicolas González Casares e recibiron o apoio doutros parlamentarios europeos como Pernando Barrena (EH Bildu), Isa Serra e Irene Montero (Podemos), Jaume Asens e Estrella Galán (Sumar), Vicent Marzá (Compromís), Catarina Martins (Bloco de Esquerda) e a mesma Diana Riba (ERC).
Non é a primeira vez que as traballadoras e traballadores da CRTVG tratan de levar as súas demandas a Europa, a última vez intentaron sen éxito que a Comisión de peticións, presidida polo PP, aceptase a súa proposta para avaliar a "manipulación informativa" no ente público galego. Este mesmo mércores, na sede da CRTVG en San Marcos, as folguistas volveron paralizar a emisión d'O Termómetro na TVG, símbolo desta folga pola externalizacion dun programa que viña dependendo dos servizos informativos da Corporación.