A Comisión Europea "seguirá moi atenta a calquera novidade" sobre a cuestionada independencia dos medios públicos autonómicos e "toma nota" da reforma legal que vén de lanzar a Xunta para garantir o control da CRTVG por parte do PP. Así vén de responder o executivo comunitario a unha pregunta formulada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda sobre a nova lei galega de medios públicos
En resposta a unha pregunta do BNG pola nova lei que garante ao PP o control do ente, o executivo comunitario lembra que a partir de agosto de 2025 os responsables dos medios públicos deben ser nomeados con criterios obxectivos
A eurodeputada do BNG preguntou á Comisión Europea pola reforma da lei dos medios públicos galegos que impulsa a Xunta, coa que o PP poderá nomear en solitario a dirección da CRTVG e que vén sendo criticada como unha ameaza para a independencia do ente público polo Colexio de Xornalistas de Galicia, o persoal da corporación ou as principais asociacións de empresas e profesionais do audiovisual galego. "Pode a Comisión vixiar esta reforma legal que supón a perda total da independencia, xa mermada, dos medios públicos galegos?", foi a pregunta de Ana Miranda.
E a resposta, asinada pola vicepresidenta de Valores e Transparencia da Comisión, Věra Jourová, vén de chegar este mércores. Nela a Comisión salienta a importancia que dá "á independencia dos medios de comunicación de servizo público" e lembra que o regulamento europeo ao respecto "introduce varias salvagardas para garantir o funcionamento independente dos medios de comunicación de servizo público, que se aplicarán a partir de agosto de 2025". Entre esas medidas, a Comisión salienta que "o responsable da xestión e os membros do consello de administración dos medios de comunicación de servizo público serán nomeados seguindo procedementos transparentes, abertos, efectivos e non discriminatorios e criterios transparentes, obxectivos, non discriminatorios e proporcionados". Uns criterios que deben ser "establecidos de antemán a nivel nacional", non autonómico.
A resposta da vicepresidenta europea tamén lembra que a Comisión "supervisa a situación da liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación en todos os Estados membros, incluída España". Nesa liña, salienta que o capítulo sobre España do Informe sobre o Estado de Dereito de 2024 da propia Comisión fai referencia ao informe de seguimento do pluralismo nos medios "que expresou reservas relacionadas coa independencia dos medios de comunicación de servizo público a escala rexional". Efectivamente, ese documento advirte da "falta de independencia política dos medios de comunicación públicos autonómicos".
Neste contexto, a vicepresidenta europea remata a súa resposta ao BNG sinalando que "a Comisión seguirá moi atenta a calquera novidade a este respecto" e "tamén toma nota da información facilitada pola súa señoría sobre o proxecto de reforma xurídica" en Galicia.
A eurodeputada do BNG Ana Miranda salienta que o procedemento para elixir a dirección da CRTVG debe ser independente, transparente, aberto e non discriminatorio, non como fai o PP"
Ante esta resposta, a nacionalista Ana Miranda considera que a Comisión "dinos alto e claro que debe cumprirse este regulamento [europeo] de forma que o funcionamento para elixir o consello de administración debe ser independente, transparente, aberto e non discriminatorio, non como fai o PP". "No Parlamento Europeo seguirei denunciando eses incumprimentos da normativa europea sobre a independencia e pluralidade nos medios públicos galegos, que son a propaganda do Partido Popular", di Miranda.
Antes desta resposta directa da Comisión Europea á pregunta do BNG pola reforma legal do PP, ese novo texto legal xa fora incluído entre as ameazas á liberdade de prensa en Europa por parte do proxecto Mapping Media Freedom, financiado pola UE e coa poio da Federación Europea de Xornalistas. Ademais, a nova norma tamén obvia a creación esixida por Bruxelas dunha autoridade independente de supervisión dos medios de comunicación.