O eurodeputado socialista Nicolás González Casares, representante do PSdeG en Bruxelas, rexistrou este luns no Parlamento Europeo unha serie de preguntas sobre a "posible vulneración da normativa europea" do anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, impulsado polo goberno da Xunta, sobre o que xa recibiu aviso a propia Comisión Europea a través da eurodeputada do BNG Ana Miranda e que o proxecto Mapping Media Freedom, financiado pola UE, considera que "ameaza a independencia" dos medios públicos galegos.
González Casares busca que o Europarlamento revise se "este anteproxecto podería estar vulnerando a lexislación europea que protexe a liberdade e a independencia dos medios de comunicación, poñendo en risco a pluralidade e a promoción da lingua e cultura galegas na CRTVG, o ente público de comunicación".
O europarlamentario socialista lembra as denuncias de manipulación informativa de persoal da CRTVG mobilizado no movemento Defende a Galega, que leva máis de seis anos visibilizando as súas protestas coa celebración dos 'venres negros' e chegaron tamén ata Bruxelas, "un problema especialmente grave dado que o medio é financiado cos impostos de todos os galegos e galegas".
González Casares trasladou a Bruxelas a súa preocupación pola concentración do poder nos nomeamentos e solicitou á Comisión Europea que analice "se o novo sistema proposto, que elimina a necesidade dunha maioría reforzada no Parlamento galego para elixir a dirección xeral e o consello de administración da CRTVG, respecta os principios de pluralidade e independencia que deben rexer nos medios públicos".
Este cambio, segundo destaca o socialista, "concentraría o poder de nomeamento nas mans dun só partido, o PPdeG, e do presidente da Xunta, o que podería poñer en perigo a imparcialidade e a independencia da CRTVG".
Casares di que a posible incompatibilidade da eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos coa normativa europea pode supoñer "unha grave intromisión política que erosione a independencia da CRTVG"
O eurodeputado tamén apunta cara á posible incompatibilidade da eliminación do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos coa normativa europea, dous organismos que aseguran "o control interno e a transparencia nos medios de comunicación" que se contemplan na lexislación galega actual, mais nunca foron desenvolvidos. "A proposta de substituír estes mecanismos por un consello asesor, cuxos membros serían designados directamente polo Goberno galego, podería supoñer unha grave intromisión política que erosione a independencia da CRTVG", critica González Casares.
Así mesmo, sitúa o foco na "apertura da CRTVG a iniciativas privadas en todas as súas áreas", unha medida que –estima– "podería reducir a produción propia e debilitar a calidade dos informativos, comprometendo a función de servizo público que debe cumprir" a Corporación Radio e Televisión de Galicia.
Tamén cuestiona se a posible introdución de contidos en castelán "se axusta aos principios de diversidade lingüística e cultural defendidos pola Unión Europea". Para o PSdeG esta medida podería debilitar o papel da CRTVG como "defensora da identidade galega".