O persoal en folga da CRTVG denuncia o "malgasto de cartos públicos que supón" a externalización da programación

O persoal da CRTVG simbolizou co lanzamento de billetes "o malgasto de cartos públicos que supón" a externalización de programas informativos © Comité Intercentros CRTVG

A 16ª xornada de paros volveu paralizar a emisión de O Termómetro, o programa externalizado que substitúe ao formato de produción propia A Revista e que ten un custo un 154% superior, segundo o persoal en folga

A folga indefinida convocada polo persoal da CRTVG para protestar contra a substitución do histórico programa de produción propia A Revista por un novo contido externalizado (O Termómetro) chegou este luns á súa 16ª xornada, na sexta semana de protestas. No paro, ampliado desta volta na súa duración (de 11:30 a 13:45) os traballadores e traballadoras volveron paralizar a emisión de O Termómetro.

A protesta, que incluíu unha concentración do persoal na porta da sede da CRTVG, puxo o foco desta volta no "malgasto de cartos públicos que supón" a externalización de contidos que pasan a ser realizados por empresas e persoal alleos á compañía pública. Neste caso, denuncian, a emisión de O Termómetro ten un custo por hora un 154% superior ao de A Revista.

O paro supuxo a paralización total de O Termómetro © Comité Intercentros CRTVG

Traballadores e traballadoras denuncian "a incesante privatización dos contidos da radio e da televisión pública nos últimos 15 anos"

O persoal en folga simbolizaron esta protesta con lanzamento de billetes durante a concentración que un día máis levaron a cabo.

Traballadores e traballadoras denuncian "a incesante privatización dos contidos da radio e da televisión pública nos últimos 15 anos", cunha "progresiva eliminación ou privatización" de programas nos dous medios durante todo o mandato da actual dirección da CRTVG (A Revista da Tarde e Fin de Semana, Alalá, Planeta Cine, Vivir Aquí, Estudio 3, Sala 5, Atmosféricos, Convivir en Igualdade…).

O persoal en folga acusa á dirección da CRTVG de negarse a negociar e de desbotar mesmo a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais

O persoal acusa á dirección da CRTVG de negarse a sentar a negociar unha solución, a pesar de que xa en 15 ocasións non se puido emitir o programa O Termómetro polas protestas. "A empresa non quixo ata o de agora sentar a dialogar, nin coas secretarías xerais dos sindicatos convocantes (CUT, CIG, UXT e CCOO), que solicitaron unha xuntanza co director xeral para mediar no conflito, nin aceptando a mediación solicitada polo Comité Intercentros no Consello Galego de Relacións Laborais, que a dirección desbotou o venres pasado", denuncia o Comité Intercentros.

Mobilización do persoal en folga da CRTVG, ás portas da sede da compañía © Comité Intercentros CRTVG

Este martes está prevista a celebración de asembleas para avaliar a folga e decidir o rumbo no que debe continuar

Os traballadores e traballadoras en folga critican ademais que a dirección "limitouse ata o de agora a intentar amedrentar ao comité de folga acusándoo de presionar ao persoal para que secunde os paros" ou advertindo sobre a utilización do megáfono no interior das instalación. Así mesmo, sinalan que o departamento de Recursos Humanos comunicoulles aos sindicatos que a partir do 1 de xaneiro "gozarían únicamente do crédito sindical horario que establece o Estatuto das Traballadoras", poñendo fin "unilateralmente" a un acordo en vigor na liña do existente en todas as administracións públicas. 

Este martes está prevista a celebración de asembleas para avaliar a folga e decidir o rumbo no que debe continuar, informa o Comité Intercentros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.