A primeira folga indefinida nos medios de comunicación públicos de Galicia comeza con boas valoracións internas de participación ante a "situación insostible" que trasladan as profesionais, que piden á sociedade que tome conciencia do "perigo extremo" ao que se enfronta a CRTVG
De primeiro un “revolto de propaganda do PP”, de segundo “privatización crocante con molho de favores políticos” e para a sobremesa “doce de mentiras financiadas con cartos públicos”. Con este 'menú' comeza a primeira folga indefinida na Corporación da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Tras catro xornadas, os paros dos luns, mércores e venres pola mañá que lograron paralizar a emisión en directo da TVG pasan a ser indefinidos reclamando que remate a externalización de contidos como vía para o “desmantelamento” dos medios públicos e a “manipulación” da información.
A valoración da folga internamente é moi positiva a pesar da “situación insostible” que trasladan as profesionais da CRTVG. Diferentes profesionais dos medios de comunicación públicos de Galicia consultados por Praza.gal inciden en que o cadro de persoal xa está “organizado” para poder levar a cabo esta folga indefinida, que vaticinan será “moi dura”. “A sensación entre nós é que estamos nun punto de inflexión”, salientan.
“Non estamos reclamando que nos incrementen os soldos, as nosas condicións laborais nin o convenio colectivo. Isto vai moito máis alá. Están empregando os medios públicos como unha ferramenta de propaganda do partido no goberno, están a externalizar programas que antes eran de elaboración propia e que se facían cos medios da CRTVG, e con índices de audiencia como os que din que hai agora”, critican desde o comité de folga.
Os sindicatos rexeitan os argumentos da CRTVG para defender a externalización, relacionados co deber que ten o ente público de promocionar o audiovisual galego ao contratar o programa ‘O Termómetro’ e, ademais, sinalan que a produtora contratada “é filial dunha empresa con capital e sede en Madrid vencellada a persoas que ocuparon postos de responsabilidade no Partido Popular”. Para a representación das traballadoras resulta “inaceptable que se destinen 16.000 euros diarios para que unha empresa produza o mesmo que antes elaboraba o persoal da Corporación”; facéndoo, á súa vez, con “medios técnicos e documentais públicos”.
"Están empregando os medios públicos como unha ferramenta de propaganda do partido no goberno", denuncian desde o comité de folga
É por isto que un dos obxectivos destes primeiros cinco días de folga foi a paralización da emisión do programa ‘O Termómetro’. A folga pasa a ser indefinida desde este mércores tamén pola falta de diálogo por parte da empresa, segundo explican desde o comité de folga a Praza.gal, que tivo información sobre unha oferta do comité á dirección da CRTVG para que o programa que substitúe a ‘A Revista’ nas mañás cumprise a temporada e despois se recuperase o espazo para a produción pública. Esta proposta, segundo as mesmas fontes, recibiu unha negativa por parte da Corporación.
Traballadores da CRTVG vinculan a externalización de programas, que comezou na Radio Galega en programas como o ‘Convivir’ (agora, ‘Seres’), a un maior “control” dos contidos. “A empresa non só manipula onde sempre o fixo, nas novas e en dar os datos que lle interesa, senón que tamén o fai cos datos do seguimento da folga: puidemos contar a xente que entraba a traballar desde a madrugada e a metade das persoas que estaban traballando pararon neste quinto día”, trasladan desde o comité de folga. A dirección da CRTVG trasladou este mércores que foi un 26,7% do persoal o que secundou a folga.
Este mércores as traballadoras en folga na CRTVG encomendáronse ao Apóstolo Santiago desde a Praza do Obradoiro coa intención de que “intermedie” para que se escoiten as súas reivindicacións. Xa lanzaron un SOS desde a porta principal da sede de San Marcos este luns, durante a concentración no cuarto día de protestas, para tratar de chegar á cidadanía coa súa mensaxe, que aposta por “unha CRTVG ao servizo do pobo”.
En concreto, desde o comité de folga destacan que enviaron “un SOS moi grande a toda a prensa para que dunha vez se informe á prensa do que está a pasar coa externalización, coa manipulación e con esa nova lei de medios que se trata de aprobar e que ten unha ILP en resposta xa en marcha para a recollida de sinaturas: é preciso levar o Parlamento que unha lei na que o PP vai poder nomear o director xeral dos medios públicos sen o consenso que antes era necesario en teoría (pois nunca foi aplicado)”.
Denuncian “o cerco que o sistema mediático galego afín ao réxime está a levantar para ocultar esta nova mobilización do persoal dos medios públicos de comunicación, empezando pola propia CRTVG”. Nestas cinco xornadas de folga non se informou na TVG nin na Radio Galega da existencia da protesta nin dos motivos que a provocan. Só se escoitou unha mensaxe de solidariedade cos folguistas nun comentario dun colaborador no programa das mañás da Radio Galega, que entrou en directo.
"As traballadoras non podemos conseguir cambios soas, a sociedade galega ten que tomar conciencia e reclamar uns medios públicos independentes, plurais e de calidade. É unha cuestión de saúde democrática", aseguran as traballadoras da CRTVG
Os partidos da oposición galega mostraron o seu apoio á folga achegándose ata a sede da CRTVG en San Marcos. A deputada Olalla Rodil fíxoo en representación do BNG e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en nome dos socialistas galegos. Tamén desde os sindicatos, estes días participaron nas concentracións Amelia Pérez de CCOO ou Paulo Carril da CIG.
A privatización da produción, o desmantelamento progresivo da redacción, o avance na manipulación informativa e a falta de pluralidade levan máis de seis anos mobilizando a gran parte do persoal dos medios de comunicación públicos do país no movemento Defende A Galega, que esta semana chegará aos 335 ‘venres negros’.
“Vemos xa ata responsables de informativos dos medios públicos opinando e editorializando abertamente. E temos diante un anteproxecto de lei para os medios públicos absolutamente regresivo, que reforza o control político e non inclúe nin contrapesos nin verdadeira participación dos traballadores e que tamén ameaza a principal razón da ser da CRTVG, o uso exclusivo do galego”, inciden as profesionais, que ven esta folga indefinida como “un paso máis para transmitirlle á sociedade galega o perigo extremo ao que nos enfrontamos”. “As traballadoras non podemos conseguir cambios soas, a sociedade galega ten que tomar conciencia e reclamar uns medios públicos independentes, plurais e de calidade. É unha cuestión de saúde democrática”, aseveran.