A folga na CRTVG volve interromper a emisión ao vivo e o comité acusa a dirección de tentar "rebentala"

Concentración ás portas da sede central da CRTVG durante a segunda xornada de folga, este 9 de outubro CC-BY-NC-SA Comité de folga

A Televisión de Galicia ofreceu unha reposición do programa emitido no serán do día previo en horario do programa en directo 'O Termómetro', no albo das críticas do comité de folga como mostra da "entrega da produción a mans privadas", acusan

Na mañá deste 9 de outubro pasaban 40 minutos e 27 segundos das 12 do mediodía cando, na pantalla da Televisión de Galicia, figuraba un reloxo segundo o cal faltaban catro minutos menos dezaseis segundos para as oito da tarde. Nomeadamente, para as 8 da tarde do día anterior, xa que se trataba dunha reposición -sen indicación de ser tal- do espazo Hora Galega, que se emite a partir das 19:00.

Nesa franxa horaria tería que estar a emitirse o programa O Termómetro, a coprodución da canle pública con dúas produtoras privadas que levou de vez o Comité Intercentros da CRTVG a ir á folga por consideráreno a mellor mostra da "entrega da produción a mans privadas" que facilita, acusan, a "manipulación" informativa. Como na primeira xornada de folga, desenvolvida o pasado luns, a mobilización logrou paralizar a emisión, que acabou principiando contra as 13:00.

Emisión da Televisión de Galicia ás 12:40 do mediodía deste 9 de outubro, coa reposición do programa do serán previo CC-BY-NC-SA Praza.gal

O persoal mobilizado considera esta paralización a mellor mostra do éxito da súa aposta por pararen hora e media (de 11:30 a 13:00) cada dous días cadrando coa emisión do devandito espazo. Mais tamén advirten de que se están a mobilizar nun contexto no que, acusan, a dirección da corporación pública tenta "rebentar a folga".

"Puxeron toda a carne no asador para tentar manter a emisión do programa como for", afirma o persoal mobilizado, que acusa a corporación pública de "colocar en postos chave a persoas afíns que permitan sacar o produto ao aire"

"Puxeron toda a carne no asador para tentar manter a emisión do programa como for", mantén o comité de folga, cuxos membros sosteñen que a dirección "colocou en postos chave a persoas afíns á empresa que permitisen sacar o produto ao aire", se ben non o lograron "grazas á conciencia e solidariedade doutras persoas que secundaron o paro". Neste sentido, e sempre segundo a versión do comité, a área de recursos humanos da CRTVG decidiu tamén mudar "para o horario de tarde" a un produtor e un realizador que terían que traballar na franxa d'O Termómetro, "coa intención de quitalos do medio polas súa condición de folguistas.

Novas accións e cifras de participación

"As persoas afectadas -anuncian- recorrerán estas modificacións" horarias "por consideralas represalias coas que a empresa tenta blindar a emisión nun contexto de folga". Nunha "improvisada asemblea" durante a concentración que desenvolveron ás portas da sede central dos medios públicos en San Marcos, o comité avanzou tamén a apertura dun "fondo solidario para recibir contribucións que permitan soster a folga", que nos vindeiros días modificará os seus horarios.

Concentración ás portas da sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago) durante a segunda xornada de folga, este mércores

Con este pano de fondo, o comité de folga discrepa ademais das cifras da corporación segundo as cales, din, "na quenda da mañá afectada polo horario habería 520 persoas en condicións de traballar nos cinco centros de traballo" da CRTVG. "Os convocantes contabilizaron en total apenas 334 efectivos, dos que 61 están en servizos mínimos e teñen a obriga de traballar", polo que "273 persoas podían parar" e fixérono 135, din, un 50% que a corporación rebaixa ao 30,1%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.