A primeira xornada de paros na Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) logra paralizar a emisión na televisión pública durante hora e media, entre as 11.30 e as 13 horas, e que o programa O Termómetro, realizado en coprodución xunto a dúas empresas externas e un dos motivos que precipitou esta folga, tivese que interromper o seu directo.
Sindicatos dos medios públicos consideran "moi exitoso" o seguimento da folga, a pesar dos "abusivos" servizos mínimos decretados pola dirección do ente calculan que houbo "máis de cen traballadores" na concentración á entrada da sede central en San Marcos. Tamén pararon na mañá deste luns as traballadoras e traballadores das catro delegacións.
O Comité Intercentros da CRTVG, como representante das traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos, conta co aval das asembleas do persoal para convocar os paros parciais, de 11.30 a 13 horas, que comezaron este luns e seguirán, en xornadas intermitentes, sempre os luns, mércores e venres. Se tras os catro primeiros días de paróns non hai avances por parte da corporación que permitan a desconvocatoria da folga, a mobilización pasará a ser indefinida, mantendo cadencia e horario.
Consideran "abusivos" os servizos mínimos polo número excesivo de efectivos convocados a traballar
A representación do cadro de persoal considera "abusivos" os servizos mínimos polo número excesivo de efectivos convocados a traballar. Incide en que son "practicamente os mesmos que para unha folga de xornada completa, como recoñeceu o director de Recursos Humanos na reunión de negociación mantida in extremis o xoves, o día antes da súa publicación".
Dende o comité de folga lamentan a actitude mantida pola empresa nunha negociación na que, a xuízo da representación sindical, "a dirección da CRTVG obvia a xurisprudencia ao respecto do que se consideran informacións esenciais nun contexto de folga para evitar que o esforzo e a reclamación das traballadoras folguistas teñan repercusión pública impactando na programación habitual".
O comité critica que están "trasladando progresivamente a mans privadas e afíns ao Goberno do Partido Popular o relato do que ocorre en Galicia, unha estratexia que profundará a manipulación informativa"
A "motivación inmediata" dos paros que van continuar os días 9, 11 e 14 de outubro é a substitución dun programa dependente dos servizos informativos e de produción propia, A Revista, con case trinta anos de emisión, por O Termómetro, un formato case idéntido que incluso recolle os mesmos colaboradores, pero en coprodución con Setemedia S.L. e O Papaventos TV, filial galega da estatal La Cometa.
Desde o comité explican que a carga de traballo derivada a empresas privadas de fóra "non só multiplica inxustificadamente o gasto público (un contrato dunha temporada de máis dun millón de euros, 16.000 euros por programa) senón que devalúa as funcións das traballadoras e traballadores dos medios galegos de titularidade autonómica, que están a derivar en empaquetadores de contidos para distintos soportes, trasladando progresivamente a mans privadas e afíns ao Goberno do Partido Popular o relato do que ocorre en Galicia, unha estratexia que profundará a manipulación informativa".
A externalización de contidos que vén multiplicándose na TVG tamén chegou esta temporada á Radio Galega, onde o comité alerta de que suprimiron "espazos de servizo público esencial" como os programas Convivir en Igualdadade ou Sala 5.
O persoal da CRTVG contou co apoio de Maja Sever, a primeira muller presidenta da Federación Europea de Xornalistas
Trátase dunha mobilización que se prevé longa e que pode acabar na primeira folga indefinida nos medios de comunicación públicos de Galicia. Na concentración deste luns, o persoal da CRTVG contou co apoio de Maja Sever, a primeira muller presidenta da Federación Europea de Xornalistas, que está en Santiago de Compostela para participar nunha xornada organizada polo Colexio de Xornalistas e a Agrupación de Xornalistas de Comisións Obreiras sobre a aplicación do Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, que se celebra na tarde deste luns na Facultade de Ciencias da Comunicación, na que tamén avaliarán o anteproxecto para os medios públicos que presentou este verán a Xunta.
Maja Sever advertiu que os medios de comunicación públicos son "un piar" para unha sociedade libre e democrática e sinalou que a folga na CRTVG reflicte "problemas profundos coa privatización da programación, a subcontratación e o impacto na independencia". "Os traballadores loitan pola produción propia, un mellor contido e unha seguridade laboral", manifestou desde San Marcos.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este luns o seu "respecto pola xente que fai folga igual que haberá outra xente que decida non ir", mais aclarou que "o Goberno goberna, decide proxectos de lei" e que "as persoas que non estean de acordo cos proxectos de lei teñen un xeito de reaccionar que é facer unha folga".