O comité intercentros dos medios públicos lanza un calendario de paros contra a "entrega da produción a mans privadas"
"Un momento de máxima tensión". Así define o comité intercentros, máximo órgano de representación do persoal da Corporación Radio Televisión de Galicia, a situación actual das relacións laborais nos medios públicos de comunicación. A mesma que agora camiña cara a unha inédita folga indefinida.
Tras máis de media década de mobilizacións, tanto sindicais como a través da plataforma Defende a Galega, a temperatura do conflito sobe dende hai semanas. Pola lei que impulsa a Xunta para reformar outra volta o ente e que implicará, entre outros aspectos, que o PP poida remudar o actual director xeral sen precisar máis votos que os seus no Parlamento. Pero tamén, advirten, polo incremento da "entrega da produción a mans privadas".
Este último aspecto, a "externalización da programación", é precisamente o que motiva a nova mobilización laboral, notificada á CRTVG mediante o correspondente preaviso o pasado mércores, tras o visto e prace das asembleas do persoal. Serán, de entrada, catro xornadas de folga puntual -7, 9, 11 e 14 de outubro- que virarán en indefinida "de non terse producido acordo que permita o levantamento" da protesta.
A representación do persoal pon o foco no novo programa 'O termómetro', substituto do histórico 'A revista', unha coprodución con empresas privadas "no que a participación do persoal da CRTVG se limita á parte técnica"
O comité concentra estas xornadas de folga nunha franxa horaria moi concreta: de 11:30 a 13:00. Fano, explican, "por coincidir coa emisión do novo programa O Termómetro, unha coprodución sucesora do programa de produción propia A Revista, que levaba máis de vinte anos na grella da televisión pública". Este espazo, acusan, "dilapida recursos públicos" cun custo de "16.000 euros diarios" e "facilita a manipulación informativa, afondando na estratexia de desmantelamento dos medios".
Este programa, abonan, realízase nas instalacións centrais da CRTVG, en San Marcos (Santiago). Pero "a participación do persoal da CRTVG limítase á parte técnica" en eidos como "control de realización, iluminación, son e cámaras de plató". Pero "o control dos contidos" pasou "a mans das produtoras O Papaventos TV e Producións Audiovisuais Setemedia", dende "a dirección do programa" a "guionistas, xornalistas, presentadoras, persoal de produción, de vestiario, de xestión de pantallas e elaboración de directos".
"É inadmisible" o que o comité intercentros eleva á categoría de "malversación de recursos públicos para ceder a terceiros producións que viña elaborando de xeito case mimético o persoal da CRTVG con menos medios e orzamento". Este persoal, censuran, "resulta relegado a tarefas menores afastadas do servizo de información e comunicación audiovisual que ten encomendada a CRTVG" ou "perde directamente case toda a carga de traballo propia da súa categoría profesional".
O comité tamén liga a protesta coa lei que a Xunta ten en marcha para reformar a corporación e "transformar a radiotelevisión galega nun órgano de propaganda do PP", acusan
Con este pano de fondo, a reivindicación formal rexistrada polo comité no preaviso de folga insta a Corporación a "repoñer o auténtico diálogo social". "Reclamamos que se escoite, informe, dialogue e negocio de boa fe, como establecen a lexislación e o sentido común, coas representantes legais das traballadoras e traballadores" antes de aplicar "calquera cambio substancial".
O propio comité liga esta convocatoria ao contexto xeral marcado pola reforma da lei da CRTVG activda pola Xunta. Ese proxecto, advirten, "pretende transformar, directamente por lei, a radiotelevisión galega no maior órgano de propaganda do Partido Popular de Galicia". Trátase, afirman, dunha "burla á democracia" que "se prospera, tamén será enfrontada con contundencia polos seus profesionais".