A representación do persoal dos medios públicos galegos fai un chamamento para rachar con "esta perversa espiral" que evitou que a primeira xornada de folga tivese apenas repercusión "na meirande parte dos medios privados"
A representación das e dos profesionais dos medios públicos galegos, en medio da convocatoria de paros como protesta pola situación de “desmantelamento”, “privatización” e “manipulación informativa” da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) fai un chamamento “ás compañeiras e compañeiros doutros medios para que contribúan, na medida das súas posibilidades, a rachar coa espiral de silencio que impera no sistema mediático galego e na que se sustenta o réxime”.
Na véspera da segunda xornada de folga na CRTVG, que volverá tratar de evitar a emisión en directo da TVG e mais da Radio Galega entre as 11:30 e as 13 horas, o comité de folga dos medios públicos de comunicación critica que “esta perversa espiral” que evitou que a primeira xornada de folga, que se desenvolveu este luns, tivese apenas repercusión “na meirande parte dos medios privados que traballan en e desde Galicia”.
Neste sentido, desde o comité intercentros da CRTVG, que representa a todo o persoal dos medios públicos galegos, critican que todas as información relativas á mobilización deste luns apareceron “nun número limitado de medios que actúan como fisuras polas que consegue coarse unha parte da realidade galega que cada día outras empresas de comunicación ocultan, como esta nova folga da CRTVG”.
A representación do persoal da CRTVG agradece os esforzos "que cada día moitas persoas fan nas diversas redaccións para intentar abrir fiestras de información que recollan o relato plural da sociedade galega"
Unha folga que pode converterse na primeira con carácter indefinido nos medios públicos galegos, onde unha parte do persoal leva 333 semanas mobilizada no movemento Defende A Galega, que cada ‘venres negro’ denuncia a “manipulación” e as inxerencias no traballo que, inciden, chegan a diario desde o Goberno galego.
Co coñecemento de que “a manipulación informativa non só afecta á CRTVG”, o comité intercentros expresa o seu apoio ás profesionais que prestan servizos nesas empresas xornalísticas “que tamén están amordazas e agradece os esforzos que lle consta que cada día moitas persoas fan nas diversas redaccións para intentar abrir fiestras de información que recollan o relato plural da sociedade galega”.