O comité dos medios públicos solicita a intervención do máximo órgano extraxudicial galego para dirimir conflitos no eido do traballo despois de que a dirección da corporación se "negase" a "abrir o diálogo" cos folguistas
Dúas semanas dunha folga a recruar e sen negociación á vista. O persoal mobilizado na CRTVG contra a "externalización da programación", a "recuperación da produción propia" na franxa matinal da Televisión de Galicia e a "reposición do auténtico diálogo", mais tamén coas protestas por inxerencias gobernamentais e manipulación informativa como pano de fondo, opta por ir un paso máis alá.
Coa protesta de paros de 11:30 a 13:00 en días alternos convertida en indefinida e ás portas de ser ampliada -45 minutos máis dende o 11 de novembro e diaria dende o 1 de decembro-, o comité de folga diríxese ao máximo órgano extraxudicial galego para dirimir conflitos no eido do traballo. Trátase do Consello Galego de Relacións Laborais, organismo conformado paritariamente por sindicatos e patronal.
Fano, explican na solicitude formal xa cursada ante o CGRL, coa intención de "abrir o diálogo que ata agora nos foi negado". A negativa, especifican, é sustentada pola corporación pública co argumento de que "a externalización do programa O Termómetro", que remudou o histórico espazo A Revista, "non ten afectación sobre as condicións de traballo", mentres que o comité considera que "impacta de cheo" nelas, "como explicaremos se se nos permite".
A propia solicitude, asinada pola presidenta do comité intercentros, Raquel Lema (CUT), explica que a petición de mediación está avalada por 11 dos 13 membros do órgano (a propia CUT canda á CIG, UGT e CC.OO, que impulsan a folga). O quinto sindicato, USO, que ten 2 membros e non participa da folga, "manifestou en xuntanza ordinaria" do comité que "acudiría á mediación se se produce".
SOS en Riazor para "rachar co cerco mediático"
"Non deixaremos de berrar para tentar frear a morte anunciada dos medios públicos e conseguir reanimalos e rescatalos para poñelos ao servizo do pobo"
Alén da petición ao Consello Galego de Relacións Laborais, o persoal mobilizado continuou coas accións de protesta na que xa é decimocuarta xornada de folga. Fíxoo cunha nova concentración no exterior da sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago), onde recibiron o apoio do secretario xeral da CUT, Ricardo Castro, e mais da asociación Músicas ao Vivo a través a súa presidenta, a cantante Sheila Patricia.
Ao tempo, na Coruña, outro grupo de folguistas conformou un simbólico sinal de SOS na area da praia de Riazor coa lenda CRTVG en folga. Fixérono, detallan, coa intención de "rachar co cerco mediático que impide que a poboación galega reciba información sobre a existencia deste conflito" nos medios públicos e "poida tomar conciencia da situación extrema de desmantelamento e manipulación que denuncian hai anos". "Non deixaremos de berrar para tentar frear a morte anunciada dos medios públicos e conseguir reanimalos e rescatalos para poñelos ao servizo do pobo", agregan.