As direccións dos principais sindicatos únense ante o "non" do director da CRTVG a negociar en plena folga

Mobilización de persoal da CRTVG durante a folga, coa visita do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o pasado 16 de outubro CC-BY-SA Comité de Folga CRTVG

Os secretarios e secretaria xeral da CUT, CIG, UGT e CCOO asinan un contundente comunicado conxunto dirixido ao director xeral dos medios públicos tras a súa negativa a tratar con eles as reivindicacións do persoal en folga

Non é frecuente que as principais centrais sindicais de clase con representación en Galicia adopten unha posición conxunta con repercusión en todo o país. O que acontece de cando en vez en conflitos laborais de menor dimensión vén de suceder na Corporación Radio Televisión de Galicia, co engadido de que a unidade de acción vai alén do comité intercentros e mais da representación do persoal na folga e atinxe directamente ás direccións dos sindicatos.

Ricardo Castro, secretario xeral da CUT -central sindical con máis representación no comité dos medios públicos-, asina conxuntamente con Paulo Carril, secretario xeral da CIG; José Antonio Gómez, secretario xeral da UGT-Galicia e Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, un contundente comunicado conxunto dirixido ao director xeral da corporación pública despois da negativa de Alfonso Sánchez Izquierdo a reunirse con eles. Unha "demostración do seu nulo talante negociador" nun conflito, sosteñen, "xerado por unha xestión empresarial que visa apuntalar a manipulación informativa".

Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, nunha comparecencia no Parlamento © Parlamento de Galicia

Revelan os sindicatos que Sánchez Izquierdo respondeu á petición de encontro para "abordar a situación de conflitividade" nos medios públicos "por mor da convocatoria de folga" cunha carta na que alega "razóns puramente organizativas, de produción e estratéxicas" para que o espazo que substituíu o histórico A Revista, O Termómetro, sexa unha coprodución con dúas produtoras privadas. "Non atinxe a cuestións que afecten de xeito ao persoal", resaltan que respondeu.

Sánchez Izquierdo, din os sindicatos, respondeulles que a folga só pretende "crear un impacto negativo na rendibilidade da empresa, sen traducirse nunha mellora concreta para o persoal"

Nesa resposta, agregan, Sánchez Izquierdo amosa a súa convicción de que a folga non responde a unha cuestión laboral. "Só ten o obxectivo de crear un impacto negativo na rendibilidade da empresa, sen traducirse nunha mellora concreta para o persoal", acusa.

CUT, CIG, UGT e CC.OO discrepan "radicalmente" destas consideracións, "toda vez que a privatización da produción dos contidos audiovisuais dos medios públicos afecta negativamente ao volume de emprego" e ademais, "precariza as condicións laborais". Asemade, coidan, "externalizar espazos informativos afecta a funcións relacionadas cos dereitos fundamentais a comunicar e recibir libremente información veraz": se exercen a través de empresas privadas, argumentan, o persoal non ten a consideración de empregado ou empregada pública, "coa conseguinte desafección das obrigas legais impostas en relación co interese xeral".

Persoal da CRTVG en folga, nunha concentración en Vigo o 28 de outubro de 2024 CC-BY-NC-SA Comité de Folga CRTVG

Neste escenario, os secretarios e secretaria xeral destes sindicatos -catro dos cinco representados no comité intercentros, do que tamén participa USO- apelan á "responsabilidade" de Sánchez Izquierdo para "chegar a unha solución negociada do conflito, que impida a súa escalada e garanta unha prestación do servizo público escrupulosamente respectuosa cos dereitos laborais" e "decididamente comprometida cos valores democráticos, sociais e culturais que deben inspirar a actuación da CRTVG".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.