A primeira folga indefinida na historia dos medios públicos de comunicación galegos non só non cesa, senón que recrúa. Os paros en días alternos, que o comité ten en marcha dende mediados deste mes para denunciar o incremento da externalización de producións cara a empresas privadas e un consecuente incremento da "manipulación", durarán máis dende o 11 de novembro e virarán en diarios dende o 1 de decembro se a situación non mudou para daquela.
O persoal mobilizado opta por converter a mobilización en diaria de luns a venres dende o 1 de decembro ante a "negativa a dialogar" por parte do director xeral, que ven "irresponsable" e "neglixente"
A decisión de "endurecer" a folga, explican, débese á "negativa da dirección a dialogar". "Unha vez descartada a vía do diálogo pola dirección de recursos humanos" da corporación pública, explican, "os sindicatos solicitaron a mediación" de cadansúas secretarías xerais e así, o pasado día 23, os máximos responsables de CUT, CIG, UGT Galicia e CC.OO solicitaron unha xuntanza co director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. "Nun primeiro momento transmitiu a intención de aceptar o convite", pero este pasado martes "rexeitouno por motivos que se descoñecen".
O persoal mobilizado interpreta este xesto como unha "denegación da apertura do diálogo ao máximo nivel". Unha decisión "irresponsable" por parte do máximo dirixente da CRTVG, "neglixente e allea aos intereses do servizo público", coidan.
O comité de folga espera conseguir, ao prolongar os paros 45 minutos máis, que "non poida chegar a saír ao aire nin un minuto" do programa 'O Termómetro', que sinalan como "mecha do conflito"
Neste escenario, o comité de folga xa comunicou formalmente á empresa que os paros actuais, que se desenvolven os luns, mércores e venres de 11:30 a 13:00, durarán corenta e cinco minutos máis. O obxectivo, evidencian, é "impactar de cheo na emisión" d'O Termómetro, o espazo coproducido con dúas empresas privadas que sinalan como "mecha do conflito" e cuxa emisión veñen logrando interromper os folguistas.
Agora, din, procurarán que "non poida chegar a saír ao aire nin un minuto". E o mesmo procurarán, se antes non houber acordo, cando convertan os paros en diarios de luns a venres dende o 1 de decembro. Isto permitiría, "se a a convocatoria é secundada como ata agora, abortar por completo a emisión dese programa", indican nunha xornada na que recibiron novas visitas de apoio, desta volta o secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, e mais do mestre e poeta Lois Pérez, tamén integrante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Aprobado no Congreso o primeiro paso da reforma de RTVE
A mobilización de persoal da CRTVG tamén está encamiñada a rexeitar a nova lei dos medios públicos galegos. O proxecto impulsado pola Xunta que, entre outros aspectos, rebaixará o limiar parlamentario preciso na remuda do director xeral ata a maioría absoluta se non se logra a reforzada de dous terzos ou tres quintos , o que na práctica permitirá que a decisión o tome o PP en solitario.
A norma que permite rebaixar o limiar da elección do Consello de RTVE ao mesmo nivel que porá a Xunta na CRTVG sae adiante con 175 votos a prol e un en contra, o do BNG, que defendeu a "coherencia" de "defender o mesmo en Madrid que en Galiza" fronte á "hipocrísía" do PP
A maioría absoluta, precisamente, será o novo limiar para nomear o consello de administración Radio Televisión Española en caso de non existir apoio de dous terzos do Congreso. Así sucederá en virtude da reforma lanzada polo Goberno de España a través dun Real Decreto aprobado a pasada semana polo Consello de Ministros e convalidado este mércores no Congreso dos Deputados.
A nova norma saíu adiante con 175 votos a prol (PSOE, Sumar, PNV, Bildu, ERC e Junts) e un en contra, o do deputado do BNG. O deputado do Bloque, Néstor Rego, concedeu a existencia de aspectos "positivos" na reforma da corporación estatal, tales como os que propician unha maior "pluralidade" do consello, pero matizou que a súa opción é optar pola "coherencia" e "defender exactamente o mesmo en Madrid" para RTVE "que en Galiza" para RTVE, postura que insta a contrastar coa "hipocrisía" e "demagoxia" do PP.
Este mesmo mércores, a través de Alberto Núñez Feijóo, os populares volveron identificar a reforma estatal cunha operación para tomar "o control de RTVE" por parte do PSOE e os seus socios parlamentarios. Os populares non participaron na sesión do Congreso ao considerar "desprezable" que se mantivese a votación prevista malia á catástrofe provocada polo temporal na Comunitat Valenciana e Castilla-La Mancha.