O Consello de Ministros aproba a reforma que permitirá nomear o consello de RTVE por maioría absoluta nas Cortes se non se acada unha maioría reforzada de dous terzos, o mesmo sistema que a Xunta se dispón a aplicar na dirección xeral dos medios públicos galegos
Dúas reformas nos medios públicos practicamente simultáneas e na mesma dirección, aínda que con consecuencias lixeiramente dispares. O pasado verán o Goberno galego lanzou a súa nova lei dos medios públicos de comunicación, chamada a substituír a aprobada en 2011, que nunca chegou a cumprir integramente. Entre as novidades do texto impulsado polo gabinete de Alfonso Rueda está unha disposición segundo a cal se non se dan acadado maiorías reforzadas de dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45), a dirección xeral da CRTVG poderá ser elixida por maioría absoluta do Parlamento, isto é, actualmente só cos votos do PP.
Este martes o Consello de Ministros deu o visto e prace ao Real Decreto co que o Goberno de España introducirá unha nova mudanza na lexislación da que depende Radio Televisión Española (RTVE). Será para reformular a composición do seu máximo órgano directivo, o consello de administración, que pasará estar composto por 15 persoas no canto das 10 actuais para cuxa elección abondará coa maioría absoluta do Congreso (11 membros) e do Senado (4) se na primeira votación non se acadan a reforzada de dous terzos, isto é, 233 escanos.
O ministro para a Transformación Dixital e Función Pública, Óscar López, afirma que a intención última desta reforma é poñer fin á situación de "bloqueo" e interinidade que veñen padecendo os medios públicos de titularidade estatal. Na contorna do Goberno galego e do PP insístese en que a modificación nas normas para elixir o máximo responsable da Televisión de Galicia e da Radio Galega só persegue evitar "bloqueos" se non chega a existir un pacto do PP co BNG ou co PSdeG.
A principal diferenza entre as consecuencias de ambas reformas é que o Executivo de PSOE e Sumar seguirá obrigado a pactar os nomeamentos, mentres que para remudar o director xeral da CRTVG só serán precisos os votos do PP
O limiar, daquela, descenderá en ambas corporaciones ata o mesmo nivel, a maioría absoluta. A consecuencias políticas son, non obstante, diferentes no actual momento político. Mentres que en Galicia o PP ten na man elixir a quen considere para a dirección xeral da CRTVG, no Estado os compoñentes do Goberno de España (PSOE e Sumar) terán necesariamente que tecer un pacto con outras formacións, xa que xuntas só teñen 153 escanos.
No caso galego engádese ademais a circunstancia de que, no momento en que culmine o percorrido parlamentario da nova lei terán pasado xa máis de 15 anos dende que o actual director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, foi elixido para o posto directamente por Alberto Núñez Feijóo, ao abeiro do previsto na lei vixente daquela, a de 1984. A maioría reforzada que esixe a lei de 2011 nunca chegou a ser aplicada porque, aproveitando o trámite dos Orzamentos da Xunta para 2015, o PP introduciu unha reforma que virou o seu mandato en indefinido.
Ese xogo de maiorías, precisamente, é o que leva o ministro López a afirmar que o vindeiro Consello de RTVE será "o máis plural da historia". Dun imprescindible pacto entre PP e PSOE pasarase a un escenario no que na terna de 11 persoas propostas polo Congreso serán clave formacións coma o PNV, EH-Bildu, Podemos, Junts ou o BNG, mentres que no Senado os 4 representantes precisarán só do apoio da maioría absoluta coa que conta o PP. O "pluralismo", sostén, fica garantido e ademais, abonda, abrirase un período de "estabilidade" fronte a un panorama actual no que 6 dos 10 membros do Consello teñen o mandato caducado.
Os populares, que na CRTVG defenden a fórmula como vía de "desbloqueo" se non é posible acadar pactos amplos, aseguran que a reforma de RTVE só persegue lograr o "control absoluto" para impoñer a "censura"
Fronte á defensa da fórmula de "desbloqueo" que vén sostendo en Galicia para xustificar as novas regras de xogo na CRTVG, o PP avanzou escasos minutos despois da comparecencia do ministro o seu rexeitamento á reforma -que, ao chegar pola vía do Real Decreto, terá que ser convalidada no Congreso-. Segundo o voceiro dos populares na Cámara Baixa, Miguel Tellado, a modificación só busca que Pedro Sánchez logre o "control absoluto" para impoñer "a censura" en RTVE. "Tentan tomar e ocupar as institucións", agregou.
O modelo de elección do consello de RTVE será, daquela, o mesmo que o da dirección xeral da CRTVG. Imita, en boa medida, o esquema concibido en tempos de José Luis Rodríguez Zapatero pero supera o aprobado polo Goberno do PP de Rajoy escasos meses despois de chegar ao poder, ao decidir que o mecanismo da maioría absoluta puidese ser empregado directamente, sen explorar maiorías reforzadas previas. A intención, explicara daquela Soraya Sáenz de Santamaría, era procurar o "desbloqueo" da corporación pública.